sábado, 18 de enero de 2014

Reflexión

Os cristiáns temos como tarefa fundamental na nosa vida testemuñar o que cremos. Na primeira lectura de hoxe, do profeta Isaías, ponse nos beizos de Deus a afirmación de que a través da acción e da palabra do profeta, chegaralle aos demais a sona de Deus; é dicir, inda que nunha linguaxe moi humana, se nos está dicindo que o testemuño é o barómetro fundamental que serve para que os cristiáns vaiamos manifestando a coherencia e a fondura das nosas propias conviccións. Saber responder a este reto que se nos formula non é doado, pero aí está tamén o esforzo que cada un de nós vai poñendo para que, facendo aquilo que Deus nos propón como camiño de crecemento e madurez, vaiamos dando razón leda da importancia e sentido que El ten na nosa vida. Sacar o mellor de nós para que sexa luz para os outros; propoñer camiños que unan e acheguen ás persoas, fronte a tentación de dividirnos e someternos ao poder e á forza dos poderosos, convértese, desde esta palabra proclamada, en tarefa constante á que non debemos renunciar. Nela está a nosa propia felicidade! Por iso esperamos no Señor, por iso poñemos os cinco sentidos en descubrir a súa voz e a súa presenza nos irmáns que nos necesitan ou aos que puideramos necesitar. Unha presenza que nos leva a dicirlle: "aquí estou Señor, para facer a túa vontade".
O saúdo da primeira carta de Paulo aos corintios é o saúdo que nós utilizamos ao comezar cada unha das nosas celebracións. É un saúdo que nos sitúa no que debe ser unha celebración comunitaria: un momento e unha expresión de paz, unidos a cantos comparten con nós ese mesmo desexo e están implicados na mesma tarefa. Deus elíxenos, nós respondemos. Nesta resposta non imos solos, senón que facemos presentes, na oración e no actuar, a cantos están ao noso redor. Isto pídenos actitudes de achegamento e preocupación -non afastamento nin baleiro-, de quen están necesitados e senten como as beiras da sociedade pasan a ser o seu lugar habitual onde vivir.

Non podemos ser indiferentes ou volver a cabeza como se o que non nos gusta non existira e puideramos prescindir del. Entendemos logo a razón pola que o ser santos é un camiño polo que debemos andar os seguidores de Xesús. A santidade é facer da vida sentido e experiencia de amor, descubrindo a Deus no cotián e sinxelo da vida. Pero non ha ser esta unha santidade de calendario ou de peañas, senón a santidade gozosa que se vai vivindo, comprendendo e realizando desde o que non chama a atención, non é aparentemente importante nin tampouco dá tribunas públicas ou beneficios económicos; senón a santidade de quen descubre que falar de Deus e telo como luz e guía, non é máis que facer o esforzo por recoñecelo no partir o pan solidario convertido en tempo, palabra, acompañamento, dispoñibilidade ou voz de quen se ve só ou esquecido.

A presenza do Espírito é a que ha espertar en nós descubrir que falar de Deus e de Xesús non é algo teórico e reducido ao ámbito dos templos. A Deus descóbrese e de Deus fálase desde o que nos pasa cada día, e cos que nos atopamos en cada momento. El non está nin nas nubes nin nos templos, senón na vida, nos seus claroscuros, que van facendo que ilusións, esperanzas, tamén tristuras, vaian conformando o que somos e o que traballamos por ser. Non son os ritos, senón a experiencia vital que cada un pode aportar, o que nos converte en testemuñas de quen pasou facendo o ben, e nos invitou a seguir o seu camiño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario