Fai uns domingos (O domingo XXVI do Tempo Ordinario) quedaba
clara a existencia do Inferno na lectura do Evanxeo (Lc 16, 19-31) coa parábola
coñecida como a do pobre Lázaro e o rico Epulón. Ademais, dábanse detalles de
como é a vida de lugar infernal: «estando no inferno, no medio dos tormentos»,
«porque me torturan estas chamas», «que non veñan a este lugar de tormento».
Lembro que unha vez estando nunha comida na que o único cura
era un servidor, saíron os temas típicos cando hai un cura diante, entre eles o
do inferno. Unha persoa entrada en idade dixo que ela, sendo cristiá
practicante, non cría que iso do inferno existise e apelaba á misericordia
infinita de Deus. Enseguida os demais tamén empezaron a opinar na mesma
dirección. Despois de falar moitos deles, esperábase a miña resposta. Só me
limitei a dicirlles que se non existía o inferno entón non eramos libres.
Produciuse un silencio unánime duns segundos e, sen dicir nada máis, todos
caeron na conta de que é así: se non hai inferno, non podemos escoller e, por
tanto, non somos libres. Naquela comida o tema de inferno quedou resolto.
Na homilía do domingo que lles dicía ao principio, que este
ano foi o 29 de setembro, tamén falei destas cousas: a relación do Inferno coa
liberdade. Non faltou xente que se achegou a min para exporme as súas dúbidas e
apelar, outra vez, á infinita misericordia de Deus, da que eu tampouco dubido e
que, ademais, experimento todos os días.
Pero unha cousa é a misericordia de Deus e outra nosa
liberdade, xa que Deus, sendo omnipotente, non pode salvarnos se nós non
queremos. Dito doutro xeito, se hai alguén que non queira ir a ceo debe ter
outro lugar onde ir. Se o prefiren, se non quere ir á vida eterna (Ceo), só
queda ir á morte eterna (Inferno), dado que a vida terrea e histórica un día
terminará.
Hai dúas cousas que os humanos temos especialmente en grao
infinito: a capacidade de amar e a liberdade. Para todo o demais estamos
afectados pola nosa condición de seres limitados, pero para estas dúas, non.
Sempre podemos amar máis, até o extremo de dar a vida. E tamén somos libres de
modo infinito, até o punto de poderlle negar ao mesmo que nos creou. Deus puido
crearnos cunha liberdade relativa para que nunca desobedecésemos unha orde súa
e sempre fósemos fieis a El, pero non o fixo. No relato da creación da Xénese
queda claro isto que acabo de dicir. Ademais, se é que nós non o facemos,
podemos ver todos os días a persoas que negan a Deus, que blasfeman contra El,
que renegan del. Todo isto é unha proba máis da infinita liberdade que Deus nos
deu.
Sendo así, se negamos ou rexeitamos a perfección infinita de
Deus, non nos queda outra opción que a imperfección infinita. Para temporal e
relativo abonda o de agora. O de despois será todo infinito, para a perfección
ou para a imperfección, pero infinito en todas as súas dimensións.
Quizais, chegamos a este momento, poida parecer todo moi
complicado, xa que dicimos que somos libres, pero con só dúas opcións para
escoller: unha boa e outra mal, polo que case estamos obrigados a escoller só a
boa, co cal, xa tampouco somos libres. O erro está no noso concepto de
liberdade. Liberdade non é escoller o que me dá a gana ou o que me apetece, xa
que, por outra banda, isto converteríanos en escravos. Liberdade é escoller o
bo, belo e verdadeiro.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco da Fonsagrada