DOMINGO IV DE ADVENTO
(Ano A: 18 de Nadal de 2016)
Un
pensador alemán non moi coñecido, que viviu a comezos do século XIX, que se
apelidaba Krause, do que procede o chamado krausismo español, ideou un sistema
filosófico coñecido como “pan-en-teísmo”, que non é o mesmo que “panteísmo”.
Este último, o panteísmo, defendería que todo é Deus. Mais o “pan-en-teísmo” de
Krause sostiña, polo contrario, que todo está
en Deus; non que todo sexa Deus.
En
realidade, dicir que todo está en Deus no debería soarnos a algo novo, a cousa
recentemente inventada. Trátase dunha idea moi antiga e, desde logo, moi
cristiá. Aparece con frecuencia en santo Agostiño e moitos outros importantes
pensadores cristiáns, tanto antigos como modernos. Podemos imaxinarnos esta
situación como algo semellante ó que lles ocorre ós peixes que, sen dárense de
conta, están dentro da auga, que lles fai posible vivir e moverse. Semellante
tamén ás pombas ou gaivotas, que sen ser o aire, están no aire e poden vivir e
voar porque o aire as envolve e as enche de posibilidades. Os peixes e as aves
non son mar nin aire. Pero están no mar e no aire, e participan dalgunha
maneira do modo de ser do aire ou do mar.
Xa nos
Feitos dos Apóstolos aparece Paulo formulando algo semellante a isto cando
falaba sobre o modo como nos relacionamos todos nós con Deus. Dicía Paulo:
“Deus non está lonxe de cada un de nós, porque nel vivimos, nos movemos e
estamos”. Algo parecido, como vedes, ó que lles ocorre ás aves e ós peixes en
relación co seu aire ou coa súa auga.
Coido que
todo isto ten algo que ver coa primeira Lectura (do profeta Isaías), que
resulta moi apropiada para este tempo de preparación para o Nadal de Xesús:
“Velaí que a virxe está en cinta e dá a luz un fillo, ó que lle pon de nome
‘Emmanuel’ (que significa ´Deus connosco’)”.
O tempo de
Advento é un tempo de avivar a conciencia deste estar “deus connosco”, dese
achegamento tan grande de Deus a nós, tal como celebramos no Nadal ó
mostrársenos el a nos na presenza engaiolante dun neno humano. Por iso, Xesús
non é só un ser humano máis, senón o lugar do encontro máis íntimo que se pode
imaxinar entre Deus e a humanidade. Encontro tamén con toda a creación, que é a
base e o fundamento de todos e cada un de nós. Na aparición entre nós de Xesús
concéntranse, pois, divindade e humanidade dunha maneira inconcibíbel e
marabillosa. Paulo exprésao á súa maneira na súa carta ós Romanos (na segunda
Lectura de hoxe). Xesús Cristo, dinos nela Paulo, “naceu como home da semente
de David, pero foi constituído fillo de Deus con pleno poder polo Espírito
(Santo) santificador”.
É dicir,
seguindo co símil das aves e dos peixes, Xesús é un ser humano coma todos nós,
mais vive dunha maneira especial no “Espírito” de Deus, no aire de Deus. A
palabra “espírito”, como ben sabedes,
ten que ver co “aire” que respiramos e que nos dá vida. Para Paulo ese
“espírito” é Espírito santo, Espírito “santificador”, Espírito divinizador.
De modo
que en Xesús radica toda a nosa salvación. O mesmo nome de “Xesús” significa,
como ben sabedes tamén, “Salvador”, ou máis exactamente, “Yahvé salva”, “Deus
salva”. Por que pode salvarnos Xesús e de feito nos quere salvar e nos vai
salvar? Pois porque el ten, como Fillo único e benquerido de Deus Pai, todo o
poder do Pai e todo o seu amor e porque, ademais, é un máis de nós, igual en
todo a nós, absolutamente solidarizado connosco, por marxinada ou pobre que
sexa a situación dunha concreta persoa. El é absolutamente próximo a nós, a
todos nós, e ten poder infinito para liberarnos de todo mal, incluída a
liberación da morte ó concedernos a resurrección para sempre. En resumidas
contas, Xesús salva porque é “Emmanuel”, é dicir, porque é “Deus connosco”.
É o mesmo
que se nos di no famoso “Limiar” do evanxeo de Xoán, cando se nos fala alí de
Xesús como a “palabra” que Deus Pai dirixe ó mundo, á humanidade toda. É unha
palabra divina, pois trátase dunha palabra, segundo se nos explica alí, que
“vén de Deus” e que, ademais, ¡marabilla das marabillas!, é “Deus” mesmo, o
Deus humanizado. Desta “palabra”, dísenos no evanxeo de Xoán: “A palabra fíxose
carne e plantou entre nós a súa tenda”.
Unha vez
máis podemos admirar e loar a grandeza de Deus, o seu marabilloso modo de ser e
de se comportar. Deus sae en certo modo do interior de si mesmo, da
profundidade e inabarcabilidade da súa divindade para se facer un máis entre
nós sen deixar de ser o que desde sempre é: o Deus absolutamente infinito.
Para Xoán,
Xesús é a palabra que Deus dirixe ó mundo. Unha palabra que, liturxicamente, e
neste ano dentro de xustamente unha semana (no próximo domingo, día 25), se vai
facer carne e presenza agarimosa entre nós. Sen poder aínda falarnos (malia ser
a “palabra”!) como unha persoa que sabe xa falar, senón coma un neno, mellor,
como un “infante”, é dicir como un “non falante” (pois iso significa
“infante”). Mais ben sabemos que os nenos, coa súa soa presenz
a confiada,
amorosa e risoña, suscitan amor por si mesmos sen necesidade de palabras. En
realidade, eles falan tamén, mais cunha linguaxe chamada “non verbal”, é dicir,
non utilizando aínda palabras pertencentes a unha lingua concreta.
Tamén
sabemos moi ben os adultos que os xestos, os comportamentos, as miradas que se
dirixen ou non se dirixen a unha persoa determinada, os silencios ou calquera
outra actitude coa que nos relacionamos ou non nos relacionamos cos demais,
poden falar máis alto, dicir moito máis, có que expresamos ordinariamente coas
palabras do dicionario. Por iso a vivencia e presenza mesma de Xesús nacendo
coma un marxinado, nunha familia con moi poucos medios, no seo acolledor da
natureza, fálanos moito máis clara e convincentemente sobre os temas
fundamentais do evanxeo que o máis elevado discurso construído con palabras.
Deámoslle,
pois, grazas a Deus Pai por ternos querido falar de si mesmo por medio do seu
Fillo da maneira como el o fixo no xa próximo Nadal.
ORACIÓN DOS FIEIS:
Preguemos a Deus noso Pai, por medio do seu Fillo Xesús,
Salvador noso e “Deus connosco”, dicindo todos xuntos:
Señor, escoita a nosa oración.
- Para que nos
preparemos para recibir o Neno Xesús no próximo domingo como “Deus connosco”:
Señor, escoita a nosa oración.
- Para que
saibamos aledarnos coa próxima vinda de Xesús onda nós como “Salvador”:
Señor, escoita a nosa oración.
- Para que
academos sentirnos como verdadeiros irmáns de Xesús e de tódolos homes e
mulleres do mundo enteiro:
Señor, escoita a nosa oración.
Deus, noso Pai, dámosche grazas pola xa próxima vinda de
Xesús para estar connosco e nos salvar. Por Cristo Noso Señor.
AMÉN.
Manuel Cabada Castro