viernes, 9 de marzo de 2012

LECTURAS


3º DOMINGO DE CORESMA, CICLO B

Primeira Lectura     Ex 20, 1-17
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
A lei foi dada por medio de Moisés  (Xn 1, 17)
            Naqueles días, o Señor pronunciou estas palabras:
            ‑ "Eu son o Señor, teu Deus, que te saquei da terra de Exipto, da condición de escravitude.
            Non terás xunto comigo outros deuses.
            Non farás para ti imaxes nin figura ningunha do que hai enriba no ceo, nin abaixo na terra, nin nas augas de debaixo da terra.
            Non te prostrarás diante delas nin as adorarás, pois eu, o Señor, teu Deus, son un Deus celoso.
            No caso dos que me aborrecen, eu castigo os pecados dos pais nos fillos, nos netos e nos bisnetos.
            Pero no caso dos que me aman e gardan os meus preceptos, eu mostro misericordia por tódalas xeracións.
            Non pronunciarás en van o nome do Señor, teu Deus, pois o Señor non deixa sen castigo ao que pronuncia en van o seu nome.
            Pensa no día do sábado, para o faceres día santo.
            Traballarás seis días na semana, e neles farás a túa tarefa.
            Pero o día sétimo é sábado, dedicado ó Señor, teu Deus. Nel non farás traballo ningún, nin ti, nin o teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa serva, nin o teu gando, nin o forasteiro que habite nas túas cidades.
            Porque o Señor fixo en seis días o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles, e no sétimo día descansou.
            Por iso mesmo bendiciu o Señor o día do sábado e declarouno día santo.
            Honra a teu pai e a túa nai, para que a túa vida sexa longa na terra que o Señor, teu Deus, che dá.
            Non matarás.
            Non cometerás adulterio.
            Non roubarás.
            Non darás un testemuño falso contra o teu próximo.
            Non cobizarás a casa do teu próximo: nin a súa muller, nin o seu escravo, nin a súa escrava, nin o seu boi, nin o seu asno, nin nada de canto é seu".

                        Palabra do Señor                                        
                       R/. Grazas a Deus

SALMO RESPONSORIAL     Sal 18, 8. 9. 10. 11

R/. (Xn 6, 68c): Señor, ti tes palabras de vida eterna.

A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ó inxenuo;

Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos;

A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

Son máis cobizables có ouro
máis có metal precioso;
son máis doces có mel,
máis có zume da antera.


Segunda Lectura     1 Cor 1, 22-25
LECTURA DA 1ªCARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO ÓS CORINTIOS
Predicamos a Cristo crucificado, escándalo para os homes, pero sabedoría para os chamados por Deus

            Irmáns:
            Os xudeus piden signos e os gregos buscan a sabedoría; pero nós predicamos un Cristo crucificado: e isto para os xudeus é un escándalo e para os pagáns  unha loucura.
            Pero para os chamados, tanto xudeus coma gregos, el é Cristo, marabilla do poder e da sabedoría de Deus.
            Porque a loucura de Deus é máis sabia ca toda a sabedoría dos homes e a debilidade de Deus é máis forte ca toda a fortaleza dos homes.

                        Palabra do Señor                            
                       R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO           Xn 3, 16

De tal xeito amou Deus o mundo,
que lle deu o seu Fillo Unixénito;
quen cre nel, ten vida eterna.


Evanxeo     Xn 2, 13-25
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Destruíde este templo e en tres días heino restablecer

            Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mailos cambiadores, sentados; vai el e, facendo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores; e ós que vendían as pombas, díxolles:
            ‑ Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.
            Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: "O celo da túa casa devórame".
            Pero replicáronlle os xudeus:
            ‑ Que sinal nos mostras, para faceres estes feitos?
            Respondeulles Xesús:
            ‑ Derrubade este templo e erguereino en tres días.
            Retrucáronlle os xudeus:
            ‑ Corenta e seis anos levou edificar este templo e halo erguer ti en tres días?
            Pero el dicíao referíndose ó templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.
            Estando Xesús en Xerusalén pola festa da Pascua, moitos creron nel, vendo os signos que facía. Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a todos.
            Non precisaba de que ninguén lle dese informacións de ninguén, que ben coñecía el o que había no home.
           
                        Palabra do Señor                                        
                        R/. Loámoste, Cristo