A primeira lectura, do libro da Sabedoría, fálanos do
difícil que é camiñar polo carreiro da xustiza. Si, porque ilustra moi ben dúas
actitudes na vida e diante da vida: a dos xustos, é dicir, a das persoas que
viven e queren vivir nunha sociedade de dereito, xusta, en paz, solidaria e
respectuosa; e a das persoas para as que o fin sempre xustifica os medios
(chantaxe, traizón, crítica despiada....), aquelas que non teñen escrúpulos,
que burlan a lei, que buscan prebendas, que pisotean dereitos... Sóanos o
conto?. Porque tod@s nós, en maior ou menor medida, en certos aspectos da vida,
somos das persoas que nadamos entre dúas augas, arrimándonos ao sol que máis
quenta. Na nosa vida, tamén na nosa vida de fe, ás veces somos coma botellas de
refresco con gas: ao comezo, cando quitamos a cortiza, todo é forza,
vitalidade, entusiasmo.... Pero, co tempo, na posta en práctica dos compromisos
bautismais, nas decisións que debemos tomar, nas opcións que temos que
sopesar.... chega un momento de proba: críticas ao redor, camiño diferente ao
da meirande parte da sociedade, @s amig@s cada vez enténdennos menos, perdemos
a tranquilidade..... e chega a sensación de fracaso, a apatía, mesmo o baleiro.
Xurde entón a idea de que non pagou a pena ter dedicado tempo, esforzo,
ilusións.... Perdemos o gas e deixámonos ir polo de sempre, polo que fan todos,
polo que se leva.... esquecendo dúas cousiñas importantes. Por unha banda o
feito de que cando unha sociedade vai mal (como está ocorrendo agora mesmo),
fai falla un cambio desde a raíz, cómpre volver comezar, porque non se pode
aprender xustiza nunha sociedade inxusta; non se pode aprender a ser solidarios
nunha sociedade que explota; non se pode amar a paz nun mundo cheo de violencia
física e verbal; non se pode aprender a ser persoa nun mundo inhumano.... xa
que aprendemos do que vemos e vivimos e cando o que se di está en contradición
co que se fai, aprendemos tamén a mentir e a enganar, a explotar e a matar.
Doutra banda, non menos importante, esquecemos que Deus non nos deixa sol@s,
senón que vai pondo no noso camiño persoas que nos tenden a man e que nos
axudan a erguernos demostrándonos que nos queren, que se preocupan por nós, que
non nos abandonan... o que fai que a pesares das dificultades e das cruces da
vida non deberiamos nunca perder o norte: Deus. El invítanos a ver a realidade
con outros ollos e danos forza e alento para volver comezar de novo.

Só así aprenderemos, tamén nós, a responder á pregunta que
Xesús lle fai aos seus discípulos: de que falabades polo camiño?. Certamente
non era de servizo, de entrega ou de compromiso. Non, tristemente eles tamén se
deixaran embaucar, tamén se deixaran ir e falaban de prestixio, poder,
importancia.... Que pouco cambiou o conto despois de dous mil anos de
historia!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!! Non entenderan nada... Non entendemos nada. E
Xesús, explicóullelo e explícanolo hoxe a nós: “quen queira ser primeiro, que
se faga último e servidor”. Estamos tan afeitos a escoitar esta frase que é
pouca a impresión que nos causa, a pesares de que non entendemos moi ben que para
ser primeiros teñamos que ser últimos. E non o entendemos porque nos falta fe,
porque non confiamos de verdade en Xesús. Por se acaso preferimos ter os nosos
propios medios, os nosos propios recursos, as nosas reservas e as nosas
seguridades para non quedar de últimos, porque iso sería unha catástrofe, unha
traxedia....Xesús propón como modelo aos nenos, símbolo das persoas pequenas,
daquelas que o mundo non ten en conta: pobres, parados, marxinados, enfermos,
desposuídos, escravos....e tantas e tantas persoas ás que ignoramos ou miramos
por riba do ombreiro por estar os nosos ollos pousados nos grandes e poderosos.
Nestas palabras de Xesús resoa a parábola do xuízo final. O neno é o famento, o
nu, o que está no cárcere, o marxinado... O que fai grandes non é dominar,
senón servir aos máis pequenos e desprezados. Tod@s nós (xerarquía, relixiosas
e leig@s), que formamos a Igrexa de Xesús debemos seguir con fidelidade as súas
palabras e o seu exemplo se non queremos enredarnos nas formas mundanas de
pensar e actuar. Calquera afán de dominio, de búsqueda de poder ou de
prestixio; calquera afán de manipular ou de sobresaír sobre os demais ocultará
o rostro de Cristo que debemos transparentar. Será un antitestemuño. Cando
aprenderemos?.