domingo, 26 de junio de 2016

LECTIO

DOMINGO XIII (T. O.)
(Ano C: 26 de xuño de 2016)

            No domingo anterior falabamos, utilizando unha expresión seguramente demasiado abstracta ou subida,  sobre Deus como “futuro absoluto” (unhas palabras que procedían do gran teólogo Karl Rahner). É dicir, Deus como alguén que está sempre alén dos nosos limitados conceptos ou das nosas máis atrevidas previsións por moi grandiosas que estas sexan.
            Agora ben, precisamente por ser Deus tan grande, tan infinito, atráenos moi poderosamente, á maneira dunha estrela descomunal que fai orbitar arredor dela, en continuo movemento, outros corpos celestes máis pequenos ca ela. Estes corpos celestes somos en certo modo nós.
            Seguindo a comparanza astronómica, Xesús vén sendo para nós a manifestación humana máis perfecta deste Deus infinito, que nos supera totalmente e ó mesmo tempo nos atrae desde o máis íntimo dos nosos corazóns. Xesús é atraído infinitamente por seu Pai Deus é, ó tempo, atráenos fortemente a todos nós, en canto que nel se fai presente Deus mesmo de maneira única.
            Ser cristiáns quere dicir deixármonos atraer por Xesús para desa maneira podermos encontrar a Deus. Nós somos e queremos ser seguidores de Xesús, porque el vai sempre diante, da mesma maneira que o futuro está sempre diante do presente e do pasado. Neste sentido un cristián ten que ser necesariamente un “progresista”, é dicir, un que mira cara ó futuro e que avanza cara ó que espera. Porque o que imos ser e o que estamos a construír é, falando á maneira bíblica, un “Reino de Deus”, que está por vir, que aínda non está entre nós a non ser de maneira só moi incipiente. Por iso a nosa fe está estreitamente unida á nosa esperanza: dúas actitudes fundamentais de todo cristián que xunto coa caridade ou o amor constitúen as tres chamadas “virtudes teologais”.
            A que vén todo isto que vos estou a comentar? Pois simplemente porque me parece que o que nos conta hoxe Lucas vai bastante por aquí. Xesús era un home aberto e decididamente lanzado cara ó futuro. Para entendérmonos, Xesús era un verdadeiro e auténtico “progresista”, no sentido máis literal de ir cara a adiante, un sentido que vai moito máis alá (claro!) dos clixés políticos ós que estamos acostumados. As cousas vellas e tradicionais non lle ían a el nin lle servían en canto se constituían en rémoras para a construción do seu Reino: un reino de xustiza, de amor e de paz. As continuas polémicas dos seus contemporáneos, tanto políticos como sobre todo relixiosos, contra el baseábanse nisto. Pois a relixión do seu tempo en boa parte ficara parada, detida, inmóbil, ancorada en normas, preceptos e sacrificios exteriores, que non lles deixaban ás persoas nin liberdade nin capacidade de poder avanzar e progresar.
            Ollo! Ben o sabemos. O progresismo humano e relixioso de Xesús non é un progresismo barato, abstracto, aéreo, senón ben encarnado nos problemas, nas ameazas e nos sufrimentos polos que habería de pasar. Tanto el coma quen queira ser humilde seguidor seu.
            Desde o punto de vista desta actitude de Xesús na súa vida e como confirmación dela, non está mal escoitar de novo o que nos comentaba Lucas no evanxeo de hoxe. Xesús –dísenos alí- “decidiu en firme ir a Xerusalén”. É dicir, decidiu avanzar, coma quen di, cara á boca do lobo. Porque é alí, en Xerusalén, no centro da política e da relixión do seu tempo, onde terá que dar claro testemuño da súa mensaxe.
            Non o deterá nos seus plans, camiño de Xerusalén, o feito de que os samaritanos non o vexan a el con bos ollos nin lle vaian conceder pousada entre eles. En calquera caso, dada a claridade de ideas que tiña desde o seu discurso inaugural en Nazaret sobre as liñas fundamentais da súa boa nova, Xesús non se deixará aconsellar polo violento ardor relixioso dos seus discípulos, que desexaban que un raio partise polo medio os samaritanos. Non. Non é así, con castigos ou vinganzas, como se constrúe o seu reino, tal como pensaban aínda os profetas do Antigo Testamento.
            Preséntanselle nesta camiñada posibles seguidores, candidatos que se lle ofrecen para acompañalo na tarefa de realización do seu reino. Mais advírtelles claramente que o seu camiño ten poucos acougos e escasas seguridades humanas. O camiño é esforzo continuado e non leito para nel se deitar. “As raposas –acláralles Xesús- teñen tobeiras e os paxaros teñen niños; pero eu [‘o Fillo do Home’] non teño onde pousar a cabeza”.
            Na construción do seu reino, do “Reino de Deus”, non se debe tampouco perder o tempo en lamentacións sobre o pasado ou en ritos apazugadores: “Deixa que os mortos enterren os seus mortos”. “Quen, despois de pór a man no arado, mira para atrás non é apto para o Reino de Deus”. O pasado –ben o estades a ver- pasado está.
            O que decide e importa, na construción do Reino de Deus, é polo tanto ollar cara a adiante, cara ó futuro que só se encontrará connosco tras o noso esforzo persoal e a imprescindíbel axuda do Espírito, que como o vento inchará as velas das nosas lanchas. Tal como lles escribe Paulo ós Gálatas na segunda Lectura de hoxe, o noso guieiro ha ser o Espírito. Ese Espírito que nos libera da “lei” opresora e escravizadora e nos orienta cara a Cristo, que é quen verdadeiramente nos libera de todo temor ou angustia. Lembrade o que escribe Paulo nesta carta: “Para vivirmos en liberdade liberounos Cristo... A vós chamáronvos á liberdade”. E trátase dunha liberdade que se realiza no amor, tal como engade aquí mesmo Paulo. Porque a lei en Paulo era só preparación para a nova actitude cristiá. Agora é no amor, que non se pode entender sen a liberdade, onde desemboca e se realiza a lei. “Toda a lei –di Paulo- está completa neste precepto: ‘Amarás o teu próximo coma a ti mesmo’”.
            Polo tanto, a vivencia ou a actitude cristiá ten que ser esencialmente dinámica, aberta ó futuro, realizadora do ben e do amor. Sen ollar cara a atrás, nin para fachendear das cousas ben feitas nin tampouco para angustiármonos indefinidamente por aquelas nas que non estivemos á debida altura. A nosa tarefa consiste en seguirmos o paso de Xesús, que vai sempre diante nosa, aprendéndonos co seu exemplo a aturar con paciencia e amor as dificultades coas que nos atoparemos inevitabelmente na vida. O que non resulta axeitado é ficar parados, estáticos, inoperantes ou sometidos á desesperanza, porque a vida é sempre camiño e ilusión, aínda que estea sempre entrecruzada pola dor e o sufrimento. Tal como foi a vida e o camiñar deste Xesús que vai sempre diante nosa, dándonos azos, alento e esperanza.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

Invoquemos a Deus noso Pai, por medio de Xesús Cristo, para que nos mova cara ó futuro de seu Reino, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, fe e esperanza no Reino ó que nos chamas, un reino de xustiza, de amor e de paz.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Fortalece e aumenta, Pai, os nosos ánimos para seguirmos a Xesús no seu camiño cara á construción dun mundo onde tódolos pobos e culturas gocen de paz, fraternidade e prosperidade.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Axúdanos, Pai, a non deixármonos vencer por ameazas, medos ou sufrimentos nos nosos comúns esforzos pola vinda do teu Reino.
TODOS: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.



                                                                                              Manuel Cabada Castro