sábado, 4 de agosto de 2012

Comentario


Na lectura do libro do Éxodo podemos atopar un espello da historia e da nosa vida: o medo ao risco, o convencemento de que non é posible traballar por unha vida máis digna, o “non te metas en líos” como criterio básico das que se consideran persoas de xuízo, a busca da tranquilidade e da seguridade ao prezo que sexa....Todas estas actitudes forman parte da nosa propia natureza, pero, se as deixamos, destrozan moitos proxectos de mellora e matan a creatividade e a frescura da fe. Os hebreos estiveron a piques de botar por terra o proxecto de Deus, que quería liberar ao seu pobo da dominación exipcia. Os israelitas preferían a tranquilidade da escravitude antes que o risco da loita pola liberdade. Exactamente o contrario do que Deus quería. Na nosa sociedade e na nosa Igrexa atopamos exemplos abondo disto. Cando alguén ten unha idea novidosa e quere levala á práctica, cando alguén quere por en marcha un proxecto novo, cando a creatividade busca romper a rutina.... rapidamente aparecen os profetas de calamidades que tentan botala abaixo falando de inviabilidade, de sen sentido.... Razóns: “iso non se fixo nunca así”. E xa non digamos se a cousa se pon en marcha e non sae ben.... entón caen chuzos de punta por todos lados.... esquecendo o esforzo, a ilusión e o traballo que había detrás. Por iso, o mellor, o máis cómodo, o máis seguro é seguir coma sempre, nas nosas rutinas, na nosa mediocridade, no laio estéril e permanente. Pero..., será iso o que Deus quere?.
  
- A resposta a esta pregunta vén da man de Paulo, quen lle lembra aos efesios, e a nós tamén, que temos que abandonar o noso anterior xeito de vida, ou o que é o mesmo, como as persoas e as sociedades evoluimos, o que valeu para outro tempo agora xa non é tan válido porque as circunstancias cambian. Por que esta afirmación que tan crara temos nalgunhas cousas na nosa vida cotiá (uso das novas tecnoloxías para comunicarnos, uso de novos electrodomésticos, mesmo cambios no noso xeito de vestir e na nosa imaxe) xa non é que non a teñamos crara no eido da fe, senón que nin tan sequera a contemplamos, e preferimos seguir vivindo na escravitude do medo e da rutina?. Non será que detrás de afirmacións como doutrinalmente seguro, cumprir o precepto, seguir ao pé da letra o ritual.... e outras parecidas agóchanse a nosa inseguridade, a nosa preguiza por apostar por un “aggiornamento” ou un querer seguir mantendo unha estrutura piramidal que fai que tanta e tanta xente se sinta desencantada e desesperanzada, sen atopar o seu lugar nunha Igrexa encorsetada e ríxida?. Paulo chámanos a deixar que o Espírito renove a nosa mentalidade, a que abramos as nosas ventás, facendo de nós persoas creativas que, desde a fidelidade á mensaxe de Cristo, sexamos capaces de aterrar na realidade e dar respostas cribles ás necesidades actuais das persoas no aquí e agora do noso mundo.

- Por iso hoxe, se cadra coma nunca, precisamos que o Señor nos dea dese Pan, para non volver ter fame nin sede. O pan da escoita e do diálogo, o pan do sorriso, o pan da solidariedade, o pan da creatividade, o pan da gratuidade, o pan da xustiza, o pan da compaña, o pan do traballo..... o Pan da Eucaristía, na que El se nos ofrece como forza para a vida, como alento para o desánimo, como novidade contra das rutinas, como caxato para o camiño. Que nos fartemos do seu pan para compartilo coas persoas pequenas, coas que arriscan, coas que non teñen medo, coas que se esforzan, día a día, para que a súa mensaxe chegue a todos os recunchos da terra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario