Día 24 de xuño: Nacemento de San Xoán Bautista. Solemnidade
Primeira Lectura Is
49, 1-6
LECTURA DO PROFETA ISAÍAS
Convértote en luz das nacións
Escoitádeme, pobos da costa, facédeme caso nacións afastadas.
O Señor
chamoume desde o seo, desde as entrañas da miña nai repetiu o meu nome.
Puxo na miña boca coma unha espada
afiada, escondeume na sombra da súa man, converteume en frecha escolleita,
gardoume na súa alxaba, e díxome: "Ti es o meu servo, Israel, de ti virame
a sona".
Pero eu
dicía: "Cansei en balde, consumín a miña forza para nada, pero a miña
sentencia está onda o Señor, e a miña recompensa onda o meu Deus.
Serei
glorificado coa presenza do Señor, e o meu Deus será a miña forza.
"Pois
agora -fala o Señor que desde o seo da nai me formou para ser o seu servo, para
facer volver onda El a Xacob e para que Israel se xunte con El-, é moi fácil
para ti ser o meu servo, restablecendo as tribos de Xacob e facendo volver os
protexidos de Israel, pois convértote en luz das nacións, e serás a miña
salvación ata o confín da terra".
Palabra do Señor R/. Grazas a
Deus
SALMO RESPONSORIAL
138, 1-3. 13-14ab. 14c-15
R/. (14a): Douche
grazas, Señor, por me faceres coma un prodixio.
Señor, ti escudríñasme e coñécesme,
ti sabes cando sento e me levanto,
penetras nos meus pensamentos desde lonxe.
Escrútasme se camiño e se estou quedo,
as miñas sendas sonche todas familiares.
Ti formaches as miñas entrañas
tecíchesme no seo da miña nai.
Douche grazas por me faceres coma un prodixio;
as túas obras son marabillosas.
Ti coñecías xa o meu espírito,
e nada do meu ser che estaba oculto,
cando no segredo era formado,
tecido no fondo da terra.
Segunda Lectura Feit
13, 22-26
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Predicaba Xoán antes da vinda do Señor
Naqueles
días, díxolles Paulo:
O Señor
deulles por rei a David, de quen testemuñou dicindo: "Atopei a David,
fillo de Iexé, home conforme o meu corazón, que fará en todo a miña
vontade".
A súa
descendencia é da que Deus, segundo a promesa, mandou un Salvador para Israel:
Xesús.
Antes da
súa chegada, Xoán tiña proclamado a todo o pobo de Israel un bautismo de
conversión, e cando estaba rematando o seu camiño, dicía: "non son eu quen
vós pensades; pero mirade, vén despois de min un de quen non son digno nin de
desatarlle o calzado dos pés".
Irmáns,
descendentes de Abrahán e os que seguides o noso Deus: é a nós a quen se nos
manda esta mensaxe de salvación.
Palabra do Señor R/. Grazas a
Deus
ALELUIA Cf Lc 1, 76
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
E ti, meu meniño, vas ser chamado profeta do Altísimo,
porque irás por diante do Señor preparando os seus camiños.
Aleluia.
Evanxeo Lc 1, 57-66.
80
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Xoán é o seu nome
Cando se
lle cumpriron os meses a Sabela, deu a luz un fillo. E oíron dicir os seus
veciños e parentes con canta misericordia o Señor a favorecera, e compartían a
súa alegría.
Ós oito
días, foron circuncidar o meniño e queríanlle poñer de nome Zacarías, coma seu
pai. Pero interveu a nai, dicindo:
‑ Non, chamarase Xoán!
Eles
replicáronlle:
‑ Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!
Entón, por
sinais, preguntáronlle ao pai do meniño como quería que se chamase. El pediu
unha taboíña na que escribir, e puxo:
‑ "Xoán é o seu nome".
Todos
ficaron sorprendidos. E no intre, a el ceibáronselle os labios e a lingua, e
empezou a falar bendicindo a Deus. Os veciños quedaron todos abraiados, e por toda
a montaña de Xudea difundiuse a noticia destes feitos. E cantos oíron,
gardábanos no corazón e dicían:
‑ Que virá a ser este neno?
Porque a
man de Deus estaba con el.
O meniño
medraba e facíase forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se
manifestou a Israel.
Palabra do
Señor R/.
Loámoste, Cristo