sábado, 21 de diciembre de 2013

LECTURAS

DOMINGO IV DE ADVENTO  CICLO A


Primeira Lectura         Is 7, 10-14
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Velaí que dá a luz

Naqueles días, o Señor volveulle falar a Acaz nestes termos:
"Pide para ti un sinal de parte do Señor, o teu Deus, nas profundidades do Xeol ou arriba nas alturas".
Respondeu Acaz:
"Non o pido, pois non quero poñer a proba o Señor".
Entón dixo Isaías:
"Escoitade vós, casa de David: Évos pouco dominar os homes, que aínda queredes dominar o meu Deus? Por isto, o meu Señor daravos El mesmo un sinal: Velaí que a virxe está en cinta e dá a luz un fillo, ao que lle pon de nome Emmanuel (que significa "Deus connosco").

                                   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus
           

                                                                                                                               
SALMO RESPONSORIAL           Sal 23, 1-2. 3-4ab. 5-6
R/. (7c e 10b): Entrará o Señor: El é o rei da gloria.

Do Señor é a terra e canto a enche,
o orbe e canto nel habita.
El é quen a fundou sobre os mares,
e quen a asegurou sobre as correntes.

Quen poderá subir ao monte do Señor?
Quen poderá quedar no seu santuario?
O que ten inocentes as mans e puro o corazón.

Ese recibirá bendición do Señor,
e xustiza de Deus, o seu salvador.
Así é a liñaxe dos que o buscan,
dos que buscan a presenza do Deus de Xacob.



Segunda Lectura        Rm 1, 1-7
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Xesús Cristo, descendente de David, Fillo de Deus

Paulo, escravo de Cristo Xesús, chamado a ser apóstolo, escollido para o Evanxeo de Deus, que El prometera antes por medio dos seus profetas nas Escrituras Santas, e que trata do seu Fillo Xesús Cristo o noso Señor, que como home naceu da semente de David, pero que polo Espírito santificador foi constituído Fillo de Deus con pleno poder ao ser resucitado dos mortos, por quen recibímos o don de ser apóstolos, para promovermos entre todos os pobos xentís a obediencia da fe, en honor do seu nome, entre os que tamén estades vós, chamados por Xesús Cristo.
A todos os predilectos de Deus, que estades en Roma, chamados a ser santos, deséxovos graza  e paz de parte de Deus, noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.
                                                                                                                                            
                                   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus



ALELUIA     Mt 1, 23
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Velaí que a virxe concibirá e dará a luz un fillo;
e chamaranlle Emmanuel, "Deus-connosco".
Aleluia.


Evanxeo          Mt 1, 18-24
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Xesús nacerá de María, desposada con Xosé, fillo de David
 
O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo.
Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:
Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a
María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
Mirade: a virxe concibirá e dará a luz un fillo,
e poñeranlle de nome Emmanuel (que quere dicir "Deus connosco").
Acordou Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo á súa prometida.


         Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario