jueves, 10 de junio de 2021

FRATERNIDADE E MUNDO GLOBAL

O catro de outubro de 2020, festa de S. Francisco de Asís, o papa Francisco publicou a súa terceira encíclica, Fratelli tutti, sobre a fraternidade universal. Podería parecer, para quen non a tivera lido, que é un texto máis, ao uso do maxisterio papal. Mais se baixamos ao miúdo do que contén, descubrimos que Francisco recupera dous elementos raíz da fe cristiá que durante moito tempo non tiveran presenza nin na teoloxía nin na praxe da Igrexa católica: a dimensión social da fe e o compromiso de vivila na praxe para evitar caer nunha abstracción puramente especulativa. Deste xeito destérrase caer na tentación da chamada “fuga mundi”, como se as persoas crentes non pisaramos cada día chan e non tiveramos os mesmos problemas que aquelas que non o son! Só quen actúa responde ao envío evanxélico que chama a ir e anunciar a mensaxe de Xesús de xeito activo e transformador.

O fío condutor e transversal da encíclica é a fraternidade, categoría desde onde propoñer as relacións interpersoais e o necesario coidado do mundo onde esta fraternidade se vive e desenvolve en samaritanía evanxélica, en todo canto precisamos para vivir de xeito humanizador. Polo tanto a fraternidade compromete entón tamén a institucións, lexislacións, nacionais e internacionais e calquera outro tipo de propostas que teñan ás persoas coma protagonistas; para que sexan vividas sempre desde o principio compartido que nos une: somos irmáns e irmás, tratémonos sempre como tales.

Francisco reivindica a fraternidade desde a raíz evanxélica e na perspectiva da súa dimensión social. Recoñecer a alguén na irmandade supón rexeitar a tentación do individualismo unidimensional (Herbert Marcuse), para avanzar na reivindicación de que como seres sociais, as persoas non podemos avanzar se non é en unión. Esta proposta do seu maxisterio busca recuperar unha idea matriz da fe cristiá esquecida polo influxo do individualismo liberal, que só é capaz de visualizar ás persoas en función do beneficio e da rendibilidade que lle producen e nunca pola razón de ser da igualdade equiparada en dereitos e deberes, sen distinción de clase, raza, lingua, cultura ou relixión. Insiste o papa na urxencia desta relación de visibilidade igualitaria, tan necesaria hoxe fronte as antropoloxías líquidas do nihilismo baleiro, no ser e sentir da presenza activa no mundo.

Neste avanzar pasando da teorización á realización práctica no día a día do actuar das persoas, Francisco volve insistir na dinámica da necesidade de entender a vida como procesos nos que as persoas crecemos e maduramos. Un crecemento e unha madureza que non nos pechan ás persoas ao modo das mónadas de Gottfried Leibniz, senón que nos abren á proposta de encontro e recoñecemento dos rostros dos outros/as, seguindo a xeira do personalismo deEmmanuel Lévinas. A persoa non pode nunca ser secuestrada nin invisibilizada polo individuo. Somos cos outros. Somos para os outros. Calquera intento de deconstrución deste principio rompe a dinámica do humanismo fraterno e ponse de costas á fraternidade evanxélica. Disto imos tendo cada vez máis no mundo actual, no que valemos só en función do que lle proporcionamos aos poderosos.

No dinamismo deste proceso é no que imos descubrindo que non toda proposta nin todo sistema, sexa político ou sexa económico, é neutral. Porque quen desde populismos extremos encapsulan ás persoas buscando controlalas, dirixilas, manipulalas ou dominalas, ben sibilinamente ben sen pudor algún, impedíndolles ser elas mesmas e desenvolver as súas capacidades, non buscan fraternidade senón adhesión inquebrantable.

Fratelli tutti quere ser unha man tendida que mova ás persoas, a todas elas, a ter conciencia de si mesmas e a non deixarse roubar a liberdade e a capacidade de propoñer camiños que buscan colaboración e participación desde onde facer posible que se recoñeza, con toda a súa forza, a voz de quen non ten voz: periferias e descartes. Migrantes, menas, maltratadas… todas as vítimas sempre han ter acubillo para quen pon á persoa no centro.

Clodomiro Ogando.

Instituto Teolóxico de Vigo.