domingo, 29 de marzo de 2015

Domingo de Ramos

-      Inda que a celebración de hoxe é longa, non debemos deixar a ocasión para tentar entendela, e deste xeito gozar de canto estamos a celebrar. Comezabamos fóra, cousa que é excepcional na estrutura das celebracións da Eucaristía. E faciámolo así para marcar ben o sentido do que estes días imos celebrar os que nos chamamos seguidores de Xesús (para nós non son as festas de primavera, senón as celebracións centrais da fe que compartimos e celebramos ao longo de todo o ano): o camiño que vai da acollida á Pascua, pasando pola Cea do amor e o servizo, e a Cruz do sufrimento e o fracaso. E que mellor que expresalo cunha procesión que mostre que nos poñemos en camiño!. Ramos e palmas son sinais de que estamos dispostos a acoller e facer desta acollida sinal do que quere ser a nosa vida cotiá.

-        Un segundo aspecto a ter en conta hoxe é a proclamación da Paixón. Unha vez máis este relato achéganos á persoa de Xesús en toda a súa humanidade. Encarnouse para ser un de nós, dos nosos! A súa non foi unha simulación nin unha recreación a modo humano, senón a que asumiu a nosa condición humana, “pasando por un de tantos”. Un de tantos homes e mulleres que teñen sufrido –sofren tamén hoxe– incomprensión, inxustizas, desenganos, abuso, engano... canto hoxe temos escoitado nesta lectura é un situarnos cara a cara con todas as persoas que no noso mundo, aparentemente tan avanzado e tecnolóxico, vense reducidas a cousas, números ou obxectos cos que se xoga segundo os intereses de quen corresponda, facéndolles perder todo o sentido de dignidade e humanidade que Deus puxo en nós.


-        E a terceira idea que quizais nos poida axudar a entender mellor o sentido desta Semana que hoxe comezamos, á que chamamos Santa, é que toda a celebración está formulada para ser vivida, celebrada e realizado de xeito comunitario. Non vén cadaquén ao seu, vimos xuntos para celebrar xuntos. Porque a fe é un agasallo que Deus nos ten concedido para celebralo cos demais. Por iso é pulo, esforzo e comuñón. Que desde ela saibamos vivir estes días como experiencia do misterio da vida que todos estamos chamados a protexer.