sábado, 4 de agosto de 2012

LECTURAS


DOMINGO XVIII DE ORDINARIO - CICLO B


PRIMEIRA LECTURA Ex 16, 2-4. 12-15
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Farei chover para vós pans do ceo

Toda a comunidade murmuraba no deserto contra Moisés e Aharón. Dicían: -"¡Sequera morresemos pola man do Señor na terra de Exipto, sentados ó redor dos potes de carne e con pan a fartar! Trouxéstesnos a este deserto, para matar de fame a toda esta comunidade".

O Señor díxolle a Moisés: -"Vou facer chover un pan do ceo para vós. O pobo sairá e collerá o que lle cumpra para o día. Quero poñelo á proba, para ver se anda ou non coa miña lei.

-"Oín as murmuracións dos israelitas. Dilles isto: O anoitecer teredes carne que comer e pola mañá pan a fartar. E saberedes que eu son o Señor, o voso Deus".

O serán viñeron paspallás e cubriron o campamento. Pola mañá había nos arredores unha capa de orballo. Cando esvaeu o orballo, apareceu no deserto unha capa miúda, coma escamas miúdas, que semellaban xeada sobre o chan. Os israelitas, ó que o viron, preguntábanse uns ós outros: -"¿Que é isto?" Pois non sabían o que era aquilo.




SALMO RESPONSORIAL Sal 77, 3 e 4bc. 23-24. 25 e 54
R/ (24b): O Señor deulles pan do ceo


O que oímos e sabemos,
o que os pais nos contaron,
témolo que contar ás xeracións vindeiras:
as glorias do Señor, o seu poder,
e os milagres que fixo.

Ordenou logo ás nubes desde arriba,
abriu as portas do ceo,
e fixo chover maná para comeren;
deulles trigo do ceo.

Comeu o home pan dos fortes,
deulles sustento a fartar.
Levounos á súa terra santa,
ó monte que adquirira coa súa dereita.



SEGUNDA LECTURA Ef 4, 17. 20-24
LECTURA DA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS
Vestide o home novo creado a imaxe de Deus

Irmáns e irmás:

Dígovos e recoméndovos en nome do Señor que non vivades máis coma os pagáns, coa
mente baleira.

Vós, sen embargo, non foi así como coñecestes a Cristo. Supoño que vos falaron del e
que vos ensinaron o que responde á verdade en Xesús; isto é, que vos ispades do home
vello da vida anterior, que vai esmorecendo, seducido polos seus anceios; que cambiéde-
la vosa actitude mental, e que vistáde-lo home novo, creado a imaxe de Deus, na xustiza
e na relixiosidade auténticas.



ALELUIA Mt 4, 4b:

O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus



EVANXEO Xn 6, 24-35
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Quen veña comigo non terá fame e quen crea en min non terá sede

En vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron
nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. Atopárono na outra banda do mar
e dixéronlle:

-Rabbí, ¿cando chegaches aquí?

Xesús contestoulles:

-Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque
comestes pan ata vos fartar. Traba-llade non polo pan que se acaba, senón polo que dura
deica a vida eterna, o que vos dará o Fillo do Home: pois el é a quen o Pai Deus marcou co
seu selo.

Eles preguntáronlle:

-¿Que temos que facer para realiza-las obras de Deus?

Respondeu Xesús:

-Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.

Replicáronlle:

-¿Que sinal fas ti, para que véndoo creamos en ti? ¿Que podes facer? Os nosos pais
comeron o maná no deserto, conforme está escrito: deulles a comer pan do ceo.

Entón díxolles Xesús:

-Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan do ceo; meu Pai é
quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e que lle
dá vida ó mundo.

Dixéronlle entón:

-Señor, dános sempre dese pan.

Xesús respondeulles:

-Eu son o pan da vida: quen vén onda min, non pasará fame e quen cre en min, endexamais
non terá sede.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario