sábado, 5 de abril de 2014

Lecturas

DOMINGO V DE CORESMA  -   CICLO A



Primeira Lectura    Ez 37, 12-14
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA EZEQUIEL
Dareivos o meu Espírito e viviredes

            Isto di o Señor Deus:
            Velaí que eu vou abrir as vosas sepulturas,
e vouvos facer subir das vosas sepulturas, meu pobo,
e vouvos levar á terra de Israel.
            Recoñeceredes que eu son o Señor,
cando eu abra as vosas sepulturas,
e cando vos faga subir das vosas sepulturas, meu pobo.
            Vou poñer en vós o meu espírito
e vouvos facer revivir na vosa terra.
            Así recoñeceredes que eu, o Señor, o digo e o fago
é o Señor quen fala .

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 129, 1-2. 3-4ab. 4c-6. 7-8
R/. (7): Do Señor vén a misericordia, e nel a redención é cumprida.

Desde os abismos clamo a ti, Señor;
Señor, escoita a miña voz.
Ten atentos os oídos
á voz da miña súplica.

Se levas conta dos pecados, Señor,
Señor, quen poderá terse en pé?
Mais en ti está o perdón
para te faceres respectar.

Eu espero no Señor,
a miña alma espera na súa palabra;
a miña alma agarda o Señor,
máis do que os vixías á aurora.

Agarde Israel o Señor,
pois do Señor vén a misericordia
e nel a redención é cumprida.
El é quen redime a Israel
de todos os pecados.


Segunda Lectura    Rm 8, 8-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O Espírito de quen resucitou a Xesús de entre os mortos habita en vós

            Irmáns:
            Os que viven conforme a condición carnal, non poden agradar a Deus.
Pero vós non vivides conforme a carne, senón conforme o espírito, se é que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo.
            Pero se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o espírito é vida por causa da xustiza.
            Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo Xesús dos mortos, vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO      Xn 11, 25a. 26

Eu son a resurrección e a vida, di o Señor;
quen cre en min non morrerá endexamais.
 


Evanxeo    Xn 11, 1-45 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu son a resurrección e a vida

            Naquel tempo, Lázaro de Betania, da aldea de María e da súa irmá Marta, caera enfermo. María fora a que unxira o Señor con perfume e lle enxugara os pés cos seus cabelos; o seu irmán Lázaro era o enfermo. Por iso, as irmás mandaron a dicirlle a Xesús:
            Señor, mira, o que amas está enfermo.
            Ó oílo, dixo Xesús:
            Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.
            Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles aos discípulos:
            Vaiamos outra vez a Xudea!
            Os discípulos respondéronlle:
            Mestre, aínda non hai nada que te querían apedrar os xudeus,  e vas ir outra vez alí?
            Xesús replicou:
            Non hai doce horas de día? Se alguén camiña de día, non tropeza, pois ve a luz deste mundo; mais se alguén camiña de noite, tropeza, pois non hai luz nel.
            En dicindo isto, proseguiu:
            Lázaro, o noso amigo, dorme; pero eu vouno espertar.
            Dixéronlle entón os discípulos:
            Señor, se dorme, curará.
            Xesús dicíao da morte. Pero eles coidaban que falaba do repouso do sono. Entón Xesús díxolles abertamente:
            Lázaro morreu, e alégrome por vós de non estarmos alí, para que creades. Así que vamos onda el!
            Díxolles entón Tomé o chamado Xemelgo aos outros discípulos:
            Vaiamos tamén nós morrer con el!
            Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro. Betania estaba preto de Xerusalén, a uns tres quilómetros; moitos dos xudeus foran onda Marta e María para lles daren o pésame polo irmán. Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ao encontro. María, en cambio, quedou na casa. Díxolle entón Marta a Xesús:
            Señor, se ti estiveses aquí non morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.
            Xesús díxolle:
            Teu irmán resucitará.
            Marta respondeulle:
            Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.
            Díxolle Xesús:
            Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. Cres ti isto?
            Ela respondeu:
            Si, Señor: eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ao mundo.
E, ditas estas cousas, saíu e chamou por María, súa irmá, dicíndolle polo baixo:
            O Mestre está aquí e chámate.
            Ela, ao oílo, ergueuse de contado e foi onda el. (Aínda non chegara Xesús á aldea, senón que estaba no mesmo sitio onde o atopara Marta). Entón os xudeus que estaban con ela na casa para lle daren o pésame, vendo a María que se ergueu de contado e saíu, foron detrás dela, coidando que ía á sepultura para chorar alí. María chegou onde estaba Xesús e, ao velo, caeu aos seus pés, dicíndolle:
            Señor, se ti estiveses aquí, non morrería meu irmán.
            Ó ver Xesús que ela estaba chorando, e tamén os xudeus que viñeran con ela, apertóuselle o corazón e, profundamente conmovido, preguntou:
            Onde o puxestes?
            Contestáronlle:
            Señor, ven ver.
            E Xesús botouse a chorar.
            Entón comentaban os xudeus: "Ai que ver como o quería!"
            Pero algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista aos ollos dun cego, non podía facer que non morrese?"
            Xesús, estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova e tiña unha pedra por riba.
            Xesús ordenou:
            Arredade a pedra.
            Marta, a irmá do finado, díxolle:
            Señor, xa cheira, que leva catro días.
            Xesús contestoulle:
            Non che dixen que se cres, verás a gloria de Deus?
            Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:
            Meu Pai, douche grazas porque me escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.
E dito isto, gritou con voz forte:
            Lázaro, ven para fóra!
            Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:
            Desenleádeo e deixádeo ir.
            Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


Reflexión

Pouco a pouco a coresma vai avanzando cara ao seu remate. Daquela, é hora de que nos preguntemos se neste percorrido que comezabamos o mércores de cinza temos acadado algún obxectivo, ou pola contra todo segue igual. Somos os mesmos aos que lles esvaran os textos da palabra que proclamamos nas celebracións?. Somos os mesmos que non nos temos movido nada respecto das nosas teimas, e seguimos crendo que a razón está en nós, e que isto da fe hai que vivilo cada un como lle peta, esquecendo que Xesús nos marca un camiño que debemos percorrer ilusionados, pero tamén de xeito responsable ao longo da vida?. Porque a salvación, a graza, a esperanza ou a resurrección, palabras que escoitamos moitas veces nas celebracións son medios que desde a vida e persoa de Xesús, imos descubrindo que nos van facendo mellores persoas, que nos axudan a superar prexuízos e van facendo de nós homes e mulleres para os que a fe non é un verniz externo e ritualista, senón unha maneira de vivir e construír relación de irmandade e amizade con aqueles que están ao noso redor. E se aos amigos os utilizamos segundo o noso interese, abusamos da súa confianza, enganámolos buscando a nosa comenencia... dificilmente pode ser crible a afirmación de que temos fe, de que somos crentes ou de que a celebración do domingo é importante e moito máis ca un costume. O profeta Ezequiel deixouno dito con claridade na primeira lectura de hoxe, cando pon na boca de Deus a afirmación de que El, aquilo que di, faino. Non xoga nin coas persoas nin cos seus sentimentos. Vainos narrando -empregando unha linguaxe que podemos todos comprender-, que falar de Deus é querer dicir que nunca estamos abandonados, solos ou ao pairo. Todo o contrario: porque é un Deus que non quere sacrificios baleiros, senón actitudes e comportamentos reais, invítanos a non esquecer que no mesmo xeito que vivamos a nosa amizade e preocupación polos amigos, nesa mesma maneira estará sendo o sentido, a razón e a comprensión que teñamos de Deus. El non é algo que está nas alturas, senón alguén que terma e se preocupa de nós, ao chamarnos a non deixar abandonados aos demais.

-Amizade e misericordia van sempre da man. Non pode darse unha sen a outra. Un non pode chamarse amigo nin de Deus nin dos demais se non é misericordioso; é dicir, se non somos capaces de tomar en serio a quen nos busca, de escoitar –non só oír– a quen nos fala contándonos o seu problema ou os seus medos e inseguridades; de acompañar a quen está vivindo unha situación dura, difícil ou se sente enganado por todos. Se non somos quen de mirar aos ollos a quen temos ao lado, dificilmente poderemos entender que significa a palabra amigo ou amiga e a palabra misericordia. Escoitar, acompañar e sufrir con, son actitudes que nos invitan á misericordia, a poñer o corazón ao lado de quen o precisa. Así o entendeu Xesús, e así o entenderon moitos homes e mulleres que, descubríndoo en Xesús, fixeron da súa vida entrega de gratuidade apaixonada. A misericordia non está no externo, senón que bule dentro do corazón e móstrase no xeito de facer, dicir e vivir as situación da vida ao lado dos outros. A isto se refire Paulo cando di que nós non vivimos segundo a carne, senón segundo o espírito. Porque nel imos atopando sementes de vida, de esperanza, de superación de atrancos; e desde el, e tendo en conta canto vimos de dicir, entendemos que significa a experiencia de resucitar. Botemos fóra a idea de identificala con un revivir corporal, e comecemos a vivir e a entendela como a vivencia máis profunda que fai que as persoas saibamos dicir sempre: todo é posible, porque nada ten final senón en Deus.

ü  E quen é misericordioso acostuma a ser unha persoa con capacidade non de pecharse en si mesma e só nas súas cousas, senón de abrir horizontes para descubrir que ao seu lado hai moitas causas e cousas polas que loitar; moitas persoas capaces de poñer a súa vida a render a prol dos demais, de facer o seu traballo non só de xeito responsable e ben feito, senón de saber agradecelo e compartilo creando unha relación de xenerosidade e colaboración con quen ten ao lado; de non deixar que os máis fortes abusen dos débiles, que os inxustos triúnfen e esmaguen aos máis pequenos, que o fracaso triúnfe sobre a esperanza. Quen descubre a misericordia como actitude fundamental da súa vida, o mesmo que Xesús, sabe chorar nas ledicias e consolar nas tristuras, porque sabe que ante o don da amizade está aquel que non renuncia a ser amigo de todas as persoas: Xesús de Nazaré.