domingo, 2 de noviembre de 2014

LECTURAS

SOLEMNIDADE DOS FIEIS DEFUNTOS

NOTA SOBRE AS LECTURAS:
As lecturas deste día tómanse das moitas que hai a elixir da misa de exequias, estas están elixidas
 segundo o calendario Litúrxico Pastoral da Conferencia Episcopal Española
http://muscatolica.com/2014/10/30/moniciones-para-la-eucaristia-del-domingo-02-de-noviembre-fieles-difuntos/



Primeira Lectura   Lam 3, 17- 26
LECTURA DO LIBRO DAS LAMENTACIÓNS
Está ben esperar en silencio a salvación do Señor

Afasta a miña vida da fartura, esquézome da felicidade,
e digo: "Acabouse a miña superioridade e a miña esperanza no Señor".

Zain . Lémbrate da miña miseria e do meu desterro, que son asente e veleno.
Lémbrate de que a miña culpa está mandando ó abismo a miña vida.
Isto traio no meu corazón, por isto teño esperanza:
Het . as bondades do Señor non se acabaron, nin tampouco desapareceron as súas misericordias,
pois son novas cada mañá, a túa fidelidade é grande.
O Señor é o quiñón da miña herdanza di o meu corazón, por isto teño esperanza nel.
Tet . Bo é o Señor para quen espera nel, para aquel que o busca.
É bo que un espere en silencio a salvación do Señor.

   
     Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL  Sal 129, 1-8
R/ (cf 1): Desde os abismos chámote, Señor
Ou tamén: (cf. 5): Eu espero no Señor, confío na súa Palabra

Desde os abismos
Cántiga das subidas.

Desde os abismos chámote, Señor;
escoita, Señor, a miña voz.
Ten atentos os oídos
ó clamor da miña súplica.

Se ti levas conta dos pecados,
¿quen, Señor, se terá en pé?
Mais en ti está o perdón,
para te faceres respectar.

Eu espero no Señor, a miña alma espera;
eu confío na súa palabra.
A miña alma vólvese ó Señor,
máis do que os vixías á aurora.
Se os vixías esperan a aurora,
que Israel espere ó Señor,
pois no Señor está o amor
e a redención cumprida.

El é quen redime a Israel
de tódolos pecados.



Segunda Lectura   Rom 6, 3-9
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Andemos na novidade de vida


¿Ou ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del? Enterrámonos, logo, con el polo bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. Pois se fomos enxertados nel pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha resurrección semellante.
Tendo en conta isto, o noso home vello foi crucificado, para que fose destruído o corpo pecador, a fin de non servirmos máis ó pecado. Porque o que morre queda liberado do pecado.
Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El.

    Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus 



Evanxeo   Xn 14, 1-6
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Na casa do meu Pai hai moitas moradas


Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño.
Dille Tomé:
Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos saber o camiño?
Xesús respondeulle:
Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min.


        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo  

No hay comentarios:

Publicar un comentario