domingo, 18 de junio de 2023

DEUS ESTÁ AQUÍ

 Mes de xuño, mes da eucaristía coa celebración de Corpus, e en Lugo ampliado e festexado especialmente na Oitava desa festa.

Son días especiais para todos os lucenses. Mostremos o noso amor e adoración a este sacramento, a Cristo presente realmente na Sagrada Forma que contemplamos, adoramos e amamos.

Lembrábanos Benedito XVI, nunha alocución falando sobre a eucaristía, contemplamos, adoramos e amamos a Aquel que durante a cea pascual, entregou o seu Corpo e o seu Sangue aos seus discípulos para estar con eles “todos os días, até o fin do mundo”.

Adoramos a Aquel que está ao comezo e ao final da nosa fe, sen o que non seriamos nada, sen o que non existiría nada, nada, absolutamente nada. Aquel por medio de quen se fixo todo; Aquel por quen fomos creados para a eternidade; Aquel que nos deu o seu propio Corpo e o seu propio Sangue. El está aquí, ante nós ofrecéndose ás nosas miradas.

E amámolo. E buscamos amar aínda máis xa que está aberto ás nosas preguntas, ao noso amor, sendo o Sacramento vivo e eficaz da presenza eterna do Salvador dos homes na súa Igrexa.

Se Cristo permanece en nós de que temos necesidade? Que nos falta? Se permanecemos en Cristo, que máis podemos desexar? É o noso hóspede e a nosa morada. Ditosos nós que estamos na súa casa! Que gozo ser nós mesmos a morada de tal hóspede! San Pierre- Julien Eymard

Convídovos, e rogo, a que non faltemos o domingo da Oitava (18 de xuño) á celebración da Ofrenda ao Santísimo Sacramento do Reino de Galicia. Sexamos apóstolos da adoración. Lembremos o que nos ensinou Benedito XVI: A Adoración non é un luxo, senón unha prioridade.

Xa que orar de día e de noite é necesario para que todos podamos vivir a profunda vocación á santidade.

Daniel García

Párroco de S. Lourenzo de Albeiros e S. Xosé das Gándaras