sábado, 1 de marzo de 2014

Lecturas

VIII  DOMINGO  DO TEMPO ORDINARIO – CICLO A



Primeira Lectura      Is 49, 14-15
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Non me esquecerei de ti
 
            Sión dixo:
            "O Señor non me abandonou, o Señor non se esqueceu de min".
            "Esquécese unha muller do seu meniño?
            Non se compadece do fillo das súas entra­ñas?
            Aínda que ela se esqueza, eu non me esquecerei de ti.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 61, 2-3. 6-7. 8-9ab
 R/.  (6a):  Soamente en Deus acouga a alma miña.

Soamente en Deus acouga a miña alma,
del vén a miña salvación.
El é a miña rocha, a miña salvación,
a miña fortaleza: Xamais serei abalado.

Soamente en Deus acouga a alma miña,
del vén a miña esperanza.
El é a miña rocha, a miña salvación,
a miña fortaleza: Xamais serei abalado.

Está en Deus a miña salvación e a miña gloria;
a miña rocha, a miña fortaleza está en Deus.
Pobo seu, confía sempre nel,
desafoga diante del o corazón.



Segunda Lectura     1 Cor 4, 1-5
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
O Señor ha manifestar os motivos dos corazóns
 
            Irmáns:
            Que a xente vexa en nós uns servidores de Cristo e administradores dos misterios de Deus.
            Ora, o que se lles pide aos administradores é que sexan de fiar.
            A min impórtame moi pouco que me pidades contas vós ou un tribunal humano; nin tan se­quera eu me xulgo a min mesmo.
            Certo que de nada me remorde a conciencia. Pero non por iso estou xa xustificado: quen me pide contas é o Señor.
            De modo que non xulguedes antes de tempo: agardade a que chegue o Señor. Xa se encargará El de sacar á luz os segredos das tebras e de descubrir os motivos dos corazóns. Entón, quen o mereza, recibirá do Señor o seu eloxio.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Heb  4, 12
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
A palabra do Señor é viva e dinámica,
xulga os proxectos e os pensamentos do corazón.
Aleluia.


Evanxeo       Mt 6, 24-34
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Non andedes desacougados polo de mañá

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Ninguén pode servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira a outro, ou ben atende a un e menospreza ao outro.
            Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.
            Por iso dígovos: non andedes desacougados pola vosa vida (o que ides comer, o que ides beber), nin polo voso corpo (o que ides vestir). Non vale máis a vosa vida cá mantenza, e non vale máis o voso corpo có vestido?
            Ollade para as aves do ceo: nin sementan, nin segan, nin recollen nas arcas e, con todo, son mantidas polo voso Pai celestial. Non valedes vós máis ca elas? E quen de vós, por máis que se angustie, pode engadir un anaco máis ao tempo da súa vida?
            E polo vestido por que vos angustiades? Aprendede dos lirios do campo: como medran, e non traballan, nin fían. E asegúrovos que nin Salomón en toda a súa gloria chegou a vestir coma un deles.
            Pois se á herba do campo, que hoxe verdea e mañá será botada ao forno, Deus así a viste, canto máis non fará por vós, homes de pouca fe?
            Non andedes desacougados dicindo: "Que imos comer?" ou "que imos beber?" ou "que imos vestir?" Son os pagáns os que andan á busca de todas estas cousas; pois ben sabe o Pai voso celestial que as precisades.
            Procurade primeiro o Reino de Deus e mais a súa xustiza, e todas estas cousas hánsevos dar de seu. Así que non andedes desacougados­ polo de mañá; o mañá xa traerá a súa angueira. Cada día ten abondo cos seus pesares.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

REFLEXIÓN

A fraxilidade da nosa memoria vaise pondo de manifesto na medida na que imos esquecendo momentos, persoas ou experiencias, pasadas ou recentes, da nosa vida. Esta fraxilidade produce en nós, moitas das veces, sentimentos de tristura por non poder lembrar a alguén ou o que nos pasou nun momento determinado; pero tamén nos fai tomar conciencia de que ninguén de nós, rico ou pobre; con poder ou sen el, branco ou negro escapa á constatación dun feito, que nos guste ou non, ocórrenos a todos: somos limitados. E na nosa limitación ímonos recoñecendo sempre necesitados dos demais, descubrindo que solos non imos a ningunha parte; e se imos, pouco dura ese traxecto. As persoas necesitámonos unhas ás outras, inda que moitas veces non nos guste ou necesitemos tempo para admitilo.

Diante la limitación humana, a Palabra de Deus hoxe invítanos a non quedar presos dela, senón a esforzarnos para, sen buscar esquecela, irlle dando á vida outras metas e horizontes que a vaian enchendo de sentido e esperanza. E aquí atopamos con Deus. El é para nós a forza, o sentido, a meta cara onde imos. El é quen de non tomar en conta a nosa limitación, para querernos e acollernos tal e como somos. Diante de nós e dos outros que esquecemos/cen, Deus chega á nosa vida para ser sempre continuidade  e presenza, memoria viva que acolle a nosa desmemoria e nos dá agarimo e tenrura. Que nos deixemos levar desta apaixonante mostra de amor!

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Para que a pesar da fraqueza da nosa memoria, saibamos recoñecerte como amigo que nunca nos deixa, SEÑOR, AGARÍMANOS COA TÚA COMPAÑA.

Para que non deixemos que a nosa vida camiñe por vieiros de agoniamento  e
desesperación, CRISTO, AGARÍMANOS COA TÚA COMPAÑA.

Para que non lle deamos entrada no noso corazón a canto nos leva a prescindir dos demais, SEÑOR, AGARÍMANOS COA TÚA COMPAÑA.

PALABRA ENRAIZADA
Como diciamos ao comezo, son tempos de memoria fráxil. Unha fraxilidade que moitas das veces non quere ser máis ca escusa para non asumir responsabilidades polo comportamento. Pois en tempos así, aleda e ilusiona escoitar a palabra de Deus na primeira lectura, onde, unha vez máis, se nos lembra que diante da nosa fraxilidade, Deus non se esquece de nós, senón que vai termando da nosa vida co agarimo e a preocupación dun pai/dunha nai para quen a familia é cumio de encontro e amor. Tamén nós poderiamos preguntarnos se, como fai Deus con nós, somos capaces de facelo cos que conforman a nosa familia, cos que están preto e, moitas veces, esperando,  ese achegamento pola nosa banda. Na vida non hai cousa peor e máis triste que o esquecemento....e non nos referimos ao esquecemento de honras e recoñecementos, senón ao esquecemento das persoas, das que ninguén se lembra nin ás que ninguén ten en conta. E disto, por desgraza, na sociedade –e a parroquia forma parte desa sociedade– hai moito. A invisibilidade de cada vez máis persoas tería que facernos pensar aos que nos chamamos cristiáns, que é o que non estamos a facer ben para que isto ocorra, xa que deberiamos ter presente que detrás de informes, estatísticas, formularios ou trámites diversos, atópase a vida de persoas. Persoas que sofren, que están solas, que necesitan dos demais e de que as institucións non as acaben convertendo en expedientes que hai que estudar. Os seres humanos somos fillos de Deus, e polo tanto con dignidade e necesidade de sentírmonos recoñecidos e respectados. E iso, cada vez máis, vaise deixando en segundo ou terceiro plano. Como contrapunto  está  a acción de Deus. Nós si que esquecemos aos demais; si que nos esquecemos uns doutros; si que co noso actuar reducimos ás persoas ao anonimato e á invisibilidade...pero como El mesmo nos di, nunca é tarde, e sempre estamos a tempo. Fixemos a atención na palabra hoxe proclamada e comecemos a ver aos que están ao noso redor con outros ollos:  os ollos do encontro, a dispoñibilidade e a disposición a camiñar  xuntos, sen facer camiños de dúas velocidades nin caer na tentación de crernos redentores e salvadores dos demais. O único que salva é Deus en Cristo, e nós non somos máis que seguidores invitados a facer da nosa vida estancia de acollida compartida e construtora de esperanza.... tendo  sempre presente que El nunca nos vai esquecer. Por iso só nel atopamos refuxio e máis descanso sen ningún tipo de contraprestacións.

Para poder ir desenvolvendo esta tarefa debemos ter sempre presente que non nos vale calquera camiño, de aí que primeiro temos que parar a pensar que enderezo coller, e logo ver se antes de poñernos a andar fai falla amaña-lo camiño. Isto evítanos  ben camiñar sen rumbo ben ter que abandonar por non ter sabido que un ha  escoller non calquera camiño ao  chou, senón aquel que sabe que pode percorrer e rematar. A consideración das nosas limitacións dános un sentido de realismo e móstranos que as decisións importantes necesitan maduración e responsabilidade. De nada nos vale berrar que somos libres se non acompañamos ese berro da coherencia das nosas capacidades e das nosas limitacións. Actuar así fainos grandes e con capacidade de poñerlle corazón a canto facemos, sen que sexa un piloto automático de rutina e sen sentido o que marque a vida. Se somos seguidores dun proxecto de amor e esperanza, estamos chamados a testemuñalo coa nosa vida, a tomalo en serio e a non deixarnos ir polos vieiros do actuar deixado e o desconcerto... e moito menos xustificar este actuar como se non foramos máis que robots teledirixidos. A liberdade desde a que Deus nos crea, chama sempre pola nosa responsabilidade á hora de testemuñar coa vida que El é razón da nosa esperanza.


Por iso non nos agoniamos. Ao contrario, porque sabemos que non nos esquece nin nos trata coma monicreques,  non vivimos inquedos polas cousas materiais, senón que sabendo que estas son importantes para unha vida digna, non as convertemos nin en razón nin en obxectivo do noso vivir, o que nos abre a: ser persoas confiadas e sempre dispostas a tender pontes que unan na busca de proxectos de ben común e a esforzarnos para non ser carga inxusta para quen a sinxeleza da súa vida fai que sexa capaz de prescindir do superfluo para vivir compartindo o necesario. E isto non resulta comprensible se non somos capaces de entrar na dinámica do proxecto de Xesús, que nos chama a busca-la xustiza, e desde ela, traballar para facer do lugar no que estamos un espazo no que o anonimato e a invisibilidade dean paso á sinceridade a é acollida confiada de facer cousas que nos enchan persoal e comunitariamente.