sábado, 28 de febrero de 2015

Reflexión

·       A figura de Abrahán e o suficientemente significativa como para que dela saquemos o que ben poderían ser actitudes desde as que confrontar a nosa vida. Nel percibimos a súa capacidade de responder -mesmo a unha esixencia tan grande como é a entrega do seu fillo-, á confianza que Deus puxera nel. O seu aquí estou é significativo dun xeito de estar e entender a vida. Unha resposta que non busca xustificación ou escusas, senón que medra e se desenvolve na confianza. Unha confianza que sabe non se vai ver rota nin pola insensibilidade nin pola indiferenza. El confía en Deus -mesmo nunha situación extrema-, e Deus sabe entender e valorar esa confianza de Abrahán. Unha confianza que supón poñelo no límite do que é unha resposta humana ante a decisión radical que ha tomar: renunciar a quen é parte de si mesmo, carne da súa carne, o seu fillo. Con dor; pero non con desconfianza, Abrahán dá un paso cara adiante, a pesares do que iso lle supoña. Pode parecer que Deus é un sádico que goza coa dor daqueles que o confesan e o seguen; todo o contrario: o que se quere mostrar é como cando temos que tomar decisións importantes, esenciais na nosa vida, os valores, os principios, o saber distinguir que cousas son secundarias e cales fundamentais é básico. Que é o que nos guía e enche e que é aquilo do que, por un ben maior, podemos, inda que nos doa, entregalo. Nesta situación atópase Abrahán, e con el moitos como “Abrahán” que no mundo de hoxe loitan e poñen o mellor de si ao servizo do sentido dunha vida que se vai desenvolvendo en proxectos e ilusións que non se quedan no recuncho do beneficio propio, senón que serven para abrir camiño de esperanza e dignidade a tantas persoas ás que con esa renuncia ao propio, supoñen xustiza e amor, recoñecemento, para quen ve pisados os seus dereitos, a súa humanidade.

·        No xeito de responder de Abrahán móstrase tamén cal é o camiño que queda por diante. Porque as cousas non son nin para o momento nin para un día. Inda que vivimos na cultura do efémero, non é este -non pode selo-, o que marque canto queremos ser e facer coa nosa vida. Nun momento cultural como é este noso, no que para moita xente é difícil darlle continuidade ás cousas que fan, o que os leva a conectar e desconectar, sen continuidade nin coherencia co que fai, na Palabra de Deus que hoxe vimos de escoitar, atopamos unha resposta –que non ten por que ser única- para non deixarnos vencer polo “presentismo” nin pola forza única e exclusiva dos afectos. Crer ofrécenos unha posibilidade de racionalidade diante da opción, suxerinte -non podemos negalo-, da afectividade á que moitas veces lle falta a perspectiva da globalidade. Isto evita converter nun absoluto o que só é un paso ao longo do proceso. Por iso diciamos con convicción:”camiñarei na presenza do Señor”. Unha presenza que non nos quita nin as dificultades nin os problemas; pero si que nos dá a forza de non sabérmonos solos, e de ofrecernos un horizonte de plenitude cara ao que nos invita a camiñar. E entendemos logo por que, desde a realización deste camiño, Paulo fainos as preguntas que apuntan a que deamos, persoalmente, resposta desde o que son os alicerces (valores, principios, esixencias...) da nosa vida. Se confiamos en Deus, se imos descubrindo que El vai acompañando as nosas decisións e alentándonos cando estas non son as máis acertadas, entenderemos a razón da Encarnación.O Deus que nos quere e terma de nós, faise un igual e presente entre nós. Xa non hai nin distancia nin separación:está. Non nos dá de costas.A vida do crente é logo unha invitación a facela cristocéntrica, é dicir, a poñer a Cristo no centro daquelas decisión desde as que queremos orientar e dar sentido a nosa vida.

·        Canto vimos dicindo ata o de agora fai que entendamos moito mellor o Evanxeo que acabamos de proclamar. Mellor, que entendamos a reacción de Xesús ante a pretensión dos que estaban ao seu lado de desconectar das dificultades, problemas e tensións que cada día temos que vivir nas nosas familias, nas parroquias, nos traballos... no mundo do que formamos parte. Non podemos escapar de todas estas situacións, ao contrario, a fe invítanos, úrxenos a facerlle fronte, e a non deixar que elas acaben impoñéndose e reducíndonos a ser simples “suxeitos pasivos” do que pasa ao noso redor; ou das decisións que outros toman por nós, como se foramos simples peóns de xadrez que nos moven ao seu antollo. Xesús faille unha chamada de atención aos discípulos, e neles a todos/as nós, para que non deixemos que nos ceguen as cousas efémeras que moitas veces nos fan crer nunha realidade que non é máis ca pura ficción. Que non nos asusten os problemas, ao contrario, busquemos facerlles fronte para que non sexan outros os que tomen as decisións por nós e se aproveiten da nosa inxenuidade.