II DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -
CICLO A
Primeira Lectura
Is 49, 3. 5-6
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Fareite luz dos pobos, para que se dea a miña salvación
Díxome o
Señor: "Ti es o meu servo, Israel, de ti virame a sona".
"Serei glorificado coa presenza do Señor, e o meu Deus
será a miña forza".
Pois agora
‑fala o Señor que desde o seo da nai
me formou para ser o seu servo, para facer volver onda El a Xacob e para que
Israel se xunte con El ‑:
"é moi fácil para ti ser o meu servo,
restablecendo as tribos de Xacob e facendo volver os
protexidos de Israel,
pois convértote en luz das nacións,
e serás a miña salvación ata o confín da terra".
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 39, 2 e 4ab. 7-8a. 8b-9. 10
R/. (8a e 9a): Aquí veño, Señor, para facer a túa vontade.
Esperei arelante no Señor:
el volveu cara a min os seus ollos
e escoitou o meu lamento.
Púxome na boca un cantar novo,
un himno de loanza ao noso Deus.
Sacrificios e ofrendas non os queres,
pero formáchesme uns oídos.
Non pides holocaustos nin sacrificios de expiación;
entón eu digo: "Aquí veño".
No texto do libro está escrito de min
que debo facer a túa vontade.
Meu Deus, iso é o que eu quero,
e o teu mandato está no meu corazón.
Proclamei a túa xustiza diante da grande asemblea,
non pechei os meus labios: ben o sabes, Señor.
Segunda Lectura 1
Cor 1, 1-3
LECTURA DO COMEZO DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS
CORINTIOS
A graza e a paz para vós de parte de Deus Pai e do Señor
Xesús
Paulo,
chamado a ser apóstolo de Cristo Xesús pola vontade de Deus, e mais o irmán
Sóstenes: á Igrexa de Deus que está en Corinto, aos santificados en Cristo
Xesús, chamados a ser santos, cos que en calquera lugar invocan o nome do noso
Señor Xesús Cristo, Señor deles e noso, desexámosvos graza e paz de parte de
Deus, noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Xn 1, 14a.
12a
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
O Verbo fíxose carne e habitou entre nós;
a cantos o recibiron deulles o poder de seren fillos de
Deus.
Evanxeo Xn 1, 29-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo!
Naquel tempo, vendo Xoán a Xesús, que viña
cara a el, dixo:
‑ Velaí o Año de Deus, o que arrinca
o pecado do mundo! Este é de quen eu dixen: "Detrás miña vén un home que
pasa diante miña, pois existía primeiro ca min".
Eu non o coñecía,
mais para iso vin eu bautizar con auga: para que se amosara a Israel. E Xoán
seguiu testemuñando:
‑ Eu vin o Espírito baixar do ceo
coma unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou
bautizar con auga, díxome: "Cando vexas o Espírito baixar e pousar
sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo".
E eu vino
e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo