sábado, 28 de diciembre de 2013

HOMILÍA DO PAPA NA MISA DO GALO

«O pobo que camiñaba en tebras viu unha luz grande» (Is 9,1).

Esta profecía de Isaías non deixa de conmovernos, especialmente cando a escoitamos na Liturxia da Noite de Nadal. Non se trata só de algo emotivo, sentimental; conmóvenos porque di a realidade do que somos: somos un pobo en camiño, e ao noso ao redor -e tamén dentro de nós- hai tebras e luces. E nesta noite, cando o espírito das tebras cobre o mundo, renóvase o acontecemento que sempre nos asombra e sorprende: o pobo en camiño ve unha gran luz. Unha luz que nos convida a reflexionar neste misterio: misterio de camiñar e de ver.

1. Camiñar. Este verbo fainos pensar no curso da historia, no longo camiño da historia da salvación, comezando por Abrahán, o noso pai na fe, a quen o Señor chamou un día a saír do seu pobo para ir á terra que El lle indicaría. Desde entón, a nosa identidade como crentes é a de peregrinos cara á terra prometida. O Señor acompaña sempre esta historia. El permanece sempre fiel á súa alianza e ás súas promesas. «Deus é luz sen tebra algunha» (1 Xn 1,5). Por parte do pobo, en cambio, altérnanse momentos de luz e de tebra, de fidelidade e de infidelidade, de obediencia e de rebelión, momentos de pobo peregrino e de pobo errante.

Tamén na nosa historia persoal altérnanse momentos luminosos e escuros, luces e sombras. Se amamos a Deus e aos irmáns, camiñamos na luz, pero se o noso corazón péchase, se prevalecen o orgullo, a mentira, a procura do propio interese, entón as tebras rodéannos por dentro e por fóra. «Quen aborrece ao seu irmán -escribe o apóstolo San Xoán- está nas tebras, camiña nas tebras, non sabe onde vai, porque as tebras cegaron os seus ollos» (1 Xn 2,11).

2. Nesta noite, como un feixe de luz clarísima, resoa o anuncio do Apóstolo: «Apareceu a graza de Deus, que trae a salvación para todos os homes» (Tt 2,11).

A graza que apareceu no mundo é Xesús, nacido de María Virxe, Deus e home verdadeiro. Veu á nosa historia, compartiu o noso camiño. Veu para librarnos das tebras e darnos a luz. Nel apareceu a graza, a misericordia, a tenrura do Pai: Xesús é o Amor feito carne. Non é soamente un mestre de sabedoría, non é un ideal ao que tendemos e do que nos sabemos por forza distantes, é o sentido da vida e da historia que puxo a súa tenda entre nós.

3. Os pastores foron os primeiros que viron esta "tenda", que recibiron o anuncio do nacemento de Xesús. Foron os primeiros porque eran dos últimos, dos marxinados. E foron os primeiros porque estaban en vela aquela noite, gardando o seu rabaño. Con eles quedámonos ante o Neno, quedamos en silencio. Con eles damos grazas ao Señor por darnos a Xesús, e con eles, desde dentro do noso corazón, encomiamos a súa fidelidade: Bendicímosche, Señor, Deus Altísimo, que te desposuíches do teu rango por nós. Ti es inmenso, e fixécheste pequeno; es rico, e fixécheste pobre; es omnipotente, e fixécheste débil.


Que nesta Noite compartamos a alegría do Evanxeo: Deus ámanos, ámanos tanto que nos deu ao seu Fillo como o noso irmán, como luz para as nosas tebras. O Señor dinos unha vez máis: "Non temades" (Lc 2,10). E tamén eu repítolles: Non temades. O noso Pai ten paciencia connosco, ámanos, dános a Xesús como guía no camiño á terra prometida. El é a luz que disipa as tebras. El é a nosa paz. Amén.

miércoles, 25 de diciembre de 2013

LECTURAS DA MISA DE NADAL

NADAL DO SEÑOR


LECTURA DO PROFETA ISAÍAS Is 52, 7-10
Tódolos pobos da terra percibirán a salvación do noso Deus

¡Que fermosos son sobre os montes
os pés do mensaxeiro de boas novas,
que anuncia a fartura,
que proclama a felicidade,
que pregoa a salvación,
que di:
Sión, o teu Deus reina!

¡Un grito! Os teus vixías levantan a voz, berran xubilosos a un tempo:
"Tódolos ollos contemplarán a volta do Señor a Sión".

Berrade a coro con xúbilo, ruínas de Xerusalén,
que o Señor consolou o seu pobo, redimiu Xerusalén.

O Señor remangou o seu brazo santo ós ollos de tódolos pobos,
e tódolos confíns da terra viron a salvación do noso Deus.


SAL. RESP. Sal 97, I. 2-3ab. 3cd-4. 5-6
R/ (3c): Os pobos todos viron a salvación do noso Deus.

Cantádelle ó Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas,
a súa dereita e o seu brazo
déronlle a victoria.

O Señor dá a coñece-la súa salvación,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembra o seu amor e a súa fidelidade
coa casa de Israel.

Os pobos todos verán
a salvación do noso Deus.
Aclama ó Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.

Tocade para o Señor a cítara,
a cítara e o salterio;
con claríns e con trompetas
aclamade ó Señor, noso rei.



LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS Hebr 1, 1-6
Deus falounos por medio do Fillo

En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados ós
nosos devanceiros por medio dos profetas. Agora, neste período definitivo, falounos
por medio dun que lle é Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del
o mundo e as idades. El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén tódalas
cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realiza-la purificación dos pecados,
sentouse á destra da Maxestade nas alturas, facéndose tanto máis poderoso cós anxos,
canto que herdou un título máis valioso có deles.

Porque ¿a cal dos anxos lle dixo algunha vez: "Ti e-lo meu fillo, hoxe enxendreite eu";
ou tamén: "Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo?". E outra vez máis,
cando fala de introduci-lo Fillo primoxénito no mundo celeste, di: "Adóreno tódolos
anxos de Deus".



ALELUIA:

Resplandeceu para nós un día de santificación:
vide todos e adorade ó Señor:
porque hoxe descendeu unha inmensa luz sobre a terra



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN Xn 1, 1-18:
O Verbo fíxose carne e habitou entre nós

No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.

Ela estaba no principio onda Deus.

Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.

Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.

Houbo un home
mandado por Deus:
o seu nome era Xoán.

Este veu de testemuña
para dar testemuño da luz,
para que todos cresen por el.

Non era el a luz,
senón que veu para dar testemuño da luz.

(A Palabra) era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.

Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.

Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.

Pero a cantos a recibiron,
-ós que cren no seu nome-
déulle-lo poder
de seren fillos de Deus.

Estes, non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
senón de Deus.

E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vímo-la súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de gracia e de verdade.

Xoán dá testemuño del,
exclamando:
Este évos de quen eu dixen:
"O que vén detrás miña,
pasa diante miña,
pois existía primeiro ca min".

E da súa abundancia
recibimos todos nós
gracia e máis gracia.

Pois a Lei deuse
por medio de Moisés;
a gracia e a verdade
realizáronse por Xesús Cristo.

A Deus ninguén o viu;
o Unixénito, que está no seo do Pai,

foi quen nolo revelou.

sábado, 21 de diciembre de 2013

LECTURAS

DOMINGO IV DE ADVENTO  CICLO A


Primeira Lectura         Is 7, 10-14
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Velaí que dá a luz

Naqueles días, o Señor volveulle falar a Acaz nestes termos:
"Pide para ti un sinal de parte do Señor, o teu Deus, nas profundidades do Xeol ou arriba nas alturas".
Respondeu Acaz:
"Non o pido, pois non quero poñer a proba o Señor".
Entón dixo Isaías:
"Escoitade vós, casa de David: Évos pouco dominar os homes, que aínda queredes dominar o meu Deus? Por isto, o meu Señor daravos El mesmo un sinal: Velaí que a virxe está en cinta e dá a luz un fillo, ao que lle pon de nome Emmanuel (que significa "Deus connosco").

                                   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus
           

                                                                                                                               
SALMO RESPONSORIAL           Sal 23, 1-2. 3-4ab. 5-6
R/. (7c e 10b): Entrará o Señor: El é o rei da gloria.

Do Señor é a terra e canto a enche,
o orbe e canto nel habita.
El é quen a fundou sobre os mares,
e quen a asegurou sobre as correntes.

Quen poderá subir ao monte do Señor?
Quen poderá quedar no seu santuario?
O que ten inocentes as mans e puro o corazón.

Ese recibirá bendición do Señor,
e xustiza de Deus, o seu salvador.
Así é a liñaxe dos que o buscan,
dos que buscan a presenza do Deus de Xacob.



Segunda Lectura        Rm 1, 1-7
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Xesús Cristo, descendente de David, Fillo de Deus

Paulo, escravo de Cristo Xesús, chamado a ser apóstolo, escollido para o Evanxeo de Deus, que El prometera antes por medio dos seus profetas nas Escrituras Santas, e que trata do seu Fillo Xesús Cristo o noso Señor, que como home naceu da semente de David, pero que polo Espírito santificador foi constituído Fillo de Deus con pleno poder ao ser resucitado dos mortos, por quen recibímos o don de ser apóstolos, para promovermos entre todos os pobos xentís a obediencia da fe, en honor do seu nome, entre os que tamén estades vós, chamados por Xesús Cristo.
A todos os predilectos de Deus, que estades en Roma, chamados a ser santos, deséxovos graza  e paz de parte de Deus, noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.
                                                                                                                                            
                                   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus



ALELUIA     Mt 1, 23
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Velaí que a virxe concibirá e dará a luz un fillo;
e chamaranlle Emmanuel, "Deus-connosco".
Aleluia.


Evanxeo          Mt 1, 18-24
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Xesús nacerá de María, desposada con Xosé, fillo de David
 
O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo.
Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:
Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a
María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
Mirade: a virxe concibirá e dará a luz un fillo,
e poñeranlle de nome Emmanuel (que quere dicir "Deus connosco").
Acordou Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo á súa prometida.


         Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo

Comentario

Nas lecturas do Advento aparécennos os catro grandes protagonistas deste tempo: o profeta Isaías, que non cansa de invitar á conversión, a deixar atrás todo canto nos vai facendo seres insensibles e afastados de Deus; o precursor, Xoán, quen fixo da súa vida un testemuño de anuncio sincero e solidario da chegada de Xesús. Para el estaba claro que un novo tempo, unha nova xeira ía comezar, e non quería gardala para si, senón que o proclamaba para que outros o puideran oír e escoitar. A súa palabra non quería adormecer, senón espertar da medianía do que se fixo sempre, do que estaba ben visto, da comodidade que dá a seguridade de dominar e coñecer as cousas. Moi ao contrario, coas súas palabras, e tamén coa súa vida, cousa que é importante non esquecer, Xoán convertíase en referencia nada cómoda para os que mandaban. E así lle foi: cortáronlle á cabeza, pois os poderosos non gustaban das verdades que dicía. Coma Xoán, tampouco nós deberiamos ter medo a denunciar, coa palabra e coa vida, todo canto imos vendo que non é servizo, senón abuso, silencio, engano, coacción... e que vai facendo que os máis “vivos” -que non os máis listos nin os máis traballadores-, aparezan diante da opinión pública coma os grandes triunfadores e os grandes referentes a imitar. Xoán non deixa, unha e outra vez, de denunciar estes comportamentos aparentes que o único que fan é agochar a mediocridade de quen nin se esforza nin quere facer da súa vida un referente de solidariedade para os demais.

O terceiro gran protagonista dos textos que hoxe temos lido é María. Se nos fixamos ben, tal e como nola descobre o Evanxeo, nada máis lonxe dela que o arrouto, a irreflexión, o interese persoal ou o buscar quedar ben. Todo o contrario: María, dicindo si ao plan de Deus, complícase a vida. Unha complicación que lle traerá dor, tristura, incomprensión e ter que ver as costas de cantos a rexeitaban. A pesares disto, non recúa, non desanda o camiño nin se vai fóra do que pensaba que era o mellor. O seu “fágase en min” é mostrar ben ás claras cal era a súa opción fundamental e o camiño que estaba disposta a seguir... sen importarlle nin os comentarios, nin o baleiro dos veciños nin a burla por ser muller solteira. Vence prexuízos, cala bocas, e déixanos todo un regueiro de actitudes de servizo e presenza que pon ben ás claras que, a pesares das dificultades que sabía que lle ían vir enriba, estaba disposta a seguir cara adiante nese plan de amor e salvación que Deus, desde o seu si á encarnación do seu Fillo, nos estaba a ofrecer a toda a humanidade. Por iso podemos dicir que o seu foi un si de subversión, revolucionario e transgresor. Nada máis lonxe desa imaxe que nos teñen presentado de María como muller dócil, dominada, submisa e obediente. Ao contrario: rompe o molde do que era a muller naquel tempo, e comeza a presentar un novo molde para quen queira ser muller e cristiá neste noso tempo. Un molde que se vai conformando na liberdade, a igualdade, a independencia do varón e a reivindicación e presenza da muller nos lugares e momentos importantes da vida do seu Fillo. Que mellor testemuño para este remate do Advento que a actitude de responsabilidade e liberdade que leva a María a acoller a quen, desde o amor, abriu camiños de solidariedade sandante e esperanzada: Xesucristo, a quen nós queremos acoller cando chegue.   

Con Xosé péchase o cadro que nos foi abrindo este tempo de Advento. Neste cadro a súa persoa mostrase como confianza e sinxeleza. A pesares de que non entende moi ben o que está a pasar, e que a súa situación, como lle ía ocorrer a María, socialmente volvíase complicada (a partir de agora estaría na boca, na burla e na crítica dos veciños), e se queremos, tamén excluínte (deixaba de ser da grea, non fixera como terían feito calquera dos seus veciños e isto convertíao nun ninguén). A pesares diso, vence a tentación de escapar e acolle, escoita, comprende e acompaña a María. Canto temos que aprender deste home!. Coma el, hoxe nós somos invitados a non deixarnos levar dos prexuízos e a actuar desde as conviccións, o que pensamos que debe ser, inda que os demais digan o contrario. Ir contracorrente, ás veces, axúdanos a non esquecer en quen temos que poñer a nosa fe. Unha fe que non é consumo, gasto nin sorriso superficial, senón resposta esperanzada, solidaria e leda sabendo estar ao lado de quen nos precise.

sábado, 14 de diciembre de 2013

Lecturas

DOMINGO III DE ADVENTO  -  CICLO A


Primeira Lectura          Is 35, 1-6a. 10
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Virá o mesmo Deus e salvaravos
 
Que se alegren o deserto e mais a terra reseca,
que brinque de ledicia a estepa e que floreza!
Que, coma a lis, floreza abundantemente,
que brinque en exultante danza!
Concedéuselle a gloria do Líbano,
o esplendor do Carmelo e do Xarón.
Eles mesmos verán a gloria do Señor,
o esplendor do noso Deus.
Fortalecede as mans adormecidas,
e ponde firmes os xeonllos que tremen.
Dicídelles aos de corazón tímido:
"Collede ánimo, non temades.
Velaí o voso Deus.
Chega a vinganza, a recompensa de Deus.
Chega El mesmo, e salvaravos".
Entón abriranse os ollos dos cegos,
e os oídos dos xordos destaparanse.
Entón o coxo saltará coma un corzo
e a lingua do  mudo cantará xubilosa.
E os rescatados do Señor volverán por ela,
entrarán en Sión con xúbilo,
felicidade eterna sobre as súas cabezas.
Conseguirán ledicia e felicidade,
pois o sufrimento e o pranto fuxirán.

               Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL        Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10

R/. (cf. Is 35, 4): Ven, Señor, a salvarnos.
Ou: Aleluia.

O Señor failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.
O Señor libra os cativos.

o Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.



Segunda Lectura           Sant 5, 7-10
LECTURA DA CARTA DE SANTIAGO
Afincade os vosos corazóns, porque está xa cerca a chegada do Señor.

Tede paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o labrego, coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra, agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará.
Non vos queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos sentencien; mirade que o xuíz está xa á porta. No sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo dos profetas que falaron no nome do Señor.

                Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus
                                                                                                                                           

ALELUIA        Is 61, 1 (Cit. en Lc 4, 18)
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre min:
mandoume anunciar a boa nova aos pobres.
Aleluia.


Evanxeo           Mt 11, 2-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Es ti o que ha de vir, ou agardamos a outro?

Naquel tempo, Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a lle preguntar:
Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?
Respondeulles Xesús:
Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e aos pobres estáselles anunciando a Boa Nova. E ditoso quen non se escandalice de min!
Non ben se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente:
Que fostes ver ao deserto?: unha cana abaneada polo vento?
Pois logo, que fostes ver?: un home vestido con roupas finas? Pero os que visten roupas finas están nos pazos dos reis. Pois logo, a que saístes?: a ver un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta. Este é de quen está escrito:
Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti,
para que prepare o teu camiño.
Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán Batista, aínda que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el.


       Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo

Comentario

Collede ánimo, non temades. Velaí o voso Deus: Nos tempos que vivimos, cada día é maior o número de persoas que se senten tristes, sen horizonte. Persoas que afirman unha e outra vez que a vida non vale nada, que o que fan non ten sentido, que a rutina as vai engulindo pouco a pouco. Moitas destas persoas din que son crentes, mesmo participan en funerais, enterros, bautizos... ou na celebración do domingo. Que ocorre entón para que, manifestándose homes e mulleres de fe, Deus, e máis en concreto, Xesús e a súa mensaxe, non impacten nin ilusionen a súa vida?. Cómo pode un confesarse con conviccións de fe, se estas non inciden na súa vida de cada día, alentándoa, esperanzándoa ou indicándolle un camiño de sentido?. Non é que Deus se fora e nos deixase ao pairo. Non. El está sempre presente, nin cansa nin desmaia. Somos nós os que cansamos, os que imos con présa, os que non atopamos momentos ao longo do día para dialogar con El, para poñernos na súa man, para compartir desde unha oración viva e agradecida canto nos pasa e vivimos. Sempre é tempo para recomezar. Nunca é tarde para nada aos ollos de Deus. Collamos ánimo e non abandonemos o camiño.

• Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará: Quen é capaz de avanzar non con temor, senón con confianza, é tamén capaz de aprender a valorar e distinguir o importante do secundario. E algo fundamental, e polo tanto importante para un seguidor de Xesús, é non deixarse arrastrar polos problemas e dificultades. O fácil, o que podemos coller como primeiro recurso é deixarnos ir, abandonarnos diante das dificultades, e converter a nosa vida nun sensentido, como se todo dera igual, a nosa liberdade non existise e estiveramos predestinados de antemán. Se pensamos así, non é que non esteamos preto, senón que estamos moi lonxe daquilo no que, unha e outra vez, insistiu Xesús ao longo de toda a súa vida pública. Por iso, para un cristián as présas nunca son as mellores compañeiras na viaxe da vida; ao contrario, son a antítese –o oposto– do que debe ser o actuar e o vivir dun seguidor daquel que, encarnándose, asumiu a nosa condición humana. Camiñar na paciencia irá facendo de nós homes e mulleres con folgos suficientes para ir abrindo ocos na dureza do corazón que tantas veces se resiste a deixar atrás a dureza da pedra, para comezar o latexo dun corazón de carne. Que mellor que este tempo de Advento para ir facendo en nós esta conversión que fará posible acollelo cando chegue!.

• Mando o meu mensaxeiro diante de ti, para que prepare o teu camiño: Como moi ben nos di Xoán, el é o mensaxeiro que nos lembra constantemente que algo novo está a pasar, algo se está movendo ao noso redor, algo está comezando a xurdir. Tamén nós, coma Xoán, estamos a percibir este movemento que nos invita a cambiar e a abandonar rutinas e desganas?. Estamos desde xa preparando o camiño desta acollida?. Seremos capaces de romper cos costumes que nos impiden tantas veces descubrir que a fe é sempre esperanza e nunca costume; que a fe é convicción e non obriga; que a fe é acollida e liberdade e non imposición e discriminación?. Deixemos que a palabra de Deus nos ilusione sobre o que é importante e fundamental. Abandonemos canto nos fai cristiáns tristes, fanáticos, intolerantes ou resabidos.
Aínda temos moito tempo para facer esta viraxe na vida e no corazón, porque só estando en camiño poderemos prepararnos para acoller. Se non queremos poñernos en camiño, todo o que faremos son prácticas externas e rituais, pero pouco dispostas a prepararnos, desde a vida, para acoller ao amigo que chega: o noso Neno.


miércoles, 11 de diciembre de 2013

NOVO BISPO AUXILIAR DE SANTIAGO

A Nunciatura Apostólica en España comunicou á Conferencia Episcopal Española (CEE) ás 12 horas do martes, día 10 de decembro, a Santa Se fixo público que o Papa Francisco nomeou Bispo Auxiliar da Archiodecese de Santiago de Compostela o sacerdote Jesús Fernández González, asinandolle a sede titular de Rotdon.
Jesús Fernández González naceu en Selga de Ordás (León) o 15 de setembro de 1955. Cursou estudos no Seminario menor e maior de León. Foi ordenado sacerdote o 29 de xuño de 1980.  Posteriormente obtivo a Licenciatura en Filosofía pola Universidade Pontificia de Salamanca (1990-1992). Entre os anos 2000 e 2001 realizou os cursos de Doutorado en Filosofía.
Dedicacións pastorais e académicas na diocese de León. Foi párroco de Senra de Omaña (1980-1982); formador e profesor no Seminario Menor San Isidoro (1982-1987); reitor deste Seminario (1987-1990); de novo formador, profesor e director espiritual do Seminario Menor (1992-1997); profesor do Centro Superior de Estudos Teolóxicos (1992- ) profesor do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas (2001-2013); párroco de Cuadros e Valsemana (1997-2003); formador no Seminario Maior San Froilán (1997-2003); Vicario episcopal de Pastoral e do Clero (2003-2010). Dende o 1 de setembro de 2010 é o Vicario Xeral da Diocese de León e está encargado tamén da atención ao clero.
Tarefas extradiocesanas. Pertence ao Equipo de Asesores de Vicarios Xerais e de Pastoral da Comisión Episcopal de Pastoral. Tamén imparte Retiros, Exercicios espirituais e Charlas na Formación permanente do Clero de distintas dioceses españolas.
Publicacións. É autor do libro "Vivir da eucaristía: As Celebracións Dominicais en ausencia de Presbítero" (PPC, Madrid 2012). Tamén escribiu e publicado artigos relacionados coa filosofía, a pastoral e a espiritualidade sacerdotal.
Dedicacións pastorais especiais. Foi director do xornal diocesano Igrexa en León. Acompañou espiritualmente Pascuas xuvenís e campamentos. Dende hai unha quincena de anos é capelán do equipo de fútbol Cultural e Deportiva Leonesa S.A.D. onde tamén xogou na súa idade nova.
Carta de Jesús Fernández al arzobispo de Santiago
Muy estimado en el Señor:
Hecha pública mi designación como Obispo Auxiliar de esa querida Archidiócesis de Santiago de Compostela por su santidad el Papa Francisco, quiero hacer llegar a Vd. y, a través suyo, a toda la Comunidad diocesana, un saludo lleno de afecto fraterno. Al mismo tiempo, pongo mi persona a su entera disposición para la edificación de la Iglesia y el servicio del Pueblo de Dios.
Conocedor de mis limitaciones y de la grandeza de la tarea a la que soy llamado, desde el momento en que conocí por boca del Sr. Nuncio de Su Santidad en España la elección, no he podido reprimir los sentimientos de sorpresa e inquietud. Por supuesto, tampoco han faltado a la cita las dudas. Pero el que se fió de mí (cfr. 1 Tim 1,12), no dejará de sostenerme y la oración y el apoyo suyo y del resto de los hermanos, de acompañarme.
Quiero manifestar mi cercanía fraterna especialmente a su persona, a los sacerdotes, a los religiosos y religiosas, a los seminaristas, a los miembros de los movimientos y asociaciones, y a todos los fieles laicos en general. Me siento también muy cerca de todos aquellos que están sufriendo el paro, la soledad, la marginación, la pobreza, la violencia, la enfermedad, el eclipse de Dios.
Termina una etapa importante de mi vida. Ahora, sin haberlo soñado ni pretendido por mi parte, el Señor y su Iglesia me piden que inicie una nueva. Leonés, amante de mi tierra, de su cultura y de sus gentes, si me lo permiten, aprenderé a su lado a vivir como un gallego adoptivo. Será un honor. Teniendo ante mí la figura de Cristo que, despojándose de sí mismo, tomó la condición de esclavo (cfr. Flp 2,7), y el icono de S. Pablo que se hizo todo con todos por servir (cfr. 1 Cor 9,22-23), también yo, miembro de una Iglesia sin fronteras, quiero hacerme uno más para anunciar en ese rincón de Galicia la Buena Noticia del Evangelio.

Pongo mi futuro ministerio en las manos de María y del Apóstol Santiago. Al mismo tiempo, me encomiendo a sus oraciones y a las de todos los diocesanos para poder ser un pastor fiel según el corazón y los deseos de Dios.

lunes, 9 de diciembre de 2013

LECTURAS

INMACULADA CONCEPCIÓN DA VIRXE MARÍA
Solemnidade  -  Día 8 de decembro



Primeira Lectura  Xén 3, 9-15. 20
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Poño hostilidade entre a túa liñaxe e a liñaxe da muller
 
     Despois de que Adán comeu da árbore, o Señor Deus chamou por el, preguntándolle:
     Onde estás?
     El respondeulle:
     Oínte no xardín e, como me vin espido, tiven medo e aga­cheime.
     Preguntoulle o Señor Deus:
     Quen te informou de que estabas espido? É que comiches da árbore da que che prohibira comer?
     Respondeulle Adán:
     A muller que me deches por compañeira, ela ofreceume do froito, e comín.
     O Señor díxolle á muller:
     Que é o que fixeches?
     E a muller respondeu:
     A serpe enganoume, e comín.
     Entón o Señor Deus díxolle á serpe:
     Porque fixeches isto, maldita sexas entre os animais e as feras todas do monte. Andarás arrastrada e comerás po toda a túa vida. Poño hostilidade entre ti e a muller, entre a túa liñaxe e a súa liñaxe; esta esmagarache a cabeza e ti tentarás atinxir­lle o calcañar.
     O home chamou Eva á súa muller, pois vén ser a nai de todos os que viven.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL   Sal 97, 1. 2-3ab. 3bc-4
R/.  (1a):  Cantádelle ao Señor un cántico novo, pois fixo marabillas.

Cantade ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.

O Señor dá a coñecer a súa vitoria,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.

Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama o Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.



Segunda Lectura  Ef 1, 3-6. 11-12
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Deus escolleunos en Cristo antes da constitución do mundo

            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo,
que nos bendiciu con toda bendición espiritual nos ceos, en Cristo.
            Nel escolleunos, antes da creación do mundo,
para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.
            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos,
por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade,
para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós,
por medio do seu Fillo benquerido.
            Nel fomos tamén nós preelixidos segundo o designio de quen realiza todo consonte o proxecto da súa vontade, para sermos loanza da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA   cf Lc 1, 28
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Alégrate, María, chea de graza, o Señor está
contigo, bendita es ti entre todas as mulleres.
Aleluia.



Evanxeo   Lc 1, 26-38
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo
 

            Naquel tempo, Deus mandou o anxo Gabriel a unha cidade de Galilea, chamada Nazaret, onda unha virxe prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé. O nome da virxe era María.
            O anxo entrou onde estaba ela, e díxolle:
             Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
            Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. Díxolle entón o anxo:
            Non teñas medo, María, porque acadaches graza ante Deus. Velaquí que vas concibir no teu ventre e dar a luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. El será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
            Díxolle María ao anxo:
            Como vai acontecer iso, pois eu non coñezo varón?
            O anxo respondeulle:
            O Espírito Santo ha de baixar sobre ti, e o poder do Altísimo hate de cubrir coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus.
            Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.
            Entón María dixo:
            Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixe­ches.
            E o anxo marchou de onda ela.



                        Palabra do Señor                                         R/ Loámoste, Cristo

CON MARÍA


Con María, bendicímoste e loámoste, Pai,
porque nela fixécheste:
Boa Nova para todos,
luz da alba que abre camiños ao Sol,
estrela da mañá que anuncia o Día,
libro aberto que acolle e aluma a Palabra,
muller e nai da Vida.

Con María, Pai de todos:
alegrámonos da túa presenza entre nós,
compartimos o gozo de sentirnos nas túas mans,
anunciamos a túa fidelidade
e proclamamos a túa misericordia.

Con María, Pai bo:
anúnciasnos o teu proxecto de xustiza e salvación,
encamiñas os nosos pasos polas pegadas de Xesús,
reúnesnos na fermosa casa do teu Reino,
iluminas a esperanza e anticipas o futuro.

Con María, Deus e Pai:
recoñecémoste pequeno nos sinxelos,
sabemos que es misteriosamente débil;
sentimos a túa tenrura e proximidade,
humanamente non te vemos,
comprendemos un pouco o teu Misterio
e abóndanos saber
que nos levas na palma das túas mans

Con María, noso Pai, dicímosche:
Estamos aquí; glorificámoste, loámoste
e dámosche grazas desde o máis íntimo de nós;
actúa en nós segundo a túa Palabra,
Que queres que fagamos?
Ti es o Deus que nos salva;
Como será todo isto?
Somos os teus fillos e desde sempre

convivirnos como irmáns na túa única casa.

domingo, 1 de diciembre de 2013

LECTURAS

DOMINGO I DE ADVENTO - CICLO  A

Primeira Lectura         Is 2, 1-5
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
O Señor congrega a todas as nacións na paz eterna do seu Reino

Palabras que en visión profética recibiu Isaías, fillo de Amós, acerca de Xudá e Xerusalén:
Ao final dos tempos o monte da casa do Señor estará firme, asentado no cume dos montes, ergueito sobre as montañas.
Acudirán alí todas as nacións, poñeranse en camiño pobos numerosos.
Dirán:"Vinde, subamos ao monte do Señor, á casa do Deus de Xacob.
El hanos aprender os seus camiños, e marcharemos polos seus vieiros;
porque a lei ha saír de Sión, de Xerusalén, a palabra del Señor".
Será o árbitro das nacións, o xuíz de pobos numerosos.
Das espadas forxarán arados, e das lanzas, podadeiras.
Non erguerá a espada nación contra nación,
non se adestrarán para a guerra.
Casa de Xacob, ven; vaiamos
e camiñemos á luz do Señor!
                                                                                                                                           
 Palabra do Señor                                        R/ Grazas a Deus          


SALMO RESPONSORIAL           Sal 121, 1-2. 4-5. 6-7. 8-9
 R/.  (cf. 1):  Imos alegres para a casa do Señor

Moito me alegrei cando me dixeron:
"imos ir á casa do Señor".
Xa están os nosos pés
ás túas portas, Xerusalén.

Alá soben as tribos, as tribos do Señor,
conforme o costume de Israel,


a festexar o nome do Señor.
Alí están os tribunais de xustiza,
os tribunais da casa de David.

Desexádelle paz a Xerusalén:
Vivan seguros os que te aman.
Haxa paz dentro dos teus muros,
seguranza dentro dos teus pazos.

Por mor de meus irmáns e compañeiros,
direi: "A paz contigo".
Por mor da casa do Señor, o noso Deus,
desexo para ti todo ben.



Segunda Lectura        Rom 13, 11-14a
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS  ROMANOS
A nosa salvación está xa máis cerca
 
Irmáns:
Sabedores do tempo de salvación no que estamos,  xa é hora de que espertedes do sono, pois agora a salvación xa está máis cerca de nós que cando empezamos a crer. A noite vai andada, e o día está a chegar: rexeitémos obras das tebras e vistámos armas da luz.
Como en pleno día, camiñemos decentemente, nada de lupandas nin borracheiras, nada de obscenidades nin libertinaxe, nada de liortas nin envexas.
En lugar diso vestídevos do Señor Xesús Cristo, e non lles fagades caso aos  baixos apetitos.
                                                                                                                                           
Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus

 
ALELUIA    Sal 84, 8
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Amósanos, Señor, a túa misericordia,
e dáno túa salvación.
Aleluia.


Evanxeo          Mt 24, 37-44
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Vixiade para estardes preparados
 
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
- Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do Home. Antes do diluvio comían, bebían e casaban ata o día que Noé entrou na arca; e de nada se decataron ata que veu o diluvio, e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do Home. Entón estarán dous homes no agro; levarán a un e deixarán o outro. Estarán dúas mulleres moendo no muíño, levarán a unha e deixarán á outra.
Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben: se soubese o dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén: estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do Home.
                                                                                                                                            

Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo