viernes, 10 de agosto de 2012

Lecturas


DOMINGO XIX DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B

  
PRIMEIRA LECTURA 1 Re 19, 4-8
LECTURA DO PRIMEIRO LIBRO DOS REIS
Coa forza daquel pan puido chegar ata o monte de Deus

Elías seguiu polo deserto, un día de camiño. Alí foi sentar debaixo dunha xesta, e pediu a
morte, dicindo: -"Xa chega, Señor. Quítame a vida, pois non vallo eu máis cós meus pais".

Deitouse á sombra da xesta e durmiuse. Un anxo tocouno e díxolle: -"Érguete e come".
Mirou Elías e viu á súa cabeceira unha bica cocida no rescaldo e un xerro de auga. Comeu
e bebeu daquilo e volveuse deitar.

Tornou de segundas o anxo do Señor e tocouno, dicíndolle: -"Érguete e come, que che
queda moito camiño". Ergueuse Elías, comeu e bebeu e, coa forza daquel sustento, andou
corenta días coas súas noites, ata o monte de Deus, o Horeb.

Palabra do Señor  R/.Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
R/ (9a): Gustade e vede que bo é o Señor


Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa louvanza;
gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo.

Exaltade comigo ó Señor,
louvemos xuntos o seu nome.
Eu busco ó Señor, e El responde,
líbrame de tódolos temores.

Ollade para El e refulxide,
non poñades caras murchas.
O Señor escoita ó pobre que o chama
e líbrao de tódolos apretos.

O anxo do Señor acampa en torno ós seus fieis
e dálles seguridade.
Gustade e vede que bo é o Señor:
feliz quen a El se acolle.


SEGUNDA LECTURA  Ef 4, 30 - 5, 2
LECTURA DA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS
Camiñade no amor, igual ca Cristo

Irmáns e irmás:

Non aflixades ó Santo Espírito de Deus, que vos selou para o día da redención.
Arredade de vós toda retranca, carraxe, ira, berros ou aldraxes e calquera outra maldade;
máis ben sede bondadosos e misericordiosos uns cos outros, perdoándovos mutuamente,
coma Deus vos perdoou en Cristo.

Facédevos, logo, imitadores de Deus, coma fillos queridos, e camiñade no amor, igual
ca Cristo, que vos amou e que se entregou por nós coma ofrenda e víctima a Deus de
recendo agradable.

Palabra do Señor  R/.Grazas a Deus

ALELUIA Xn 6, 51:

Eu son o pan vivo que baixou do ceo, di o Señor;
quen coma deste pan vivirá para sempre

EVANXEO Xn 6, 41-51
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu son o pan vivo que baixou do ceo

Naquel tempo, os xudeus comezaron a murmurar de Xesús, porque dixera "Eu son o pan que baixou do
ceo", e dicían:
 
-¿Non é este Xesús, o fillo de Xosé? ¿Non lle coñecémo-lo pai e maila nai? ¿Como di, logo "Eu baixei do ceo"?

Xesús respondeulles:

-Non esteades aí a murmurar. Nin-guén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos Profetas: todos serán ensinados por Deus: todo aquel que escoita ó Pai e aprende, vén onda min. Non porque alguén vise ó Pai; o único que viu ó Pai é o que estaba onda Deus. Con toda verdade volo aseguro: quen cre, ten vida eterna.

Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron.
Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.

Palabra do Señor  R/.Loámoste Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario