Como rezar o Via Lucis - 3ª Parte
3ª ESTACIÓN
XESÚS APARÉCESE ÁS
MULLERES
As mulleres ven desbordadas polos feitos: o sepulcro está
baleiro e un anxo anúncialles que Cristo vive. E failles un encargo: anunciádeo
aos apóstolos. Pero a maior alegría é ver a Xesús, que sae ao seu encontro.
Do Evanxeo segundo San Mateo 28, 8-10.
Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero
cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren ós seus discípulos.
Entón Xesús saíulles ó encontro dicindo:
‑Alegrádevos.
Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e postráronse ante
el. Xesús díxolles:
‑Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns de que marchen
para Galilea, que alí me verán.
Comentario
As mulleres son as primeiras en reaccionar ante a morte de
Xesús. E obran con dilixencia: o seu agarimo é tan auténtico que non repara en
respectos humanos, no que dirán. Cando embalsamaron o corpo de Xesús tivérono
que facer tan rapidamente que non puideron terminar ese piadoso servizo ao
Mestre. Por iso, como aprenderon a querer, a facer as cousas até o final, van
acabar o seu traballo. Son valentes e xenerosas, porque aman con obras. Botaron
fóra o soño e a preguiza e, antes de despuntar o día, xa se encamiñan cara ao sepulcro.
Hai dificultades obxectivas: os soldados, a pesada pedra que
cobre a estancia onde está colocado o Señor. Pero elas non se asustan porque
saben pór todo en mans de Deus.
Oración
Señor Xesús, dános a valentía daquelas mulleres,
a súa fortaleza interior para facer fronte a calquera
obstáculo.
Que, a pesar das dificultades, interiores ou exteriores,
saibamos confiar e non nos deixemos vencer pola tristeza ou
o
desalento, que o noso único móbil sexa o amor,
ó pornos ao teu servizo porque, como aquelas mulleres,
e as boas mulleres de todos os tempos,
queremos estar, desde o silencio, ao servizo dos demais.
4ª ESTACIÓN:
OS SOLDADOS CUSTODIAN
O SEPULCRO DE CRISTO
Para ratificar a resurrección de Cristo, Deus permitiu que
houbese unhas testemuñas especiais: os soldados postos polos príncipes dos
sacerdotes, precisamente para evitar que houbese un engano.
Do Evanxeo segundo San Mateo 28, 11-15.
Mentres elas ían, algúns da garda foran á cidade para
informaren ós sumos sacerdotes de canto acontecera. Eles, reuníndose cos
senadores, acordaron darlles unha boa presa de cartos ós soldados, encargán-dolles:
‑Vós dicide: "os seus discípulos fórono roubar de
noite, mentres nós durmiamos". E, se o gobernador chega a saber algo, xa
o convenceremos nós, sacándovos do apuro.
Eles, collendo os cartos, fixeron tal como lles mandaran.
E así correu este rumor entre os xudeus ata o día de hoxe.
Comentario
Os inimigos de Cristo quixeron cerciorarse de que o seu
corpo non puidese ser roubado polos seus discípulos e, para iso, aseguraron o
sepulcro, selando a pedra e montando a garda. E son precisamente eles quen
contaron o ocorrido. Que acertado é o comentario dun Pai da Igrexa cando di aos
soldados: 'Se durmiades por que sabedes que o roubaron?, e se os vistes, por
que non llo impedistes?'. Pero non hai peor cego que o que non quere ver.
En lugar de crer, os sumos sacerdotes e os anciáns queren
ocultar o acontecemento da Resurrección e, con diñeiro, compran aos soldados,
porque a verdade non lles interesa cando é contraria ao que eles pensan.
Oración
Señor Xesús, dános a limpeza de corazón
e a claridade de mente para recoñecer a verdade.
Que nunca negociemos con ela para ocultar as nosas
fraquezas,
a nosa falta de entrega, que nunca sirvamos á mentira,
para sacar adiante os nosos intereses.
Que che recoñezamos, Señor, como a Verdade da nosa vida.
5ª ESTACIÓN:
PEDRO E XOÁN
CONTEMPLAN O SEPULCRO BALEIRO
Os apóstolos recibiron con desconfianza a noticia que lles
deron as mulleres. Están confusos, pero o amor pode máis. Por iso Pedro e Xoán
achéganse ao sepulcro coa rapidez da súa esperanza.
Do Evanxeo segundo San Xoán 20, 3-10 (cf. Lc 24, 12).
Pedro e mailo outro discípulo saíron correndo cara ó
sepulcro. Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca
Pedro, e chegou primeiro ó sepulcro. Abaixándose, viu que estaban os lenzos,
pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no
sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa
cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón
entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ó sepulcro; viu e creu. (Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que
resucitase de entre os mortos). Entón os discípulos voltaron para a casa.
Comentario
Pedro e Xoán son os primeiros apóstolos en ir ao sepulcro.
Chegaron correndo, coa alma esperanzada e o corazón latexando forte. E
comproban que todo é como lles dixeron as mulleres. Até os máis pequenos
detalles de como estaba o sudario quedan gravados no seu interior, e
reflectidos na Escritura. Cristo venceu á morte, e non é unha va ilusión: é un
feito da historia, que vai cambiar a historia. Despois deste feito, o Señor
sairía ao encontro de Pedro, como expresión da delicadeza do seu amor; e así, o
que chegaría a ser Cabeza dos Apóstolos, e tería que confirmalos na fe, recibiu
unha visita persoal de Xesús. Así nolo conta Pablo e Lucas: '[Cristo]
apareceuse a Cefas e logo aos Doce' (1 Cor 15, 5; cf. Lc 24, 34).
Oración
Señor Xesús, tamén nós como Pedro e Xoán,
necesitamos encamiñarnos cara a Ti, sen deixalo para
despois.
Por iso pedímosche ese impulso interior
para responder con prontitude ao que poidas querer de nós.
Que saibamos escoitar aos que nos falan no teu nome
para que corramos con esperanza a buscarche.