sábado, 8 de septiembre de 2012

Comentario


Como raiola de esperanza, tamén hoxe as palabras do profeta Isaías queren converterse en imaxe activa, creadora e gozosa dun Deus que, de xeitos múltiples e en todo momento, nos vai dando mostras da súa presenza e da súa preocupación por nós. A través dos sentidos, que nos fan tomar conciencia da realidade da que formamos parte e da necesidade que temos, no medio desa realidade, de non illarnos dos problemas e dificultades que día a día van xurdindo. Dificultades e problemas das que todos somos conscientes na mais abrir os ollos cada mañá e descubrir, que cada vez son máis as persoas, non números nin estatísticas anónimas, que van quedando nas beiras dunha sociedade que se pensou que non tiña nin límites nin fin, e que nos vai mostrando con toda a súa crueza o equivocados que estabamos. Nesta situación, as palabras do profeta lévannos a que nos esforcemos por sacar a máscara que ás veces pomos nos ollos e nos impide ver e oír o grito desesperado de tanta xente á que ata hai ben pouco nada lle faltaba, e ás que agora tódalas defensas se veñen abaixo e necesitan non voces de condena e superioridade que lles lembren os seus erros, senón mans abertas e corazóns dispostos a facer camiño xuntos para, asentados na forza da solidariedade, dar pasos que afasten do abismo da pobreza e exclusión social.

●      Santiago volve insistir no mesmo cando escribe que os preferidos de Deus, porque os outros xa se valen por si mesmos, son os pobres e necesitados. e advírtenos contra a doada e perigosa tentación de facermos distincións. Que ben lle viría á nosa Igrexa poñer en práctica esta sinxela recomendación da súa carta: “non xuntedes a fe no noso Señor Xesucristo coa acepción de persoas”. Cantas veces temos utilizado a relixión e o nome de Deus en vano para xustificar o noso facer distingos entre as persoas. Porque desgraciadamente a Igrexa institución segue, en moitas ocasións, ligada ao poder e aos poderosos, tanto na súa xerarquía coma nos seus membros leigos e relixiosos. Ou é que moitas veces non tratamos tamén nós dun xeito diferente a quen ten máis cartos, máis poder, máis estudios.... que ao resto dos nosos veciños?. E aínda máis, non nos cremos inferiores a eles?. Porén, non é este o xeito de actuar de Xesús, que foi perseguido, calumniado e crucificado por non unirse aos intereses dos poderosos , por denunciar a súa dobre moralidade, por non render acatamento nin permitir que llo rendesen a El. Ese é o camiño que nós, coma seguidores seus, queremos andar: o do servizo a prol dos empobrecidos e marxinados da terra.
  
●      Aprendamos logo a prolongar a caridade, non na palabra e nos xestos aos que se lles da publicidade, senón no servizo desinteresado e sempre entregado aos pobres e necesitados. E se ata hai ben pouco todo parecía ir tan ben que non nos poñiamos límites e construíamos unha vida sobre as areas movedizas do posuír e consumir; que agora, poñendo sempre os pes no chan, non esquezamos que sen Deus a vida convértese en sen sentido e fracaso. Que saibamos achegarnos a El con actitude de escoita para ser, tamén nós, mediación a través da que os xordos e os mudos do noso tempo; xordos e mudos de comunicación, sinxeleza, solidariedade, humildade, entrega gratuíta... descubran que ter fe non nos afasta nin illa do mundo, senón que nos compromete e achega para ser sementadores de Boa Nova en tempos recios e cheos de dificultade.

Lecturas

DOMINGO XXIII DO TEMPO ORDINARIO, CICLO B

Primeira Lectura     Is 35, 4-7a
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Abriranse os oídos dos xordos, cantará xubilosa a lingua dos mudos

            Dicídelles aos de corazón tímido:
"Collede ánimo, non temades.
Velaí o voso Deus.
            Chega a vinganza, a recompensa de Deus.
Chega El mesmo, e salvaravos".
            Entón abriranse os ollos dos cegos,
e os oídos dos xordos destaparanse.
            Entón o coxo saltará coma un corzo
e a lingua do  mudo cantará xubilosa.
            Si, saen á luz augas no deserto e ríos na estepa:
a terra reseca convértese nunha lagoa,
e a terra sedenta en mananciais de auga.

     Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 145, 7. 8-9a. 9bc-10
R/.  (1):  Loa, miña alma, ó Señor.
Ou:  Aleluia.

El garda por sempre a súa fidelidade:
failles xustiza aos oprimidos
e dálles pan aos famentos.

O Señor libra os cativos,
o Señor abre os ollos dos cegos,
o Señor endereita os dobrados,
o Señor ama os xustos.
O Señor protexe os forasteiros.

O Señor sostén os orfos e as viúvas,
extravía os camiños dos malvados.
O Señor reina eternamente,
o teu Deus, Sión, por xeracións e xeracións.
Aleluia.


Segunda Lectura     Sant 2, 1-5
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
Non é que Deus elixiu os pobres como herdeiros do reino?

            Meus irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben con certos distingos entre persoas. Entra na vosa asemblea é un supoñer un home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con farrapos; se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: "ti acomódate ben aquí", e ao pobre "ti queda de pé aí", ou "senta no chan aos meus pés", non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos?
            Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños: seica non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu aos que o aman?

      Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

 
ALELUIA    Cf. Mt 4, 23
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Xesús predicaba o Evanxeo do Reino,
e curaba todas as enfermidades do pobo.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 7, 31-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Fixo oír aos xordos e falar aos mudos

            Naquel tempo, Xesús, deixando Tiro, veu dar por Sidón ao mar de Galilea, atravesando a Decápole. Presentáronlle un xordomudo, e suplicáronlle que lle impuxese as mans. Xesús, separándoo da xente, meteulle os dedos nas orellas e tocoulle a lingua con cuspe. Logo, erguendo os ollos ao ceo, suspirou e dixo:
            Effatá (ou sexa: "ábrete").
            E no instante abríronselle os oídos, e falaba perfectamente. Logo prohibiulles contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban. E a xente, totalmente abraiada, comentaba:
            Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.

       Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo