sábado, 16 de noviembre de 2013

Lecturas

XXXIII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C



Primeira Lectura     Mal 3, 19-20a
LECTURA DO LIBRO DE MALAQUÍAS
Amence para vós o sol de xustiza
 
            Velaí chega o día: abrasará coma un forno,
e os soberbios e todos os que cometen a maldade serán palla.
            Si, o día que chega será a vosa queima
fala o Señor dos Exércitos :
non vos deixará raíz nin póla.
            Brillará para vós, os que respectades o meu Nome,
un sol de xustiza, que trae saúde nas súas ás.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 97, 5-6. 7-8. 9a. 9bc
 R/. (cf. 9): O Señor vén xulgar os pobos con rectitude.

Tocade para o Señor a cítara,
a cítara e tamén o salterio;
con claríns e co son das trompetas
aclamade o Señor, noso rei.

Resoe o mar e canto o enche,
o mundo e cantos o habitan;
aplaudan os ríos,
alédense os montes.

Diante do Señor,
que vén para rexer a terra.

El rexerá o mundo con xustiza
e os pobos con rectitude.



Segunda Lectura     2 Tes 3, 7-12
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS TESALONICENSES
O que non queira traballar, que tampouco coma


            Irmáns:
            Ben sabedes vós de que modo debedes imitarnos, xa que non nos dedicamos a andar sen xeito nin comemos de moca o pan de ninguén, senón que traballamos noite e día con esforzo e fatiga por non sermos unha carga para ningún de vós.
            Non porque non tivésemos dereito, senón para vos dar un exemplo que imitar, e porque, cando estabamos onda vós, xa vos demos esta norma: o que non queira traballar, que tampouco coma.
            Porque chegou aos nosos oídos que algúns de vós andan descamiñados e por riba de non traballaren nada, entremétense nas cousas dos demais.
            A eses mandámoslles e aconsellámoslles no Señor Xesús Cristo que traballen con acougo para comeren o seu propio pan.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA    Lc 21, 28
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Mirade e erguede as vosas cabezas,
porque está cerca a vosa redención.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 21, 5-19
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Coa vosa perseveranza, salvaredes as vosas vidas
 
            Naquel tempo, comentaban algúns a fermosa cantería con que estaba construído o templo, e os exvotos que o adornaban. Pero Xesús díxolles:
            Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra.

            Eles preguntáronlle:
            Mestre, dinos, cando van pasar estas cousas? Cal será o signo de que van suceder?
            El empezoulles a dicir:
            Estade atentos, para non vos extraviar. Porque han vir moitos no meu nome, dicindo: "son eu" e "está a chegar o momento", pero non os sigades. Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes; que iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.
            Entón díxolles:
            Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares; cousas espantosas, e grandes sinais no ceo. Pero antes de todo isto botaranse sobre vós, perseguíndovos: levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teredes a oportunidade de dar testemuño.
            Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, que eu vos darei unha elocuencia e mais unha sabedoría que non poderán resistir nin replicar os vosos adversarios.
            Entregaranvos vosos mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós, e todos vos aborrecerán por causa miña, e mais non perderedes nin un pelo da vosa cabeza. Coa vosa perseveranza, salvaredes as vosas vidas.


     Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           

Comentario

          Case a piques de rematar o ano litúrxico, a celebración deste domingo pon diante de nós o complexo mundo laboral, lembrándonos que para toda persoa, pero fundamentalmente para aos cristiáns, o traballo é o mellor camiño de crecemento e realización persoal. Paulo tíñao vivido e experimentado, por iso lle escribe aos Tesalonicenses para recordárllelo e transmitirlles que o seguimento de Xesús pasa por ocuparnos e preocuparnos polo que ocorre no noso mundo. Como máis tarde dirá o concilio Vaticano II, “nada hai verdadeiramente humano que non preocupe aos cristiáns”. E esa ten que ser a nosa implicación cada día, polo que non podemos converter a fe nun trankimazín que nos apampe, que nos impida comprometernos e implicarnos cos problemas e tamén cos retos que hai no mundo. E isto que Paulo lles dicía, pois había algúns daqueles cristiáns que, se desentendían das súas tarefas, tamén nolo lembra hoxe a nós. Si, porque hoxe a Palabra volve lembrarnos que fe e vida son dúas caras dunha mesma moeda, que somos cristiáns a tempo completo, 24 horas ao día e 365 días ao ano. Non podemos ser carga para ninguén, ao contrario, como crentes estamos, se cabe, moito máis urxidos a liderar proxectos e accións que busquen canto fai que o ser humano, en calquera parte do mundo, pero comezando polos que temos á porta da casa, viva dignamente e se lle respecte e recoñezan os seus dereitos, o que supón traballar pola igualdade a xustiza e a liberdade. E isto non pode ser unha moda dunha igrexa que como se vai quedando sen xente se apunta ao que se leva. Non, isto é unha esixencia da fe recibida no bautismo e que nos alenta a estar no mundo con actitude de unión, solidariedade e esforzo, sabendo que iso foi o que fixeron moitos crentes ao longo dos séculos, e cuxo testemuño debe servirnos a nós para non recuar.
  
            Pero teñamos en conta que o traballo, o compromiso a prol de todos por construír o Reino é laborioso, e mesmo algunhas veces ingrato. Ingrato porque nos leva a sermos incomprendidos polos nosos veciños, que poden ver intereses particulares ou protagonismo; incomprendidos pola sociedade, que nos ve trasnoitados e pouco valorados moitas veces polo mal facer doutros cristiáns; incomprendidos por algúns sectores da Igrexa, nostálxicos dos tempos pasados. Xa o escoitamos no evanxeo. Non nos perseguen nin discriminan, pero si pasamos dificultades e incomprensións. E como di Xesús, só se somos perseverantes poderemos levar a cabo este compromiso, e entender, sen demagoxia de ningún tipo e non deixándonos utilizar nin manipular, o que supón, esixe e implica a salvación. Que a celebración de hoxe nos dea azos e ilusión para traballar por todas as persoas desde o compromiso por facer presente entre nós o amor de Deus.


            Vivir, actuar, comportarse deixándose acompañar por Xesús, vai facendo que a nosa vida vaia descubrindo a esperanza, a forza da fe, a radicalidade do amor vivido en entrega cara os que menos teñen e máis o necesitan. O deixarse acompañar por El, confórmanos como homes e mulleres que teñen descuberto no día a día da súa vida, da súa oración, das relacións cos demais, que a nosa fe susténtase nun Deus de vida e non de morte. Un Deus no que atopamos a forza para asumir retos e afrontar desafíos cada día e en cada momento da Historia. Un Deus que non mira ao pasado, senón que se deixa seducir por nós para acompañarnos nas decisións, acertadas ou equivocadas, que imos tomando na vida. Nunha palabra, un Deus de vivos, de esperanza, de tenrura, de ledicia, de dinamismo e servizo, de solidariedade e loita polo ben común. Un Deus que mira ao futuro, a vida, e deixa  atrás o pasado e o ritualismo, a morte. Que o descubramos e nos poñamos con prontitude na disposición de seguilo.