sábado, 10 de mayo de 2014

LECTURAS

DOMINGO IV DE PASCUA   -  CICLO A

Primeira Lectura      Feit 2, 14a. 36-41
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Deus constituíuno Señor e Cristo
 
            O día de Pentecoste, Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e dixo:
            - Saiba con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a este Xesús a quen vós crucificastes.
            Ó sentiren isto, quedaron moi impresionados e dixéronlle a Pedro e aos outros apóstolos:
            Irmáns, que debemos facer?
            Pedro respondeulles:
            Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiredes o don do Espírito Santo. Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para todos os que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor, noso Deus.
            Con moitas outras palabras testificaba e animábaos, dicindo:
            Salvádevos desta xeración ruín.
            Os que recibiron a súa palabra foron bautizados: e ese mesmo día xuntáronselles arredor de tres mil almas.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
R/. (1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.
Ou: Aleluia.

O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;

Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.

O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
tódolos días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.


Segunda Lectura    1Pe 2, 20b-25
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Convertéstesvos ao pastor das vosas almas
 
            Benqueridos irmáns:
            Se vos portades ben e, mesmo así, aguantades sufrimentos, isto é precioso aos ollos de Deus.
            De feito chamouvos Deus para isto,
porque tamén Cristo sufriu por vós,
deixándovos así un exemplo para que sigades os seus pasos.
            El, que non fixo pecado,
nin engano se atopou na súa boca,
cando o aldraxaban, non devolvía aldraxes;
mentres sufría, non ameazaba,
senón que se puña nas mans do que xulga con xustiza.
            No seu corpo, el ofrendou os nosos pecados sobre a cruz,
para que nós, mortos ao pecado, vivamos para a xustiza:
curáronnos as súas chagas.
            Erades coma ovellas extraviadas,
pero agora volvéstesvos ao voso pegureiro e pastor.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

ALELUIA     Xn 10, 14
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Eu son o bo pastor, di o Señor;
coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme a min.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 10, 1-10
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu son a porta das ovellas
 
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:
            Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido.

            En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. A ese ábrelle o porteiro, e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado a todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz.
            Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.
            Díxolles Xesús esta alegoría, mais eles non coñeceron que era o que lles daba a entender.          
            Entón díxolles de novo:
            Con toda verdade volo aseguro: eu son a porta das ovellas. todos os que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase: entrará e sairá e atopará pasto.
            O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.


                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

- O sentido comunitario que tiñan cantos formaban parte dos primeiros grupos de cristiáns axudoulles a sentirse fortes e protexidos diante das dificultades e mesmo dos ataques e persecucións que tiveron que sufrir. Ao longo de todo este tempo pascual, o libro dos Feitos dos Apóstolos iranos mostrando como, día a día, ían descubrindo a necesidade de axudarse, de preocuparse uns polos outros, de non sentirse anónimos uns cos outros. Coñecíanse e recoñecíanse, e non só, inda que tamén, ao partir o pan. O seu recoñecemento era polo seu xeito de actuar, pola maneira de facer e dicir as cousas, pola súa entrega e coherencia para non deixarse levar da presión social ao saberse grupo minoritario, perseguido e sempre no punto de mira dos que desconfiaban deles. Tamén nós, nestes tempos de pluralidade e multitude de opcións relixiosas ou non, estamos chamados a presentar a alegría da fe como unha actitude fundamental que nos faga mostrar que acoller e seguir a Cristo na nosa vida non só é unha decisión en liberdade, senón, o que é máis importante, unha opción que pon en acción toda a nosa vida e conviccións. Que non todo vale, que non podemos/debemos despreocuparnos diante de situacións e comportamentos de inxustiza e opresión. Que a fe ten que asentarse non na nada do que non vemos, senón na confianza de quen acolle a Xesús resucitado na súa vida...non para encher tempo e entreterse en rezos, senón para facer unha sementeira de evanxeo nun mundo -o noso- necesitado de Boas Novas de salvación e esperanza. Que importante o testemuño que nos deixaron aqueles primeiros cristiáns!.

- Seguindo este mesmo vieiro da primeira lectura, a primeira carta de Pedro fai un chamamento á constancia, a non virse abaixo diante das dificultades; a saber botar áncoras que impidan que as cousas sexan sempre tan relativas que a dignidade e o respecto que nos merecen as persoas dependa do “cristal co que as mire cadaquén”, esquecendo que dignidade e respecto son dons que veñen “de serie” para quen acolle e decide vivir a fe en Xesús no seu vivir cotián. Non virse abaixo ás primeiras dificultades, saber buscar o positivo diante dunha manchea de problemas, aprender a deixar de laiarse para aproveitar eses folgos en construír e superar atrancos son actitudes que como seguidores de Xesús e polo tanto cristiáns confesantes debemos poñer cada en día en valor –práctica– superando a tentación da rutina ou do pesimismo de quen non sabe descubrir que nos luscos e fuscos da vida faise sempre presente Deus. O que nos falta, moitas das veces, é capacidade de escoita para descubrir esa presenza. Sabendo quen é o noso norte e o noso Pastor, non trabucaremos de camiño. É verdade, tamén, que seguiremos tendo atrancos e dificultades, pero nunca nos sentiremos solos.


- Entrar pola porta do curral, contra do que moitos pensan, non é sinónimo de gregarismo, sometemento ou manipulación. Todo o contraio, entrar por esta porta lévanos a descubrir, e a senti-lo gozo, de saber que non estamos solos, que ao noso lado hai moitas persoas que, coma nós, teñen o mesmo horizonte e camiñan por vieiros parecidos aos nosos, sen que por iso se sentan nin domesticados nin sometidos, senón totalmente libres. A diferenza dos pastores que queren controlar, mandar, impoñer, xulgar ou condenar, Cristo, o noso pastor, simplemente quere marcar camiño termando de nós, e deixando que ese camiño que El nos invita a seguir o fagamos sen prexuízos nin imposición, senón sentíndonos libres e con capacidade de optar e decidir. E porque o coñecemos e sabemos quen é, non temos nin medo nin vergoña a dicir que o seguimos e que nel atopamos acougo e sempre agarimo.