SANTÍSIMO CORPO E SANGUE DE CRISTO
(29 maio 2016: Ano C)
No pasado domingo celebramos a festa
da Santísima Trindade, na que reflexionabamos sobre o significado desta festa
como revelación de Deus a nós do que El mesmo é: un Deus que, desde sempre, é
un e trino, unido e diferente en si mesmo. Un Deus que quere comunicarse a
todos nós e facer de nós, en comuñón con El, algo semellante ó que El mesmo é:
unha soa e incomparábel familia. Unha familia, na que esteamos todos unidos
entre nós e con El polo amor, manténdonos todos e cada un autónomos e libres, é
dicir, diferentes.
Ó
celebrarmos agora a festa do Corpo e do Sangue de Cristo, non podemos esquecer
este contexto xeral grandioso do que Deus mesmo é. Como sabemos, a meirande
expresión da relación de Deus con nós é o feito de que El se fixo humano en
Xesús, o seu Fillo encarnado, cun corpo igual ó noso.
Pois ben,
con este Xesús visíbel, audíbel e tanxíbel estiveron en contacto directo os
seus apóstolos. Por iso son eles para nós as verdadeiras testemuñas de Xesús e
tamén polo tanto de como Deus é. Os que viñemos ó mundo despois deles, temos
tamén a posibilidade de relacionármonos de maneira especial con Xesús e, a través del e nel, co Pai e co Espírito
Santo. Esta é a fonda mensaxe da festa de hoxe, a do Corpo e Sangue de Cristo.
Porque na eucaristía entramos en
contacto especial con Deus. E isto ocorre de dúas maneiras fundamentais:
A primeira é cando escoitamos comunitariamente a palabra de Deus. Ben
sabemos o agradábel que nos resulta a todos cando alguén nos dirixe
amigabelmente a palabra. E tamén como nos doe cando algún coñecido noso pasa ó
noso lado sen dicirnos ren. Medramos e fortalecémonos internamente coa palabra
e cos agarimos dos demais. Pois ben, Deus diríxenos a súa palabra amorosa de xeitos
moi diversos. A través da nosa propia conciencia, dos bos exemplos que
recibimos dos demais, a través da palabra súa que se nos fai presente nos
relatos evanxélicos. Neste senso, a palabra de Deus é para nós verdadeira
comida. Porque nos alimenta e nos dá azos, porque nos ofrece un sentido para a
vida, porque nos fai vivir con plenitude.
A segunda
maneira de entrarmos en contacto con Deus nos nosos encontros semanais na
igrexa é a comuñón eucarística. Cando facemos iso, sabemos que non realizamos
un rito baleiro. Pola palabra de Deus, na que cremos, somos conscientes de que
na comuñón do “corpo de Cristo” recibimos un incríbel impulso vital e
vitalizador. Xesús definiuse a si mesmo moitas veces como “Vida”: “En son o
camiño, a verdade e A VIDA”. “Eu son o pan VIVO”. “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ para
sempre”. “O pan que eu darei é ... para a VIDA do mundo”. “Quen come a miña
carne e bebe o meu sangue, TEN VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro
día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”.
Concretamente, na segunda Lectura de hoxe lémbranos Paulo na súa carta
ós Corintios os acontecementos da derradeira Cea do Señor, cando Xesús lles di
ós Apóstolos: “Isto é o meu corpo”, “Isto é o meu sangue”. Trátase dun corpo e
dun sangue que, tal como lles di Xesús, “se entregan por vós”. Nas nosas
eucaristías é iso o que comunitariamente intentamos facer: “lembrármonos”, como
nos pide o mesmo Xesús, desta súa entrega total a nós para que pola nosa parte
fagamos nós o mesmo con todos. Esa era tamén a intención, convertida en pedra,
da escultura da “Derradeira Cea” que temos aquí diante, realizada por Xoán
Piñeiro Nogueira, nado preto de aquí, en Cangas, ó outro lado desta nosa
fermosa ría de Vigo: facernos artisticamente presente a derradeira mensaxe de
Xesús.
Esta
festividade ten que ser, pois, para nós unha nova e especial ocasión de
agradecermos a Deus pola súa xenerosidade infinita. Un Deus que se entrega a
nós e se deixa comer por nós para que así poidamos participar nós da súa forza
e da súa vida.
Hoxe en
día instrúennos de cando en vez os especialistas e os medios de comunicación
sobre os alimentos que cómpre comer ou deixar de comer para mantérmonos en
forma e para alongar o máis posíbel a nosa vida ou, como se di, a nosa calidade
de vida. Todo iso está moi ben, aínda que sabemos que por moito caso que lles
fagamos a esas recomendacións, o problema principal, a posibilidade de vivirmos
sempre, non nola resolven.
En
calquera caso e en canto cristiáns temos que saber proclamar e ofrecer tamén os
nosos produtos, a nosa propia dietética. Que consiste, en definitiva, en
anunciarmos e vivirmos ó tempo en nós mesmos a Cristo como “Vida”, como dador
de vida, dunha vida sen data de caducidade, porque é eterna.
Unha forte crenza na vida, por outra parte, que ten que se amosar no
noso interese pola vida de todos, de maneira especial pola daqueles cos que
convivimos e que poden precisar da nosa axuda. Axuda material e espiritual,
proporcionando amor, acompañamento humano e tamén os medios materiais que lles
poidamos ofrecer. Por iso, esta festa eucarística ha ser sempre unha festa non
só íntima ou devota, senón tamén e sobre todo social e comunitaria. Para que
así como Deus nos ofrece e nos dá a súa vida a cada un de nós, así tamén deamos
nós algo polo menos da nosa vida, do que somos ou temos, ós demais.
Todo isto é o que está tamén no fondo da mensaxe da “multiplicación dos
pans e dos peixes” do evanxeo de Lucas. Tivo que se tratar dun acontecemento
bastante especial ou rechamante para que os catro evanxelistas falen del (Mateo
e Marcos falan del incluso dúas veces). Da escena da multiplicación dos pans e
dos peixes podemos deducir que Xesús quere e busca de verdade a nosa
felicidade, material e espiritual. Unha felicidade total e compartida. Non pode
ser que só uns poucos vivan felices e contentos mentres que os demais teñan que
pasalo moi mal para acadaren o que precisan tanto eles mesmos coma os que teñen
ó seu coidado.
Todo isto
temos que telo en conta cando celebramos a festa do Corpo e do Sangue de
Cristo. Porque “corpo de Cristo” son tamén, e de maneira moi especial, os
pobres e necesitados. De maneira que comulguemos así non só co corpo
eucarístico de Xesús, senón tamén cos corpos famentos e necesitados que existen
en tantas partes da terra, que nos fan neles presente a ese Xesús, fillo
benquerido de Deus, que decidiu identificarse con eles.
Por iso a
esta festividade do Corpo de Cristo está tradicionalmente asociado o Día da
caridade, que é tamén hoxe. Queiramos ós demais como o Deus de Xesús quere a
todos e de maneira especial ós seus fillos e irmáns nosos máis necesitados.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Pidámoslle
a Deus Pai por medio do seu Fillo Xesús que escoite as nosas oracións dicindo:
ESCÓITANOS, PAI.
- Pola Igrexa, para que reparta o pan e a palabra de Cristo
de xeito que chegue a todos cantos teñen fame e sede de xustiza, de paz, de Deus.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Polos pobres e excluídos do mundo para que atopen na
sociedade e na Igrexa canles e recursos que alivien os seus problemas.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Por todos nós, para que ó alimentarnos do corpo e do
sangue de Cristo fagamos eucarística a nosa vida no servizo ós demais.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
PEDÍMOSCHO, PAI, POLO TEU FILLO XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR.
AMÉN.
Manuel Cabada Castro