Uns magos de
oriente, uns estranxeiros, presentáronse en Xerusalén preguntando “...onde está
o rei dos xudeus que naceu?. Miramos saír a súa estrela e vimos renderlle
homenaxe...”, dinos o evanxeo de Mateu. Por entón, críase que o nacemento de
todo gran personaxe na terra ía acompañado pola aparición dunha estrela no
firmamento. A Xesús non lle podía faltar a súa. A estrela, sobre a que se
lanzaron moitas hipóteses (un cometa, unha conxunción de planetas...), é un
símbolo, o símbolo do Mesías, que conduce aos pagáns (os non xudeus) á luz da
fe, feito anunciado polos profetas no Vello Testamento.
Os magos
viñan de Oriente. Para un israelita, oriente pode ser todo o que hai ao outro
lado do Xordán. Así, tal vez, foran orixinarios da tribo dos medos, que chegou
a converterse en caste sacerdotal entre os persas; ou tal vez non. Dos magos
soubemos (inventamos?) máis co tempo; pero nada disto aparece nos evanxeos.
Desde o século II pénsase que eran tres, porque son tres os agasallos que lles
ofrecen ao neno: ouro (regalo real), incenso (para o culto) e mirra (para unxir
o cadáver o día da morte). No século VI bautizóuselles co nome de reis: Melchor
(rei de Persia); Gaspar (rei de Arabia) e Baltasar (rei da India).
Máis alá de
controversias, lendas e opinións, que fan que nos escandalicemos por parvadas,
o importante da festa de hoxe é a universalidade. Moito lle custou (moito nos
custa) ao pobo de Israel (aos cristiáns) saír da exclusividade da relación con
Deus para compartir e descubrir que El se lle manifesta a todas as persoas,
respectando culturas, crenzas ou formas de vida. Por iso nós que, coma os
magos, vimos saír a súa estrela, estamos chamados a levar esta estrela ao
portal de tantas persoas que, neste tempo de crise tan duro que estamos a
sufrir, están deixadas de lado, discriminadas de calquera xeito, faltas de
oportunidades de realización, sedentas de verdade, famentas de pan e luz,
desexosas de xustiza, enfermas de desesperanza. Que máis dá se foron tres,
cinco ou cen; se foron magos ou albaneis; se lle levaron agasallos ou comida
quente.... O importante é que se puxeron en camiño cara Belén. Fagamos nós o
mesmo e deámoslle ao Neno o mellor que temos: a nosa vida, para que El a
alumee.
Remol