Deus, que pola súa ontolóxica amorosa, sentiu vocación de entrega, creou ao home para ter a quen amar, xa que amar é entregarse. Deste xeito, o amor creador de Deus achegou o Ceo á terra e con estas relacións, Deus e o home fixéronse amigos, e a terra converteuse en paraíso de encontro para os dous. Pero sorprendentemente a concupiscencia humana interpúxose no camiño, e aquela tarde Adán non esperou ao divino amigo como era o seu costume, senón que avergoñado, e medorento, agochouse entre a ramaxe do xardín, Que ocorrera? A amizade murchara no corazón de Adán; e posto que o amor non pon distancia por medio, senón todo o contrario, Deus busca atoparse co amigo de sempre, pero o amigo de outrora non se deixou atopar, porque o amor desaparecera do seu corazón e no seu lugar fixera acto de presenza a infidelidade e a culpabilidade, que o facía imprescindible; esta situación foi a causa da súa fuxida. Pero non foi esta a actitude do Señor. Deus posto a amar, ama para sempre. No corazón do Creador, mantense o amor primeiro, coa única particularidade de que o amor creador e paterno do primeiro encontro, é agora un amor misericordioso e compasivo. No corazón de Deus hai cabida para todos: para Xoán, o discípulo fiel, e para Pedro, arrepentido de negar ao Mestre.
Co Evanxeo na man, está claro que o que impide a santidade, non son os pecados pasados, senón os apegos presentes. Quen negase a Cristo onte, mañá pode ser unha Teresa de Calcuta. Para iso é necesario ter quen nos conduza ao Cristo da Misericordia, o cal, se recoñecemos as nosas faltas, dinos: “vai en paz e non peques máis”.
Dos sabios podemos aprender os segredos da ciencia. Dos bos gobernantes podemos copiar a prudencia para rexer acertadamente as nosas comunidades. Dos astronautas, aprendemos como vai o ceo. Dos bos cristiáns podemos tomar exemplo para ver como se vai ao Ceo.
Isto é tan transcendental, que Xesucristo chamou a algúns dos seus discípulos para a misión de ensinar aos seus irmáns o camiño da salvación. Estes son os sacerdotes cuxo nome significa “don de Deus”, “facedor das cousas santas”, “guías do camiñante”…
A escaseza de sacerdotes é unha pobreza na Igrexa. A Igrexa necesita moitos sacerdotes de calidade. Necesita sacerdotes virtuosos, porque un San Francisco Xavier cristianizou a mais infieis el só, que centos de sacerdotes mediocres. Necesítanse abundantes sacerdotes, porque a súa misión é sobrenatural, pero os tesouros de que son portadores, lévanos en mans de barro e a súa presenza é limitada; pola súa condición de seres humanos, non poden multiplicar a súa presenza persoal e estar á vez en varios lugares. De aí a necesidade numérica de vocacións sacerdotais, e de aí a importancia da virtude dos mesmos, porque ninguén pode dar o que non ten, ninguén pode convencer co que predica, se non vive o que di. Por iso afírmase que ademais de predicar a palabra de Deus deben afanarse por ser eles mesmos “palabra de Deus”. Ao dicir de Santa Teresa de Jesús, as obras do sacerdote deben ser “falas de Deus”.
Pidamos ao Señor abundancia de sacerdotes e crecente
santidade sacerdotal, e valoremos o labor do seu ministerio que tantas
renuncias esixe e tantos sacrificios supón, porque así como o clima primaveral
favorece o crecemento da vexetación dos nosos campos, tamén o ambiente cristián
das familias propicia a floración vocacional nos nosos fogares.
Indalecio Gómez Varela
Cóengo da Catedral