DOMINGO V T. O.
(5. II. 2017)
As
palabras, impresionantes e claras, coma auga dun riíño limpo de montaña, que
acabamos de escoitar de Isaías son aducidas con frecuencia por teólogos e
biblistas para pór de relevo a importancia e centralidade que xa no Antigo
Testamento tiña a práctica da caridade, do amor ós pobres e necesitados.
Pola nosa
parte, os que facemos de cativos anunciadores ou comunicadores da palabra de
Deus nas eucaristías non podemos renunciar tampouco en modo algún a facérmonos
eco do dito polo gran profeta: “Reparte o teu pan co famento e acolle na túa
casa os pobres... Viste o espido e non te escondas da túa propia carne. Entón
resplandecerá a túa luz coma a alba... Entón chamarás o Señor... e dirache:
Aquí estou... Entón a túa luz brillará na escuridade e a túa tebra será coma o
mediodía”.
Pois ben,
en eucaristías anteriores viamos como Xesús Cristo, o Fillo de Deus no que Deus
Pai se manifesta plenamente ó mundo, dicía de si mesmo: “Eu son a luz do
mundo”. Xesús preséntase, polo tanto, a si mesmo como aquel que, coma a luz,
ilumina, orienta e ofrece sentido a toda a realidade e a tódalas persoas en
tódolos tempos. Á maneira do sol que, desde que a terra é terra, alumou, aluma
e alumará a canta criatura nela habite.
Engadiamos
tamén que Paulo na súa carta ós Efesios (5, 8-9) lles dicía que eles son “luz
no Señor”, “fillos da luz”. Ó dicir isto, Paulo faise eco evidentemente do
Evanxeo de hoxe. “Vós –di Xesús ós seus oíntes- sodes a luz do mundo”. De xeito
que non é función só de Xesús. Tamén nós somos, debemos ser, “luz do mundo”. E
a luz ten que deixarse ver e sentir, porque se se agacha, interrompe ou
suspende polo mesmo a súa función de servir de orientación e de dar enerxía a
cantos dela precisan. Todos necesitamos da luz.
Mais o
símil da “luz”, do que se vale Xesús para animar os seus discípulos a reflectir
sobre os demais a luz que del reciben, está acompañado por outro que o vén
completar ou perfilar: “Vós sodes o sal da terra”. O sal segue a ser aínda hoxe
elemento importante para a conservación e degustación de moitos alimentos, mais
en tempos de Xesús érao en maior medida. De tal maneira que, como ben
saberedes, incluso a actual expresión “salario”, que con razón tanto preocupa
ás persoas en idade laboral, provén deste humilde e importante elemento que nos
ofrece a natureza: o “sal”.
Por outra
parte, o sal, aínda que non ilumina, conserva e está tamén, coma a luz, ó
servizo da vida. Así, pois, como a luz non debería facer desleixo da súa
función iluminadora, o mesmo ocorre co sal: se se volve insulso, insípido,
deixa entón de salgar determinados alimentos, importantes ou necesarios para
sobrevivir, botándose a perder. Por iso o símil do sal pode servirnos para unha
maior e mellor comprensión do símil da luz, aplicado por Xesús a el mesmo e a
nós: “Eu son a luz do mundo”, “Vós sodes a luz do mundo”. Porque esta luz, que
nos vén do sol, non só aluma, senón que tamén quenta, dá calor. Por iso
adoitamos, sobre todo no inverno, aproveitar as curtas raxeiras que nos ofrece
o vello astro rei para nos quentar. Por
iso na nosa lingua “lume” pode significar tanto “luz” coma “fogo”. Ámbolos dous
aluman e quentan.
Agora ben,
postos no difícil e teórico dilema de termos que decidir sobre a maior ou menor
importancia que para nós poidan ter a luz ou a calor, parece que Isaías a lo
menos semella inclinarse máis ben pola segunda, pola calor. Porque para el,
quen dá calor, convértese tamén de feito en luz orientadora. Sabemos ben que
non son, en realidade, as frías, descarnadas e abstractas teorías as que son
capaces de iluminar e mover o mundo, senón aquelas que levan consigo ou van
acompañadas polo calor do compromiso e das boas obras de quen as anuncian ou
propoñen.
Neste
senso, paréceme moi sorprendente o feito de que Isaías fai depender
efectivamente ser “luz” iluminadora para os demais de ser antes, dito
sinxelamente, boas persoas, é dicir, xente que practica a xustiza, a bondade e
a misericordia cos demais. Lembrádevos, se non, da primeira Lectura. Isaías
coloca en primeiro lugar o “repartir o pan co famento”, o “acoller na casa os
pobres”, o “vestir o espido”, para dicir despois, a modo de consecuencia:
“Entón resplandecerá a túa luz coma a alba”. E de maneira máis decidida aínda e
máis concreta cara ó final da Lectura: “Se apartas do medio de ti o xugo (é
dicir, a opresión e o asoballamento)..., se lle quitas ó famento a gana que ti
sentes, e fartas a gorxa aflixida, entón a túa luz brillará na escuridade e a
túa tebra será coma o mediodía”.
En
consecuencia, se realmente queremos ser “luz” para os demais (como nos pide
Xesús), é dicir, persoas que saiban anunciar ós demais a palabra de Deus (ben
conscientes polo demais de que Xesús é a PALABRA, básica e fundamental, de
Deus), entón temos que ser previamente e ó tempo activos practicantes do amor,
da caridade e da bondade. De non sermos así, non chegaremos a ser luz para os
demais.
Isaías
indicará incluso que esa luz, que se acende na persoa que practica o ben cos demais,
se converterá en certo modo en palabra que interpela a Deus, en palabra á que
Deus responde e á que Deus corresponde: “Entón –dinos o mesmo Isaías- clamarás
ó Señor e responderache, pediraslle axuda e dirache: Aquí estou”.
Xa
sabemos, polo tanto, cal ha ser a nosa tarefa como cristiáns: sermos sal da
terra e luz do mundo, alicerzados non nas nosas posíbeis habilidades persoais
de persuasión ou convencemento, senón -tal como nos di Paulo na súa carta ós
Corintios- na forza e no “poder do Espírito”, no “poder de Deus”.
Porque só
de Deus, da nosa proximidade a El, pode en último termo provir que sexamos
capaces de exercer esa función de sermos luz e sal da terra nun mundo que,
aínda sen el mesmo sabelo, precisa de persoas que lle ofrezan luz, calor e
salvación.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Preguémoslle a Deus Pai que verta sobre nós o alento e o poder do seu
Espírito para sermos así eficaces anunciadores da boa nova de Xesús, dicindo:
Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Ilumina, Pai, o noso entendemento e o noso corazón para
anunciarmos como ti queres a palabra de Xesús a tódolos pobos e persoas.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Convértenos, Pai, en luz do mundo, a semellanza do teu
fillo Xesús que é el mesmo a nosa luz.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Axúdanos, Pai, a sabermos ser “sal da terra” para que así
se conserve entre nós a bondade e a forza da palabra do teu fillo Xesús para a
salvación do mundo.
TODOS: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.