jueves, 1 de noviembre de 2012

Solemnidade de Tódolos Santos


A solemnidade de Tódolos Santos comezou a celebrarse en torno ao ano 800. É unha celebración que resume e concentra nun día todo o santoral do ano, pero que principalmente recorda aos santos anónimos sen fornela nin imaxe recoñecible nos retablos. Son innumerables as testemuñas fieis do Evanxeo, os seguidores das Benaventuranzas. Hoxe celebramos aos que souberon facerse pobres no espírito, aos sufridos, aos pacíficos, aos defensores da xustiza, aos perseguidos, aos misericordiosos, aos limpos de corazón.

Quen son eses santos? Son esa multitude innumerable de homes e mulleres, de toda raza, idade e condición, que se desviviron, polos demais, que venceron o egoísmo, que perdoaron sempre. Santos son os que fixeron da súa vida unha epifanía dos valores transcendentes; por iso os que buscan a Deus encóntrano con facilidade humanizado nos santos.

Parece que é Bernanos o que escribiu o seguinte: Perdín a infancia e non a podo reconquistar senón por medio da santidade". Que é, pois, a santidade? A santidade é a totalidade do espírito das Benaventuranzas, que se len no evanxeo da Misa. A totalidade é pobreza, mansedume, xustiza, pureza, paz, misericordia. É apertura e doazón que teñen como símbolo a confianza dun neno.
Santidade é ter conciencia efectiva de ser fillo de Deus. Este sentido de filiación debe ser acrecentado a través da purificación interior e así alcanzar a meta plena da nosa conformación con Deus.

Santidade é pluralidade. Cada un debe seguir a Cristo dende a súa propia circunstancia e talante; dende a súa nación, raza e lingua, nos días felices e cando a tribulación arranca bágoas do corazón; na soidade do claustro ou na vértixe da cidade; na boa e na mala saúde.

Alcanzar a santidade é descubrir o espírito de loanza e paz que debe animar toda a existencia. Buscar o bo sempre. Defender a teoloxía da bendición no medio de tantas maldicións.

A santidade é unha aventura, un risco que paga a pena correr. A transformación do mundo fixérona fundamentalmente os santos co seu testemuño de vida coherente que desbarata as rivalidades e crea a nova fraternidade. "No camiño cara a Cristo todos somos condiscípulos, compañeiros da viaxe á santidade".