A ASCENSIÓN DO SEÑOR (CICLO C)
Esta
grandiosa festa da Ascensión do Señor abrangue mensaxes e ideas fondas e
sublimes. Nela, neste Cristo do que se nos di que “ascende” ó ceo, vén
construírse en certo modo a ponte airosa, ben asentada e segura, entre o ceo e
a terra, entre a divindade e a humanidade, entre o noso destino e o de Deus
mesmo. Con Xesús, irmán noso e fillo de Deus que ascende ós ceos, a humanidade
acada a salvación definitiva. Nela estamos incluídos todos nós xunto coas
xeracións pasadas, presentes e vindeiras.
Naturalmente as palabras “ceo” e “terra” hai que entendelas de maneira
simbólica, non física ou astronómica. Ben sabemos que o ceo de Deus está en
tódalas partes, e de maneira especial en todas e cada unha das persoas que o
queren. Todos e cada un de nós somos así en realidade “templos” de Deus. Dicir
polo tanto, como fai Lucas, que Xesús ascendeu ós ceos quere dicir que el,
trala súa vida, morte e resurrección, acadou a plenitude da súa unión con Deus
Pai. Non debemos tomar polo tanto ó pé da letra o relato de Lucas, como se o
ceo fose un lugar que estivese un pouco máis arriba ou moito máis arriba das
nubes que nos traen a chuvia. É só unha maneira de expresar o grandioso destino
de Xesús e de todos nós se somos verdadeiros seguidores de Xesús.
A Ascensión do Señor significa para nós que, posto que Xesús é o Fillo de Deus
encarnado ou humanizado, a terra e a humanidade toda están e estarán sempre
presentes ante o mesmo Deus para sempre, por toda unha eternidade. Pois Xesús,
o Fillo de Deus, é e será tamén para sempre un de nós. Xesús é o “Emmanuel”, é
dicir, o “Deus connosco”. Por iso, en certo modo, tamén nós poderiamos
chamarnos a nós mesmos “nós con Deus”, igual que Xesús é “Deus connosco”. En
Xesús humanidade e divindade están e estarán sempre estreitamente unidas.
En consecuencia, tanto nós estamos con el coma el connosco.
A Ascensión amósanos así cal é tamén o noso “camiño”, un camiño “ascendente”.
Xesús dixera de si mesmo que el non só é a Verdade e a Vida, senón tamén o
“Camiño”. Un camiño que todos estamos chamados e convidados a percorrer. Nunha
peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do seu Espírito, do Espírito
Santo que Xesús nos promete tamén hoxe: “Heivos mandar o don prometido por meu
Pai”.
Trátase dunha peregrinaxe, dunha “ascensión”, que non realizamos en solitario.
Unha peregrinaxe faise máis doada e alegre cando un vai con outros que o acompañan,
que lle dan azos e que lle fornecen canta axuda precisa. Os que cremos en
Cristo non cremos nel de maneira individual, desligados da crenza dos demais.
Formamos xuntos un pobo ou, na linguaxe de Paulo, un corpo con diversos
membros. Xesús vai sempre diante de nós, dirixíndonos, animándonos e dándonos
forzas.
Na súa carta ós Efesios fálanos efectivamente hoxe Paulo de que Cristo
resucitado e ascendido ós ceos é a “cabeza” da Igrexa. Deus Pai −dinos Paulo− é
quen someteu todo a Xesús e quen “o puxo por riba de todo como cabeza da
Igrexa, que é o seu corpo”. Nós somos, polo tanto, membros deste corpo
misterioso que ten en Xesús a súa “cabeza” que o dirixe e estimula. Xesús coida
así de tódolos membros do seu corpo místico, no que estamos incluídos nós.
Unha cabeza sen o seu corpo non ten sentido ningún. Sería unha cabeza morta,
sen vida. O corpo, separado dela, sería tamén un corpo morto, a punto de se
corromper e desaparecer. Por iso a plenitude de Xesús como cabeza do seu corpo
só pode ser tal se como cabeza ten un corpo unido a ela e vivificado por ela.
Ascensión de Xesús significa, polo tanto, que, se el como cabeza do seu corpo
místico xa ascendeu, esa ascensión non será plena ou perfecta mentres non
realicemos tamén nós esa mesma “ascensión” de Xesús e con el.
Estamos así todos chamados e convidados a realizar un esforzo común, ben unidos
á nosa cabeza, cara a unha meta grandiosa e fermosa, que ninguén no fondo pode
deixar de apetecer. Porque quen non quere vivir sempre?, quen non busca a
verdade total?, quen non quere acertar co camiño que o leve a unha meta de
felicidade sen termo? Pois ben, todo isto só o podemos acadar manténdonos
ben unidos á nosa cabeza.
Estes desexos son, por outra banda, comúns a tódalas persoas. Ninguén carece
deles. Por iso, así como a cabeza ten que estar unida ó resto do corpo para que
haxa vida e se poida falar dun corpo ou dunha persoa viva, así tamén é o corpo
un conxunto unido de membros e de órganos diversos. Cada unha das partes do
corpo depende das outras. Do mesmo xeito formamos tamén entre todos un fermoso
corpo, o corpo místico de Cristo, cabeza nosa, que nos salva e dá vida. De modo
que as mans ou os pés dese corpo non se poden considerar verdadeiramente salvados
se só son eles os que se salvan. Desa maneira o corpo deixaría de ser un
verdadeiro corpo. Sería algo deforme ou monstruoso.
Ascensión do Señor quere dicir tamén, por tanto, que só podemos “ascender”,
unidos á nosa cabeza Cristo, se nos mantemos unidos non só coa nosa cabeza
senón tamén cos demais membros deste misterioso corpo de Cristo. E estes outros
membros do corpo místico de Cristo son tódalas persoas do mundo, de calquera
cultura, relixión, lingua ou clase social que sexan.
Para rematar. Coa Ascensión de Xesús, que vén sendo o cumio da súa
Resurrección, estamos consecuentemente chamados todos a agradecer a grandeza de
Deus Pai e dos seus proxectos sobre nós. Paulo fálanos hoxe de que deberiamos
abrir os ollos para intentar comprender “o vigor da potencia e da forza” de
Deus Pai en relación connosco.
Como se nos amosa este “vigor”? Paulo explícanolo dicindo que Deus Pai exerceu
o seu vigor e a súa forza “resucitando a Cristo de entre os mortos e sentándoo
á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda
virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo
e tamén no vindeiro”.
De modo que, se toda Eucaristía é agradecemento a Deus, hoxe debería selo de
maneira especial por ternos concedido na Ascensión de Xesús o gratuíto don seu
da nosa propia futura Ascensión onda El polos méritos do seu fillo Xesús
Cristo.
ORACIÓN DOS
FIEIS
Deus, noso Pai, a
Ti, que nos mandaches o teu fillo Xesús como “o camiño, a verdade e a vida”,
dirixímosche a nosas oracións, por medio do teu Fillo Xesús e na forza do
Espírito Santo, dicindo: Escóitanos, Pai.
Todos:
ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos,
Pai, a vermos en Xesús, que ascende ós cos, o camiño que a través da nosa vida
nos leva cara a Ti.
Todos: ESCÓITANOS,
PAI.
- Axúdanos, Pai,
a vermos a humanidade toda como destinada a se superar cada vez máis a si mesma
nun ascenso continuo cara arriba, cara un comportamento individual e social
cada vez máis fraternal e humano.
Todos: ESCÓITANOS,
PAI.
- Axuda, Pai, a
tódalas persoas e países do mundo a superaren a súa situación de violencia e
desamparo en que se atopan.
Todos: ESCÓITANOS,
PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso, que hoxe ascende ós ceos. TODOS: AMÉN.
Manuel Cabada Castro