domingo, 27 de diciembre de 2015

A SAGRADA FAMILIA

            Estamos no tempo de Nadal. Moi próximos aínda a esa escena tan familiar do nacemento do Señor, onde o Neno Xesús vén sendo coma o sol que ó nacer fai case desaparecer co seu resplandor a lúa e mailas estrelas. Refírome a María, a Xosé, ós pastores e ós agarimosos animais domésticos que a tradición coloca arredor do Neno Xesús.
            Mais, pese a todo, os que están á beira de Xesús son sempre algo esencial na primeira mensaxe de Xesús ó mundo como fillo benquerido do Deus Pai. Pois a palabra derradeira de Deus Pai á humanidade non se fixo escoitar no mundo dunha maneira illada, eremítica, desvinculada dos nosos modos de nacer e de vivir. Ela aparece, polo contrario, en familia. Porque é o Deus Pai mesmo quen existe tamén en si mesmo de modo misterioso, incomprensíbel para nós, con trazos familiares. O Deus cristián é un determinado xeito, o máis misterioso e fondo que se pode concibir, de vida familiar. Deus é Pai, é Fillo e é Espírito Santo. Un marabilloso modo de ser e de vivir en unidade e diferenza, modelo máximo e supremo de todo vivir humano.
            Cando Xoán quere definirnos e describirnos como é Deus, dinos que el é “amor”. Dificilmente poderiamos achegarnos a entender o que isto quere dicir, se Deus fose en si mesmo un ser solitario, un eremita, algo que no interior de si mesmo non estivese relacionado con ninguén. Por iso entendemos algo mellor a Deus como amor se se nos di que Deus é en si mesmo un Deus en tres persoas, por máis que isto non suprima senón que agrande aínda máis o misterio do noso Deus. O misterio da que chamamos a Santísima Trindade.
            Familia significa pluralidade na unidade. O que crea esta unidade e pluralidade é precisamente o amor. Como vedes, a festa que celebramos hoxe da Sagrada Familia lévanos en principio máis alá do misterio concreto do nacemento de Xesús no seo dunha familia concreta. Unha familia pobre, que carece daqueles medios ou recursos que lles sobran ás familias ricas e ben situadas, mais que é abondosa en algo que, se non se ten, de pouco lle servirían en último termo eses outros medios e recursos exteriores. Pois se algo ten esta primeira familia formada por María, Xosé e o Neno, é precisamente o amor co que se queren. Nisto non poden ter envexa a ninguén. Un amor que é a face e o corazón de Deus mesmo. Por iso esta familia de Nadal é verdadeiramente “sagrada”, a “Sagrada Familia” que hoxe estamos a celebrar.
            Chámame a atención que na primeira Lectura, do  libro do Eclesiástico, se fale moito das bondades que trae consigo o amar, respectar, atender ou honrar ós pais (tanto á nai coma ó pai). En cambio, non se comenta para nada nela o feito de que para que os fillos amen, respecten ou honren ós pais é preciso que antes os pais os amen e queiran abondosamente a eles. Para aprender a amar hai que recibir antes amor. Non se lle pode demandar a ninguén amor se antes el mesmo non o recibiu. Os fillos só poderán amar a seus pais se experimentan a cotío o seu amor, o seu coidado, o seu agarimo. É así, e non doutra forma, como se constrúe unha verdadeira familia, unha familia na que todos os seus membros se atopan a gusto, unidos, e na que, ó mesmo tempo, se recoñecen, respectan e queren como diferentes.
            Precisamente por iso, no terreo máis directamente relixioso, para podermos ter inclinación e forzas para amar a Deus, precisamos tamén coñecer e experimentar antes o moito que Deus nos quere e nos ama. Deste xeito, por exemplo, se aprendemos a ver e experimentar no Xesús de Nadal a proba concreta do amor que Deus Pai nos ten ó darnos o seu Fillo benquerido, sentirémonos tamén pola nosa parte fondamente movidos a amar a Deus, a Xesús e ós irmáns e irmás nosos de todo o mundo.
            Só así, experimentando o amor que Deus nos ten, seremos capaces de formarmos entre todos unha familia semellante á Sagrada Familia de Nazaret e semellante tamén, en último termo, a esa familia primordial que Deus mesmo é.
            Desde estas consideracións, é doado comprender o programa que Paulo pon diante nosa na súa carta ós Colosenses: “revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns ós outros e perdoádevos... Cinguídevos co amor... Homes, amade as vosas mulleres... Pais, non asoballedes os vosos fillos”. Todo isto pode ser visto como unha verdadeira revolución nuns tempos nos que a muller adoitaba ser considerada como algo inferior e subordinado ó home e no que a importancia do amor ós fillos tardaría aínda moitos séculos en ser descuberta.
            Algo que, polo que se ve, continúa aínda a ser revolucionario nos tempos actuais, a xulgar pola sorpresa e admiración da xente, cando o papa Francisco nos fala da importancia da “tenrura” e do cariño, que el mesmo practica un día si e outro tamén con enfermos, pobres ou xente carente de recursos materiais. Francisco xustifica este comportamento seu co que nos di na súa Exhortación “A alegría do evanxeo”. Dísenos alí: “Todo ser humano é obxecto da tenrura infinita do Señor, e El mesmo habita na súa vida. Xesús Cristo deu o seu precioso sangue na cruz por esa persoa. Máis alá de toda aparencia, cada un é inmensamente sagrado e merece o noso cariño e a nosa entrega. Por iso, se consigo axudar a unha soa persoa a vivir mellor, iso xa xustifica a entrega da miña vida”.
            Como vedes, Francisco fala aquí de que toda persoa é “inmensamente sagrada”. De modo que non nos deberiamos limitar a considerar “sagrados” unicamente os membros, Xesús, María e Xosé, da chamada “Sagrada Familia”. Para Francisco, como tamén así o era para Xesús, “sagrados” somos todos, máis alá da nosa aparencia exterior. Así como lle damos un bico a unha reliquia ou a unha imaxe relixiosa, con moita máis razón llo deberiamos dar a un enfermo ou a un leproso. Así o proclama polo menos quen está aí, como bispo de Roma, aprendéndonos a nos comportar con todos como verdadeiros cristiáns, como seguidores dese Xesús que se fixo irmán de todos.

            Que esta festividade entrañábel da Sagrada Familia nos axude a profundar na nosa fe, na nosa esperanza e no noso amor mutuo en canto membros dunha mesma familia que somos ou que, polo menos, estamos chamados a ser.