Evanxeo: Mt 2, 1-12
- COMENTARIO:
Igual algúns lectores ou lectoras estarán dubidando: pero,
será certa esta historia dos Magos, da estrela, de Herodes? Non soa un pouco a
fantasía, a lenda, a conto piadoso? E igual haxa tamén alguén que se alporice
vendo que outros/as dubidan, e pensará que, se non cremos que esta historia
sexa certa, xa non cremos na Biblia, en Xesús, en nada. Calma, calma! Estamos
lendo un pedaciño do relato da infancia do evanxelista Mateu. E xa dixemos
outro día que os
relatos da infancia de Lucas e Mateu máis ca relatos
históricos, son coma unha proxección cara atrás, cara á infancia de Xesús, do
que as primeiras comunidades cristiás crían acerca de Xesús, acerca dos
conflitos que suscitaba o seu estilo de vida, e acerca das maneiras máis
apropiadas de ser un bo seguidor, unha boa seguidora del. Isto é o importante
destes relatos, isto é o que os evanxelistas nos quixeron transmitir, e isto, e
non outra cousa, é o que se nos ofrece para crer e vivir.
O evanxelista Mateu nun relato precioso dramatiza, logo, a
acollida ou o rexeite que as diferentes persoas lle podemos ofrecer a Xesús e
ao que el nos propón. Cóntanos cousas do pasado, de máis ou menos lenda, pero
para que no presente nós nos preguntemos sobre a acollida que lle estamos
dando. Isto é o que nos debe preocupar ás persoas crentes, á comunidade cristiá
da que participamos. Vexamos, logo, algo máis ao detalle que se nos ofrece para
a nosa consideración.
Os Magos (que segundo o evanxeo non son reis, nin son tres),
os Magos son xente amiga do saber, do coñecemento, da cultura da vida; neles o
que máis chamaba a atención era o seu desexo por aprender a vivir a vida, a ser
persoa, a situarse ben ante os acontecementos sociais, políticos que
acontecían; por iso saen do seu país, bótanse aos camiños na procura de quen os
poida orientar, axudar na súa busca, van a Xerusalén, preguntan, infórmanse, e,
cando reciben información, deseguida se poñen en camiño para achegarse á
verdade das cousas, para abrirlle o corazón, para adorar esa verdade, para
obsequiala co mellor que eles levaban consigo, a súa condición de buscadores. O
resultado é un grande gozo, unha grande alegría, e a satisfacción de poder
volver para a súa terra, para a súa vida, enriquecidos polo coñecemento de
Xesús, fortalecidos polo recordo da súa presenza salvadora. Parece un conto,
pero canta sabedoría encerra esta historia! E a canto nos provoca: somos nós
así, xente con desexo de coñecemento, de acertar na vida; xente amiga de
xuntarnos, de preguntarnos, de aprender, de compartir sabedoría, experiencias,
camiños? Non deberían ser as nosas comunidades cristiás lugares especialmente
ricos neste tipo de cousas? Estao sendo a nosa comunidade? Por que si? Por que
non?
Herodes, en cambio, representa o imperio romano, o poder, o
poder en calquera das súas formas, o poder político, económico, o poder social,
cultural,... O poder sempre estivo en conflito con Xesús; non cadraban, porque
Xesús entendía a vida coma exercicio do servizo, non como exercicio do poder,
que case sempre acaba en corrupción, en abuso. O poder que non se preocupa da
información, ao revés, preocúpase de ocultala, de apagala, de matala. O poder,
onte coma hoxe, tapa a boca de quen se revela contra as súas inxustizas, contra
os seus abusos. Non é algo así, por exemplo, a nova lei de orde público que
sacaron os nosos políticos?
O poder ten recursos para ter información, e infórmase
preguntando ao poder relixioso (os sacerdotes e entendidos), pero nin a uns nin
a outros lles interesa nada a verdade. Uns (sacerdotes e entendidos) teñen
información, pero non se moven, quédanse no seo da manta, como tantas veces
fan, facemos, aínda hoxe os que falamos e falamos manifestando saber o demo de
cousas sobre todo. Outros, Herodes, teñen información, móvense, pero fano con
malicia, non para aprender a verdade para a vida, senón para matar a verdade
para a vida. O poder teme, engana, minte, simula, pero no fondo o que quere é
acabar de todas as maneiras con quen se revolva contra os seus abusos. O seu
final é a rabia, o odio, a destrución das súas propias persoas e a destrución
da xente que ten a desgraza de caer nas súas mans.
O evanxeo de Mateu lánzanos unha mensaxe positiva: o poder
acaba derrotado. Cústanos crer nesa mensaxe, cando vemos como o poder, onte
coma hoxe, parece que o goberna todo, que o controla toda, que xoga coas
persoas, cos nosos postos de traballo, cos nosos soldos, coa nosa saúde, coas
nosas pensións, co noso presente, co noso futuro. Aquí está a aposta cristiá:
naquel neno pequeno, rodeado da súa nai, do seu pai, está o contrapoder, está a
alternativa, está o futuro. Nel, e no seu estilo de vida. Cremos isto?
Apegámonos a isto? Empeñámonos nisto?
Cada Eucaristía é coma o momento de adoración dos Magos:
lembramos o nacemento, a vida, a morte, a resurrección de Xesús, facémolo con
grande agradecemento, e motivámonos para vincular as nosas vidas polos camiños
do servizo, arredándonos do poder.
- PRECES:
COS MAGOS PROSTRÉMONOS DIANTE DO NOSO SEÑOR
Para lle ofrecer o noso agradecemento por ter nacido entre
nós e por acompañarnos na vida. Oremos.
Para lle ofrecer a nosa disposición a atender a xente débil,
empezando polos nenos e nenas ignoradas ou que sofren abuso entre nós e no
mundo enteiro. Oremos.
Para lle confiar a nosa desconfianza ante a xente de poder e
de cartos, á hora de traballar por unha Galicia, por un mundo mellor. Oremos.
Para lle entregar a nosa humilde vontade de colaborar para
facer da nosa parroquia unha comunidade cristiá viva e ben animada polo
Espírito do Neno de Belén. Oremos.
Para obsequialo coa nosa alegría, para lle confiar as nosas
penas, para nos deixar coller pola súa humildade e pola súa fortaleza. Oremos.
- PREGARIA:
Todo é cuestión, Señor, dunha estrela
que unha mañá calquera alumea o noso corazón,
espertando dúbidas e preguntas,
botándonos a andar polos camiños da vida
para buscar a sabedoría simple
que nos leve a saber vivir con alegría.
Todo é cuestión de ser fiel a esa estrela,
de seguir a súa luz débil ou potente,
arriscándonos, sen medo, confiados,
sabéndonos impulsadas por unha forza maior
que nos chama á verdade, á paz, á vida.
Todo é cuestión, Señor, dunha estrela
que nos ensine a esquivar as trampas e tentacións do poder,
a descubrir a inmensa alegría da fraternidade,
ata prostrarnos ante un neno nacido de pouco,
bicando e adorando a Deus en toda debilidade.
Todo é cuestión de deixarnos levar pola estrela,
para comprender a verdade da vida,
o misterio sinxelo e fondo das cousas miúdas que a compoñen,
e saír fortalecidos/as para un maior servizo
coa forte calor da debilidade enchéndonos o corpo.
Todo é cuestión, Señor, dunha estrela,
do teu querer de acendela
da grande alegría que hai nela,
e de deixarnos guiar nós por ela.
Signo:
- Unha estrela na noite.
- Algunhas imaxe de poder político, financeiro, relixioso.
- Un neno ou nena nacido de pouco.
- Unha imaxe de debilidade que nos chame á adoración e ao servizo.