. A figura do leproso
cando aparece na biblia, expresa sempre exclusión. Aos leprosos négaselles
todo, comezando pola súa posibilidade de convivir cos demais. Apártaselles.
Naquel tempo eran os apestados, e para evitar contaxiarse vivían fóra das
cidades, e cando ían a sitios onde podían atoparse con outra xente, debían
facer soar unha campaíña para que os demais se fosen afastando e non se tocasen
con eles. Diante desta foto, no pode estrañar que o libro do Levítico incida
nesta idea e asegure que o leproso terá a súa morada fóra, lonxe de onde están
os demais. O triste era que a lei permitía isto –é verdade que non podemos
achegarnos aos textos dun tempo pasado cos ollos e as categorías de hoxe, por
iso é tan importante coñecer e estudar os textos da biblia: para aprender a
distinguir o que son elementos fundamentais e criterios de fondo do texto, do
que é cuestión cultural e do tempo. A hermenéutica axudaranos a ir coñecendo
mellor os textos e a ter unha interpretación correcta- pero o máis triste é que
hoxe, e xa sen ningunha interpretación polo medio, seguen a existir, e canto
máis desenvolvida é a sociedade en maior número, persoas e grupos que practican
actitudes de exclusión aos leprosos –non físicos senón figurados– do noso
tempo. Os leprosos de hoxe poden non ter problemas de pel, pero si de acollida,
integración, igualdade de posibilidades ou perda do seu posto de traballo. As
lepras de hoxe, como di o Papa Francisco, son as que converten ás persoas en
descartes, como se fosen cousas que se poden taxar ou reducir a simples tantos
por cento, esquecendo que estamos a falar de persoas, de vidas , de ilusións,
de proxectos... de fillos e fillas de Deus. Para El o importante non son os
datos do D.N.I., senón a dignidade que se comparte e o respecto que toda persoa
nos merece. Diante destas novas lepras, e citando tamén ao Papa, os cristiáns,
e polo tanto a Igrexa, temos que ser casa de acollida, porta aberta e pai/nai
que mostre tenrura e non esqueza que agarimar é poñer en práctica a invitación
que nos fai Xesús de acoller sempre a quen chega Sen segundas lecturas nin
retrancas que busquen xustificar o inxustificable e impedir ver a realidade
complexa e excluínte que, entre todos/as, por acción ou omisión, estamos a
construír.
· Onde podemos
topar forza e verdadeiros berces de acollida é en Deus. Como nos dicía o Salmo,
El é o noso refuxio. Foino, éo e seguirao sendo. E como sabemos, hoxe non é
doado atopar refuxios onde te acollan, non che pidan nada ou non intenten
rendibilizar a túa chegada. Estamos tan contaminados polo influxo do
capitalismo que todo o taxa, que ata ás persoas lles poñemos prezo. Fronte a
isto, Deus segue a manter a súa invitación: Vén, aquí atoparás refuxio, lugar
de acollida e agarimo. E ademais non estarás só. Esta é a nosa folla de ruta
como cristiáns. Estamos a seguila?. Mellor: estamos dispostos a tomala en serio
e comezar a vivila? Preguntémonos como facemos realidade, no noso actuar
cotián, ser refuxio que escoite, acompañe e se faga presente ante o pairo no
que viven moitos dos nosos irmáns.
· Paulo
entendeuno ben, por iso lles di aos corintios que o importante é seguir a
Cristo, non cumprir normas. Xa pasou o tempo dunha fe de dogmas. Estamos noutro
tempo, un tempo que nunca deberiamos ter esquecido, pero que esquecemos. Este
novo tempo é un tempo de actitudes, e estas son das persoas e para as persoas.
E é Cristo, non a friaxe nin a dureza das leis –temos que ser persoas e
comunidades de misericordia– a quen temos que seguir. De que nos vale ser moi
cumpridores se o noso corazón se volve insensible e duro coma a pedra?. Xesús non ten medo a
contaminarse. Toca o intocable, ao leproso. Seremos capaces de facer o mesmo?.
Aquel home quedou limpo. Tamén nós somos invitados a que outros vaian quedando
limpos da lepra da exclusión, do empobrecemento e da invisibilidade. Non
teñamos medo a ser socialmente incorrectos se estamos dispostos a vencer
prexuízos e a achegarnos a aqueles que, segundo o parecer dos ben pensantes,
son mal vistos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario