domingo, 3 de marzo de 2013

Lecturas

Primeira Lectura     Ex 3, 1-8a. 13-15
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
"Eu son" mandoume onda vós

            Naqueles días, Moisés pastaba os rabaños do seu sogro Ietró, sacerdote de Madián. Levaba polo deserto os rabaños, e unha vez chegou ata a montaña de Deus, o Horeb. Nunha labarada, no medio dunha silveira, apareceulle o anxo do Señor. Moisés reparou na silveira que ardía e que non se consumía, e dixo para si:
            Voume chegar alá, para observar este fenómeno e saber por que non se consome a silveira.
            En vendo o Señor que Moisés se achegaba para mirar, chamouno desde a silveira:
            Moisés!, Moisés!
            El respondeu:
            Aquí estou.
            Díxolle Deus:
            Non te achegues aquí. Tira as sandalias dos pés, pois o sitio onde estás é terra sagrada.
            E engadiu:
            Eu son o Deus de teu pai, o Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob.
            Moisés tapou a cara, polo medo de ver a Deus.
            O Señor díxolle:
            "Teño visto as miserias do meu pobo en Exipto, oín as súas queixas contra os seus opresores, coñezo os seus sufrimentos. Vou baixar e libralos do poder dos exipcios, e levalos desta terra a unha terra boa e largacía".
            Moisés replicou:
            "Xa me estou vendo chegar onda os israelitas e dicíndolles: O Deus de vosos pais mándame onda vós. Mais eles preguntaranme: E cal é o seu nome? Que lles direi eu entón?"
Deus respondeulle a Moisés:
            "Eu son o que son".
            E engadiu:
            "Diraslles así aos israelitas: Eu son mándame onda vós".
            E mandoulle aínda:
            "Diraslles tamén aos israelitas: O Señor, o Deus de vosos pais, o Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob mándame onda vós. Ese será o meu nome para sempre. Por el invocaranme todas as xeracións.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 102, 1-2. 3-4. 6-7. 8 e 11
R/. (8a): O Señor é misericordioso e clemente.

Alma miña, bendí o Señor
e todo o meu ser, o seu santo nome.
Alma miña, bendí o  Señor,
non esquezas os seus beneficios.

El perdoa as túas culpas
e sanda as túas doenzas;
rescata a túa vida da morte
e coróate de amor e de tenrura;

O Señor fai xustiza
e defende o dereito do oprimido.
Amosoulle a Moisés os seus camiños,
ós fillos de Israel as súas fazañas.

O Señor é misericordioso e clemente,
tardo á ira e rico en mercés.
Canto se alza o ceo sobre a terra,
así é grande o seu amor para os que o temen.


Segunda Lectura     1 Cor 10, 1-6. 10-12
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A vida do pobo no deserto con Moisés escribiuse para a nosa conversión

            Irmáns:
            Non quero, irmáns, que ignoredes que os nosos pais estiveron todos baixo a nube; que todos pasaron polo medio do mar; que, na nube e no mar, todos recibiron o bautismo de Moisés; que todos comeron o mesmo alimento espiritual pois bebían da pedra espiritual que os acompañaba: e esa pedra era Cristo .
            Pero, con todo, a maior parte deles non lle agradou a Deus, xa que os seus cadáveres ficaron estrados polo deserto.
            Isto sucedeu coma un exemplo para nós, a fin de que non teñamos degoiros do mal, coma eles os tiveron.
            Nin murmuredes, coma algúns deles e pereceron vítimas do Exterminador.
Isto sucedeulles a eles como exemplo, e escribiuse para o noso escarmento: para nós, que vivimos na fin dos tempos. De xeito que o que crea estar de pé, teña coidado de non caer!

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO   Mt 4, 17

Facede penitencia, di o Señor;
está cerca o Reino dos Ceos.


Evanxeo     Lc 13, 1-9
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Se non facedes penitencia, todos pereceredes

            Naquel intre presentáronse algúns para contarlle a Xesús o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían.
            El respondeulles:
            Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que como non vos arrepintades acabades todos igual. Seica pensades que aqueles dezaoito que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.
            E púxolles esta parábola:
            Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle ao viñateiro: "Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, para que vai cansar máis a terra?" El respondeulle:
            "Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco; a ver se así dá froito...; e, onde non, pódela cortar".

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo