Case a piques de rematar o ano litúrxico, a celebración
deste domingo pon diante de nós o complexo mundo laboral, lembrándonos que para
toda persoa, pero fundamentalmente para aos cristiáns, o traballo é o mellor
camiño de crecemento e realización persoal. Paulo tíñao vivido e experimentado,
por iso lle escribe aos Tesalonicenses para recordárllelo e transmitirlles que
o seguimento de Xesús pasa por ocuparnos e preocuparnos polo que ocorre no noso
mundo. Como máis tarde dirá o concilio Vaticano II, “nada hai verdadeiramente
humano que non preocupe aos cristiáns”. E esa ten que ser a nosa implicación
cada día, polo que non podemos converter a fe nun trankimazín que nos apampe,
que nos impida comprometernos e implicarnos cos problemas e tamén cos retos que
hai no mundo. E isto que Paulo lles dicía, pois había algúns daqueles cristiáns
que, se desentendían das súas tarefas, tamén nolo lembra hoxe a nós. Si, porque
hoxe a Palabra volve lembrarnos que fe e vida son dúas caras dunha mesma moeda,
que somos cristiáns a tempo completo, 24 horas ao día e 365 días ao ano. Non
podemos ser carga para ninguén, ao contrario, como crentes estamos, se cabe,
moito máis urxidos a liderar proxectos e accións que busquen canto fai que o
ser humano, en calquera parte do mundo, pero comezando polos que temos á porta
da casa, viva dignamente e se lle respecte e recoñezan os seus dereitos, o que
supón traballar pola igualdade a xustiza e a liberdade. E isto non pode ser
unha moda dunha igrexa que como se vai quedando sen xente se apunta ao que se
leva. Non, isto é unha esixencia da fe recibida no bautismo e que nos alenta a
estar no mundo con actitude de unión, solidariedade e esforzo, sabendo que iso
foi o que fixeron moitos crentes ao longo dos séculos, e cuxo testemuño debe
servirnos a nós para non recuar.
Pero
teñamos en conta que o traballo, o compromiso a prol de todos por construír o
Reino é laborioso, e mesmo algunhas veces ingrato. Ingrato porque nos leva a
sermos incomprendidos polos nosos veciños, que poden ver intereses particulares
ou protagonismo; incomprendidos pola sociedade, que nos ve trasnoitados e pouco
valorados moitas veces polo mal facer doutros cristiáns; incomprendidos por
algúns sectores da Igrexa, nostálxicos dos tempos pasados. Xa o escoitamos no
evanxeo. Non nos perseguen nin discriminan, pero si pasamos dificultades e
incomprensións. E como di Xesús, só se somos perseverantes poderemos levar a
cabo este compromiso, e entender, sen demagoxia de ningún tipo e non
deixándonos utilizar nin manipular, o que supón, esixe e implica a salvación.
Que a celebración de hoxe nos dea azos e ilusión para traballar por todas as
persoas desde o compromiso por facer presente entre nós o amor de Deus.
Vivir,
actuar, comportarse deixándose acompañar por Xesús, vai facendo que a nosa vida
vaia descubrindo a esperanza, a forza da fe, a radicalidade do amor vivido en
entrega cara os que menos teñen e máis o necesitan. O deixarse acompañar por
El, confórmanos como homes e mulleres que teñen descuberto no día a día da súa
vida, da súa oración, das relacións cos demais, que a nosa fe susténtase nun
Deus de vida e non de morte. Un Deus no que atopamos a forza para asumir retos
e afrontar desafíos cada día e en cada momento da Historia. Un Deus que non
mira ao pasado, senón que se deixa seducir por nós para acompañarnos nas
decisións, acertadas ou equivocadas, que imos tomando na vida. Nunha palabra,
un Deus de vivos, de esperanza, de tenrura, de ledicia, de dinamismo e servizo,
de solidariedade e loita polo ben común. Un Deus que mira ao futuro, a vida, e
deixa atrás o pasado e o ritualismo, a
morte. Que o descubramos e nos poñamos con prontitude na disposición de
seguilo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario