sábado, 14 de febrero de 2015

Reflexión

.          A figura do leproso cando aparece na biblia, expresa sempre exclusión. Aos leprosos négaselles todo, comezando pola súa posibilidade de convivir cos demais. Apártaselles. Naquel tempo eran os apestados, e para evitar contaxiarse vivían fóra das cidades, e cando ían a sitios onde podían atoparse con outra xente, debían facer soar unha campaíña para que os demais se fosen afastando e non se tocasen con eles. Diante desta foto, no pode estrañar que o libro do Levítico incida nesta idea e asegure que o leproso terá a súa morada fóra, lonxe de onde están os demais. O triste era que a lei permitía isto –é verdade que non podemos achegarnos aos textos dun tempo pasado cos ollos e as categorías de hoxe, por iso é tan importante coñecer e estudar os textos da biblia: para aprender a distinguir o que son elementos fundamentais e criterios de fondo do texto, do que é cuestión cultural e do tempo. A hermenéutica axudaranos a ir coñecendo mellor os textos e a ter unha interpretación correcta- pero o máis triste é que hoxe, e xa sen ningunha interpretación polo medio, seguen a existir, e canto máis desenvolvida é a sociedade en maior número, persoas e grupos que practican actitudes de exclusión aos leprosos –non físicos senón figurados– do noso tempo. Os leprosos de hoxe poden non ter problemas de pel, pero si de acollida, integración, igualdade de posibilidades ou perda do seu posto de traballo. As lepras de hoxe, como di o Papa Francisco, son as que converten ás persoas en descartes, como se fosen cousas que se poden taxar ou reducir a simples tantos por cento, esquecendo que estamos a falar de persoas, de vidas , de ilusións, de proxectos... de fillos e fillas de Deus. Para El o importante non son os datos do D.N.I., senón a dignidade que se comparte e o respecto que toda persoa nos merece. Diante destas novas lepras, e citando tamén ao Papa, os cristiáns, e polo tanto a Igrexa, temos que ser casa de acollida, porta aberta e pai/nai que mostre tenrura e non esqueza que agarimar é poñer en práctica a invitación que nos fai Xesús de acoller sempre a quen chega Sen segundas lecturas nin retrancas que busquen xustificar o inxustificable e impedir ver a realidade complexa e excluínte que, entre todos/as, por acción ou omisión, estamos a construír.


·         Onde podemos topar forza e verdadeiros berces de acollida é en Deus. Como nos dicía o Salmo, El é o noso refuxio. Foino, éo e seguirao sendo. E como sabemos, hoxe non é doado atopar refuxios onde te acollan, non che pidan nada ou non intenten rendibilizar a túa chegada. Estamos tan contaminados polo influxo do capitalismo que todo o taxa, que ata ás persoas lles poñemos prezo. Fronte a isto, Deus segue a manter a súa invitación: Vén, aquí atoparás refuxio, lugar de acollida e agarimo. E ademais non estarás só. Esta é a nosa folla de ruta como cristiáns. Estamos a seguila?. Mellor: estamos dispostos a tomala en serio e comezar a vivila? Preguntémonos como facemos realidade, no noso actuar cotián, ser refuxio que escoite, acompañe e se faga presente ante o pairo no que viven moitos dos nosos irmáns.


·         Paulo entendeuno ben, por iso lles di aos corintios que o importante é seguir a Cristo, non cumprir normas. Xa pasou o tempo dunha fe de dogmas. Estamos noutro tempo, un tempo que nunca deberiamos ter esquecido, pero que esquecemos. Este novo tempo é un tempo de actitudes, e estas son das persoas e para as persoas. E é Cristo, non a friaxe nin a dureza das leis –temos que ser persoas e comunidades de misericordia– a quen temos que seguir. De que nos vale ser moi cumpridores se o noso corazón se volve insensible  e duro coma a pedra?. Xesús non ten medo a contaminarse. Toca o intocable, ao leproso. Seremos capaces de facer o mesmo?. Aquel home quedou limpo. Tamén nós somos invitados a que outros vaian quedando limpos da lepra da exclusión, do empobrecemento e da invisibilidade. Non teñamos medo a ser socialmente incorrectos se estamos dispostos a vencer prexuízos e a achegarnos a aqueles que, segundo o parecer dos ben pensantes, son mal vistos.