domingo, 2 de noviembre de 2014

LECTURAS

SOLEMNIDADE DOS FIEIS DEFUNTOS

NOTA SOBRE AS LECTURAS:
As lecturas deste día tómanse das moitas que hai a elixir da misa de exequias, estas están elixidas
 segundo o calendario Litúrxico Pastoral da Conferencia Episcopal Española
http://muscatolica.com/2014/10/30/moniciones-para-la-eucaristia-del-domingo-02-de-noviembre-fieles-difuntos/



Primeira Lectura   Lam 3, 17- 26
LECTURA DO LIBRO DAS LAMENTACIÓNS
Está ben esperar en silencio a salvación do Señor

Afasta a miña vida da fartura, esquézome da felicidade,
e digo: "Acabouse a miña superioridade e a miña esperanza no Señor".

Zain . Lémbrate da miña miseria e do meu desterro, que son asente e veleno.
Lémbrate de que a miña culpa está mandando ó abismo a miña vida.
Isto traio no meu corazón, por isto teño esperanza:
Het . as bondades do Señor non se acabaron, nin tampouco desapareceron as súas misericordias,
pois son novas cada mañá, a túa fidelidade é grande.
O Señor é o quiñón da miña herdanza di o meu corazón, por isto teño esperanza nel.
Tet . Bo é o Señor para quen espera nel, para aquel que o busca.
É bo que un espere en silencio a salvación do Señor.

   
     Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL  Sal 129, 1-8
R/ (cf 1): Desde os abismos chámote, Señor
Ou tamén: (cf. 5): Eu espero no Señor, confío na súa Palabra

Desde os abismos
Cántiga das subidas.

Desde os abismos chámote, Señor;
escoita, Señor, a miña voz.
Ten atentos os oídos
ó clamor da miña súplica.

Se ti levas conta dos pecados,
¿quen, Señor, se terá en pé?
Mais en ti está o perdón,
para te faceres respectar.

Eu espero no Señor, a miña alma espera;
eu confío na súa palabra.
A miña alma vólvese ó Señor,
máis do que os vixías á aurora.
Se os vixías esperan a aurora,
que Israel espere ó Señor,
pois no Señor está o amor
e a redención cumprida.

El é quen redime a Israel
de tódolos pecados.



Segunda Lectura   Rom 6, 3-9
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Andemos na novidade de vida


¿Ou ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del? Enterrámonos, logo, con el polo bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. Pois se fomos enxertados nel pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha resurrección semellante.
Tendo en conta isto, o noso home vello foi crucificado, para que fose destruído o corpo pecador, a fin de non servirmos máis ó pecado. Porque o que morre queda liberado do pecado.
Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El.

    Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus 



Evanxeo   Xn 14, 1-6
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Na casa do meu Pai hai moitas moradas


Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño.
Dille Tomé:
Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos saber o camiño?
Xesús respondeulle:
Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min.


        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo  

REFLEXIÓN

Podemos ignorala. Non falar dela. Vivir intensamente cada día e esquecernos de todo o demais. Pero non o podemos evitar. Tarde ou cedo, a morte vai visitando os nosos fogares arrebatándonos aos nosos seres máis queridos.

Como reaccionar ante ese accidente que se nos leva para sempre ao noso fillo? Que actitude adoptar ante a agonía do esposo que nos di o seu último adeus? Que facer ante o baleiro que van deixando na nosa vida tantos amigos e persoas queridas?

A morte é como unha porta que traspasa cada persoa a soas. Unha vez pechada a porta, o morto ocúltasenos para sempre. Non sabemos que foi del. Ese ser tan querido e próximo pérdesenos agora no misterio. Como vivir esa experiencia de impotencia, desconcerto e pena inmensa?

Non é fácil. Durante estes anos habemos ir cambiando moito por dentro. Fixémonos máis críticos, pero tamén máis vulnerables. Máis escépticos, pero tamén máis necesitados. Sabemos mellor que nunca que non podemos darnos a nós mesmos todo o que no fondo anhela o ser humano.

Por iso quero lembrar, precisamente nesta sociedade, unhas palabras de Xesús que só poden resoar en nós, se somos capaces de abrirnos con humildade ao misterio último que nos envolve a todos: «Non se turbe o voso corazón. Crede en Deus Crede tamén en min».

Creo que case todos, crentes, pouco crentes, menos crentes ou malos crentes, podemos facer dúas cousas ante a morte: chorar e rezar. Cada un e cada unha, desde a súa pequena fe. Unha fe convencida ou unha fe vacilante e case apagada. Nós temos moitos problemas coa nosa fe, pero Deus non ten problema algún para entender a nosa impotencia e coñecer o que hai no fondo do noso corazón.

Cando tomo parte nun funeral, adoito pensar que, seguramente, os que nos reunimos alí, convocados pola morte dun ser querido, podemos dicirlle así: “Estamos aquí porque te seguimos querendo, pero agora non sabemos que facer por ti. A nosa fe é pequena e débil. Confiámoste ao misterio da Bondade de Deus. El é para ti un lugar máis seguro que todo o que nós che podemos ofrecer. Se feliz. Deus quérete como nós non soubemos quererte. Deixámoste nas súas mans.”
 

José Antonio Pagola