Moitas persoas non acaban de aprender a quererse e aceptarse
como son, o que as leva a vivir nunha continua autoestima baixa, sentíndose
distintas: os patiños feos da súa contorna, coma se o seu ser persoas estivera
a expensas do que fan os demais. E se non nos queremos a nós mesmos e non somos
capaces de aceptarnos como somos, viviremos sempre nunha continua angustia e
desespero. Algo así lle ocorría ao profeta Elías: tampouco confiaba nel e non
era capaz de remontar a situación na que vivía, por iso desexa morrer: “quítame
a vida, pois non vallo...”. Que expresión tan forte e dura. Que mal ten que
atoparse unha persoa para que chegue a esa situación. Pero diante disto
aparecen o sentido e a forza da fe. Cando dicimos que a fe non adormece
conciencias, senón que as esperta e alenta, queremos dicir e destacar a
importancia que ten na vida de quen quere vivir desde o que ela lle aporta e
ofrece. Elías tamén acaba dándose conta desta situación, e atopa forza para
superar o que poderiamos chamar a súa situación de depresión e desesperanza, do
seu non quererse nin recoñecer o moito de bo que el, coma calquera de nós, ten
e pode ofrecer aos demais. A vida como don recibido é unha invitación a
responder a este don dándolle sentido e loitando para devolverlle a Deus canto
puxo en nós sabendo aproveitala. É aquilo de poñer a render os talentos
recibidos. Como lle di a Elías –senso figurado– tamén a nós nos di que temos
que poñela a render porque sempre queda moito camiño, un camiño no que ao final
non nos atoparemos coa nada e o sensentido, senón con Deus. Do mesmo xeito que
en tempos difíciles Elías soubo dar un xiro ao seu desespero, tamén nós estamos
chamados a facer o mesmo. A fe non é proclama dunha teoría abstracta na que nos
deixamos manipular, senón presenza viva de sentido e salvación que nos converte
en amigos de Deus.
Neste non deixarnos levar polo desespero, aparece como
presenza de Deus a forza do Espírito que nos acompaña e alenta en toda
situación. É verdade que moitas veces somos xordos e cegos para escoitalo e
velo, pero El está, tal e como nos di Paulo na carta aos Efesios. O seu estar é
todo un cambio de rumbo do noso xeito de facer as cousas; un cambio que supón
cambiar carraxe -que difícil tantas veces!!-, en bondade, ou os berros e
aldraxes en misericordia. Aquí é onde se nos mostra a frescura da fe e a súa
forza para que a nosa vida non camiñe ao túnel escuro do sensentido, do non
sei, non vallo ou non podo. Namentres nos quede capacidade de respirar, segue
habendo unha posibilidade de cambiar as cousas e non deixarnos levar polas
situacións que outr@s nos teñen marcado. Coma persoas libres afrontamos a
realidade con decisión e capacidade de superación. A referencia témola en
Cristo, e o camiño non pode ser outro máis có do amor. Nel está o verdadeiro
recendo da vida.
A Eucaristía, “fonte e cumio“ da vida do crente, convértese
no pan que vai alimentando este esforzo cotián por non deixar que outros nos
leven: persoas, situacións circunstancias..., á vez que se presenta como
alimento sen caducidade que fai fronte á tentación do abandono, de deixalo
todo, de recuar. Nunha palabra, é o mellor antídoto contra o medo. Nela
xuntámonos, escoitamos a Palabra, compartimos oración, sentímonos comunidade, e
todo isto remite ao alimento no que se converte cando a recibimos para que Deus
se faga carne da nosa carne e un dos nosos. É o gran que se fai presenza e
entrega que esperta ao traballo de non calar diante da mentira, de denunciar o
engano e non deixarse levar nin polo derrotismo nin polos camiños que outros,
aproveitándose da nosa situación de debilidade, nos queren marcar para
aproveitarse de nós. Pan vivo e alimento fresco que non cede á tentación da
murmuración e crítica, senón que pasando por riba desta tentación convértese en
referencia de encontro e fraternidade; impulso indignado contra calquera
intento de utilización e engano do ser humano.