viernes, 14 de septiembre de 2012

Lecturas


DOMINGO XXIV DO TEMPO ORDINARIO, CICLO B

PRIMEIRA LECTURA Is 50, 5-9
LECTURA DO PROFETA ISAÍAS
Ofrecínlle-lo meu lombo ós que me ferían

O Señor abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecín o lombo ós que me azoutaban, e a miña cara ós que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.

O que defende a miña causa está cerca.
¿Quen litigará comigo, cando comparezamos ante a comunidade?
Quen traballa a miña xusta sentencia está detrás de min.
O Señor axudarame: ¿quen será o que me declare culpable?


SALMO RESPONSORIAL Sal 114, 1-2. 3-4. 5-6. 8-9
R/ (9): Camiñarei á vista do Señor na terra da vida.
Ou: Aleluia

Amo ó Señor que escoita
a miña voz suplicante,
e pon cara a min o seu oído
no día en que o chamo.

Cando me envolven lazos de morte
e as redes do abismo me atrapan;
cando me atopo en apreto e aflicción,
invoco o nome do Señor:
¡Ai, Señor, sálvame a vida!

O Señor é xusto e clemente,
o noso Deus é compasivo.
O Señor garda os humildes:
na miña febleza hame socorrer.

Ti libras da morte a miña vida,
os meus ollos das bágoas,
os meus pés da caída.
Camiñarei á vista do Señor
na terra da vida.


SEGUNDA LECTURA Sant 2, 14-18
LECTURA DA CARTA DE SANTIAGO APÓSTOLO
Se a fe non fructifica en obras, está morta

Irmáns benqueridos, ¿que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos?
¿Acaso o poderá salvar esa fe? Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados
do pan de cada día, e vai un de vós e dilles: "ídevos en paz, quentádevos e fartádevos",
pero non lles dá aquilo que lle cómpre ó seu corpo, ¿que proveito levan? Pois o
mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne.

Pode dicir alguén: "ti te-la fe, eu teño os feitos". -Móstrame a túa fe sen feitos que eu
polos feitos heiche de mostra-la miña fe.


ALELUIA Gal 6, 14:
Lonxe de min gloriarme senón é na cruz do Señor,
por quen o mundo está crucificado para min e eu para o mundo


EVANXEO Mc 8, 27-35
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Ti e-lo Cristo...É preciso que o Fillo do home padeza moito

Ia Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo, e polo camiño
preguntoulles:
-¿Quen di a xente que son eu?

Eles responderon:
-Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas.

El preguntoulles a eles:
-¿E vós, quen dicides que son?

Respondeu Simón Pedro:
-Ti e-lo Mesías.

E prohibiulles diciren nada a ninguén.
Entón, con toda claridade, empezou a adoutrinalos acerca de que era preciso que o Fillo
do Home padecese moito, e que o rexeitasen os anciáns, os Sumos Sacerdotes e mailos
letrados; que o ían matar, e que ós tres días había resucitar.

Explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifarlle.
Pero Xesús volvéndose cara ós discípulos, reprendeuno:
-¡Arreda de min, Satanás, que ti non te me deixas guiar por Deus, senón polos homes!

E chamando á xente onda os seus discípulos, díxolles a todos:
-Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz, e que me siga.
Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola
miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo.


Comentario


Camiñar na presenza do Señor non é sempre doado; é máis, nunca é doado. E non o é non polas dificultades do camiño, senón pola tendencia que todos temos á comodidade, a adecuar as esixencias da fe á nosa comenencia, a facer do feito de crer un “bunker”, un coto, o noso, privado, no que nos sentimos seguros porque facemos o que queremos, o que nos gusta ou o que menos esforzo esixe... pero non o que Deus nos propón e invita a desenvolver. Cando actuamos así, e facémolo todos e moitas veces, estamos a quitarlle á fe o que ten de proposta nova e enriquecedora para a nosa vida, deixando que o insulso e o repetitivo, o de sempre, as formas, o externo, o superficial … entren na nosa vida como se fosen resposta ao que Deus nos pide. Que enganados estamos!. Camiñar na presenza do Señor é encher a vida de froitos que se volven saborosos cando poden ser degustados polos demais en forma de xustiza, colaboración, diálogo, denuncia de todo engano, participación, igualdade, e todo canto leve a descubrir que seguir a Xesús e ser cristián hoxe non é unha liga que se xoga nos grandes estadios compostos pola fermosura das nosas igrexas e das nosas imaxes, senón nos campos que están máis alá das portas das nosas igrexas, e que fan que nos atopemos con persoas que só poderán descubrir quen é e que entendemos por Deus grazas ao noso xeito de actuar, ao noso comportamento. Somos conscientes disto?.

A clave de todo canto vimos dicindo témola hoxe na carta de Santiago. Cando el escribe o texto está a correr entre os cristiáns un run-run, ao que moitos facían caso, de que non pagaba a pena ser honestos, ser responsables, ser xustos, denunciar inxustizas, esforzarse por facer ben as cousas e pensar sempre nos demais. Que o único e verdadeiro era confesar, crer en Xesús e esperar a que chegase o final para volver estar con El. E este run-run ía cada día tan a máis que moitos dos cristiáns acabaran por separar a súa vida -o que facían e como se comportaban cada día- da súa fe -do que crían e rezaban-; o que dera lugar non só a un total desconcerto entre as comunidades, senón a un afastamento da mensaxe que Xesús tanto se esforzara, e o manifestara coa súa vida, por mostrar, ensinar e vivir. De aí que Santiago se vexa na obriga de lembrarlles a aqueles cristiáns da primeira hora que se non son capaces de darlle xeito e forma en comportamento ao que rezaban e crían, todo acabaría por converterse en ermo e baldío. Algo así parece que nos está tamén a pasar hoxe a nós. Dá a impresión de que non temos claro que o que celebramos dentro dos templos e os sacramentos que recibimos se os separamos da vida acaban por converterse en simple suma de ritos e costumes, sen forza ningunha na nosa vida. E neste século XXI, os cristiáns ou saímos ás rúas, e co noso actuar mostramos que nos supón e esixe crer, ou dificilmente as xeracións máis novas poderán descubrir e entender quen foi e que fixo Xesús de Nazaré.

E a resposta volvemos atopala no Evanxeo que vimos de proclamar. Tamén a nós se nos pregunta en quen cremos e por que cremos , e temos que saber responder de xeito sinxelo e claro; pois a resposta ha ser froito da fondura e da riqueza dunha vida vivida desde o seguimento e a fidelidade á mensaxe do Reino, non só coa palabra e coas fórmulas dogmáticas, canónicas e teolóxicas; moitas das veces incomprensibles e moi afastadas da vida e dos problemas que cada día nos toca vivir, e polo tanto moi fóra do mundo dos homes e mulleres de hoxe. Que o noso confesar que El é o Mesías, saibamos expresalo non con seguridades que se escriben nos papeis pero logo non se cren, entenden nin viven, senón con actitudes, comportamentos e valores que convencidos van modulando a nosa vida e facendo de nós verdadeiras testemuñas de Cristo Resucitado.

Festividade da Santa Cruz