Rematado o
tempo de Nadal, os textos que nos propón a liturxia para este novo tempo que
comezamos agora, o chamado tempo “ordinario”, son moi diversos. En calquera
caso, son todos importantes para o fortalecemento e a animación da nosa fe. En
realidade, o tempo “ordinario” empezou xa no anterior domingo, no que fixemos
lembranza comunitaria do Bautismo do Señor. O que nesta celebración
comentabamos pode servirnos aínda para algúns dos comentarios de agora.
Porque
hoxe, ademais dos temas que nos suxiren os textos litúrxicos, teriamos que ter
presente tamén algúns que nos veñen dados desde outras instancias non
directamente relacionadas co que acabamos de ler e escoitar nas Lecturas ou no
Evanxeo. Refírome a que desde mañá ata o próximo domingo celebramos a Semana da
Unidade dos Cristiáns. Ó tempo, celébrase neste mesmo domingo de hoxe a Xornada
Mundial das Migracións, dos migrantes e refuxiados. Temas os dous dos que se
podería falar longo e tendido, sobre todo en relación co segundo do que temos
lido, visto e oído tanto nos últimos tempos.
Pois ben,
como no podemos falar de todo, toquemos algún que outro punto, ben alicerzados
na mensaxe fundamental do último domingo, a festividade do Bautismo do Señor.
Neste anterior domingo lembrabamos a importancia que ten para a nosa fe o feito
de termos sido, todos nós, bautizados “no Espírito Santo”. Pois ese é o
bautismo que desde Xesús recibimos os cristiáns. Diciamos que o Espírito de
Deus, o Espírito Santo, e un e diverso. Un como hai un só Deus, pero diverso
como tamén Deus é un e trino, diferente polo tanto na súa unidade. Por iso o
Espírito de Deus unifica, pero tamén sabe e entende de diferenzas, pois Deus é
tamén un e diferente.
Faremos
moi ben en pedir e rezar, nesta semana de oración, pola unidade dos cristiáns.
Pois ben sabemos que hai outras confesións dentro do cristianismo que non se
identifican oficialmente coa nosa, a que chamamos “católica”. A unidade é sen
dúbida un gran ben. Pero non estaría mal tampouco que ó tempo pidamos ó Señor
que tódalas confesións, tamén a nosa, se convertan en verdadeiramente cristiás.
Pedirlle polo tanto que nos converta en verdadeiros seguidores seus. Discípulos
auténticos daquel que nos bautizou “no Espírito Santo”. E xa sabemos que no
Espírito Santo estamos todos chamados a sermos e a sabérmonos uns e diferentes.
Por iso, a diferenza, mentres non se renuncie ós principios básicos da mensaxe
de Cristo, debería sentirse sempre cómoda no seo da nosa Igrexa.
Se este
respecto á diferenza se tivese practicado máis e mellor en tempos históricos
pasados, posibelmente non teriamos necesidade hoxe de estarmos a pedir durante
unha semana enteira pola “unidade dos cristiáns”. Unha unidade que
historicamente se rompeu en determinadas e concretas datas do pasado.
E conste
que isto valería tamén á súa maneira, penso eu, para os asuntos políticos que
están a ocorrer hoxe en día entre nós. Toda unidade tería que ser sempre
suficientemente flexíbel e aberta para que no seo dela puidesen vivir
comodamente e sen discriminacións as diferenzas culturais, lingüísticas ou de
calquera outro tipo.
Polo menos
na carta ós Corintios que acabamos de escoitar fálanos Paulo do Espírito, no
que -como dicía- fomos todos bautizados, como dun Espírito que, sendo el sempre
o mesmo, actúa porén de moi diversos modos e maneiras. Un Espírito, dinos
Paulo, que ten “diversidade de dons”, “diversidade de servizos”, “diversidade
de realizacións”... E se o Espírito actúa de tan diversas maneiras, ¿quen somos
nós para forzar as cousas, as realidades, as culturas, as linguas, etc. coa
pretensión de converter estas diferenzas en algo absolutamente unitario e
monolítico?
Todo isto
pode ter que ver tamén co tema da semana de oración pola “unidade dos
cristiáns”. Pero pode telo tamén co outro tema que recordamos hoxe, o da
“Xornada das Migracións”. As migracións, os inmigrantes ou emigrantes dun país
a outro, dunha cultura ou lingua a outras diferentes son feitos que están aí
diante de nós e que podemos ollar tódolos días en maior ou menor medida. A
situación social e política de Galicia converteu a nosa terra durante séculos
nun país de emigrantes. E nos tempos de hoxe bastantes persoas entre nós volven
converterse en emigrantes.
Si. Como
cristiáns, temos que estar atentos a todas estas situacións. Ós que se van e ós
que veñen. Temos que acompañalos coa clara conciencia de qu
e son irmáns nosos,
en virtude da nosa común irmandade con Xesús, Fillo de Deus. Todos eles teñen
unha dignidade da que non os podemos desposuír baixo ningún pretexto. Porque se
trata dunha dignidade que lles vén de Deus, non de nós. Temos que loitar por
que a súa dignidade e os seus dereitos sexan respectados por todos.
Todos eles
están chamados, igual ca nós, a seren partícipes da dignidade de fillos de
Deus. E debemos en principio supoñer ademais que están xa dalgunha maneira
participando desa dignidade. Por aquilo que xa comentamos no anterior domingo
sobre a grande sorpresa de Pedro ó ter el aprendido e experimentado que,
segundo se nos conta nos Feitos dos Apóstolos, “Deus non fai distinción de
persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da
nación que sexa”.
E a todo
isto doume de conta de que non comentei aínda nada sobre o texto do Evanxeo. Só
unhas palabras, pois, para rematar. Xesús, ó revés do Bautista, mestúrase coa
xente, vive e está con ela. E qué curioso! O seu primeiro milagre, aínda que
nolo conte só Xoán, é o do viño nunha voda. Un milagre moi simbólico (como
ocorre con frecuencia en Xoán). A Xesús gústalle celebrar a irmandade, a
amizade, o amor, a felicidade. E ademais en grupo, en comunidade, en pobo, en
reino. Se ese foi o seu primeiro milagre, ese será tamén o seu derradeiro milagre
con toda a humanidade, coa creación enteira. Nese reino vindeiro prometido, que
será a definitiva e infinita festa da irmandade entre tódolos homes e mulleres
do tódolos tempos e nacións. A nosa sorpresa será alí seguramente aínda
meirande cá de Pedro, abraiado como estaba de que Deus aceptase onda si a
cantos practican a xustiza sexan da nación que sexan.