lunes, 11 de febrero de 2013

MÉRCORES DE CINZA


Estamos ás portas do comezo dun dos tempos litúrxicos máis intensos do ano, a Coresma, a preparación para o misterio pascual do Señor, a súa Paixón, Morte e Resurrección. O noso corazón ten que ir xa preparándose para que este tempo lle sexa do maior proveito posible. Para iso, imos ir pensando xa no día co que inauguraremos a Coresma: o Mércores de Cinza. Ese día, toda a liturxia dará un xiro moi notable, e, se nos deixamos, trasladaranos a unha esfera completamente distinta á que vivimos nas últimas semanas. Veremos o templo vestido de morado, a cor da penitencia; sen flores, en sinal de austeridade; os cantos non irán acompañados de tantos instrumentos, querendo sinalar que a festa aínda está por chegar, que aínda a estamos a preparar.
A liturxia dese día en concreto chama a atención porque introduce un signo que é único e exclusivo: a cinza e a súa imposición sobre a fronte dos fieis. A cinza quérenos recordar que non debemos poñer as esperanzas da nosa vida nas cousas que se van, porque "somos po e ao po volveremos". Todo o contrario. Debemos, necesitamos!, esperar no transcendente, o que non pasa nunca, o que de verdade enche o corazón, o eterno: "convértete e cre no Evanxeo". Efectivamente é o Evanxeo, a Palabra de Deus, Cristo vivo o único que pode cambiar a nosa vida e dalo plenitude. Non só na vida eterna, senón xa aquí, na terra, podemos empezar a vivir as marabillas que Deus nos prometeu para o ceo.
As cinzas, lonxe de ser un xesto pesimista e desalentador, gardan no seu interior a esperanza da salvación. Un tesouro que só nos dá Deus a través da posta en práctica da súa Palabra, que é Palabra de Vida. Precisamente neste día, a liturxia ofrécenos referencias a un fragmento precioso da Palabra de Deus, escrita polo profeta Ezequiel (os profetas son un verdadeiro torrente de sabedoría de Deus que fala directamente á nosa vida, interpela á nosa realidade de cada día e confróntaa coa súa Vontade; acudamos a estes libros para que iluminen o noso compromiso de cristiáns): Ez 33,11-20. Ofrecemos aquí un extracto desta cita:

Dilles: pola miña vida, oráculo do Señor, que eu non me comprazo na morte do malvado, senón en que se converta e viva. Convertédevos, convertédevos da vosa conduta perversa. Por que ides morrer, pobo de Israel? Fillo de home, di a xente do teu pobo: se o xusto peca, non o salvará o seu bo comportamento anterior; tampouco sufrirá o malvado pola súa maldade cando se converta. [...] Se eu digo ao malvado: "Morrerás!", e el convértese dos seus pecados e actúa con rectitude e xustiza, [...] vivirá certamente, non morrerá. Non se lle recordará ningún dos pecados que cometeu. [...] A xente do teu pobo di: "Non é xusto o proceder do Señor". O seu proceder é o que non é xusto! Se o xusto se aparta do seu bo comportamento e peca, morrerá. E se o malvado se converte da súa maldade e actúa con rectitude e xustiza, vivirá. Insistides: "Non é xusto o proceder do Señor". Pero eu xulgareivos a cada un segundo a vosa conduta, pobo de Israel.

Aquí o Señor fálanos moi claramente: do que depende a nosa vida e a nosa salvación é do agora. Agora!, lendo este texto neste momento (despois, no que veña), cada un ten que ser o mellor cristián que poida ser, o máis bo que poida, o máis santo que poida. Cada un, en cada instante, que poña todo o amor que poida cos seus cinco sentidos. Deus sálvanos no presente, e nin Él nin a ninguén lle vale o que pasou antes. De que serve que eu onte fose á Misa se hoxe non trato con paciencia ao meu compañeiro no traballo. De que serve que onte aliviase unha discusión coa miña esposa se hoxe que podo non saco un anaco para rezar. O Señor quérenos santos a cada instante, porque a cada instante Él se nos está a dar por completo en todo o que nos rodea e, especialmente, na Eucaristía. Hai que estar atento ao Deus que se nos revela na dor e no gozo. El é o tesouro do que falabamos ao principio e que podemos gozar aquí e agora na terra porque se nos está a dar no irmán e no sacrificio da alegría. En Él está a gloria que nos agarda escondida no presente, que é o único vivo e real (o pasado xa non existe e o futuro non o coñecemos).

Esta é a advertencia que nos fai a cinza: todo pasa, o tempo vaise voando; ti escolle en cada momento a mellor opción que te leva a vivir a eternidade agora, o ceo na terra. Non desaproveites a ocasión de facer o ben e convértete, que iso é o que mira o Señor. El estate a querer agora e quérete sempre. El perdoa os teus pecados, acode ao seu perdón sen medo porque o teu Deus non quere que se perda ningún, e ti non vas ser unha excepción para Él. Non teñas medo do que quere que vivas para sempre. Se fiel porque Él che di: " se o xusto se aparta do seu bo comportamento e peca, morrerá". Pero non te desanimes e loita con alegría e confiado na súa misericordia porque tamén che recorda: "se o malvado se converte da súa maldade e actúa con rectitude e xustiza, vivirá". Aproveita a Coresma e convértete. Vive para o teu Deus, e vivirás eternamente.