sábado, 13 de septiembre de 2014

LECTURAS

EXALTACIÓN DA SANTA CRUZ


LECTURA DO LIBROS DOS NÚMEROS Núm 21, 4b-9
Os mordidos sanaban cando a miraban

O pobo comezou a esmorecer polo camiño. E murmuraba o pobo contra Deus e contra Moisés: -¿Por que nos fixestes saír de Exipto para morrermos no deserto, pois falta o pan, non hai auga, e a nosa alma sente noxo deste alimento tan miserable? O Señor enviou contra o pobo serpes velenosas, que o morderon, e morreu moita xente de Israel. O pobo foi onda Moisés e dixéronlle: -¡Pecamos por falarmos contra o Señor e contra ti; rógalle ó Señor, para que afaste de nós as serpentes! Moisés rezou polo pobo, e o Señor díxolle a Moisés: -"Fai unha serpente velenosa, e pona no alto dun mastro: cada un dos mordidos que a mire, vivirá". Moisés fixo unha serpente de bronce e púxoa na punta dun pau ben alto; e cada un que fora mordido pola serpente, se miraba para a serpente de bronce, quedaba san.


SALMO RESPONSORIAL Sal 77, 1-2. 34-35. 36-37. 38
R/ (cf 7c) Non esquezáde-las obras do Señor

Escoita, meu pobo, a miña instrución,
atende as miñas palabras.
Vouche falar en parábolas,
exporche vellas adiviñas.

Cando os castigaba, eles buscábano,
voltábanse e corrían cara a Deus,
lembrando que Deus era a súa rocha,
o Deus Altísimo o seu redentor.

Coa boca tratábano de enganar;
coa lingua, de lle mentir.
Mais o seu corazón non era firme,
non eran fieis á súa alianza.

Por piedade perdoaba El as súas culpas
e non os destruía.
Moitas veces contivo a súa ira,
non deixou acende-lo seu noxo,



LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES Flp 2, 6-11
Humillouse a sí mesmo; por iso Deus exaltouno

Xesús Cristo, con ser de condición divina, non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus; senón que se espiu do seu rango, asumiu a condición de escravo; fíxose un home normal e presentouse como tal abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, ¡e a morte na cruz!
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo e lle concedeu un título que está por riba de calquera título para que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo no ceo, na terra e mais no abismo, e para que toda lingua proclame para gloria de Deus Pai que Xesús Cristo é o Señor.



ALELUIA

Adorámoste, Cristo e bendicímoste:
porque, pola túa cruz, redimíche-lo mundo



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN Xn 3, 13-17
É necesario que sea exaltado o Fillo do Home

Dille Xesús a Nicodemo:
ninguén subiu ó ceo, fóra do que baixou do ceo
, o Fillo do Home.

Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo de Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus ó mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.


Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo.

REFLEXIÓN

O texto da carta aos Filipenses que acabamos de escoitar é un himno litúrxico que rezaban as primeiras comunidades e co que se expresaba como Xesús ía desenvolvendo a misión encomendada polo Pai. Unha misión da que foi tomando conciencia a medida que a ía realizando –ninguén nace aprendido, dicimos nós moitas veces– ao longo dos seus tres anos de vida pública. Dinos este fragmento que Xesús asumiu a súa condición humana en totalidade, sen figuracións nin representacións teatrais. Naceu ser humano e coma tal viviu e desenvolveu tódalas súas accións. Non era un home de mentiriñas nin para ofrecer un espectáculo que só visen os que o seguían, Tampouco era un enredante que se aproveitaba da boa fe dos que o escoitaban. Non. El mostrábase tal e como era: un coma nós, un dos nosos: sufría coas cousas negativas que lle pasaban a el ou aos que con El estaban; e gozaba cando todo se orientaba de xeito positivo. O seu abaixamento ata a morte axúdanos a entender o porque tantas persoas están dispostas, desde El, a entregar a súa vida polos demais, sen esperar ningún recoñecemento, senón como consecuencia lóxica de querer seguir o camiño que El comezou. Que é hoxe o testemuño de tantos misioneiros e misioneiras que poñen a súa vida ao servizo da humanización dos máis pobres, aínda que iso, como ben sabemos todos, os acabe levando á morte? É máis, sen necesidade de ir lonxe, hoxe tamén esta palabra nos quere falar a nós, para que nos preguntemos se somos capaces de poñer a nosa vida ao servizo dos demais para levarlles a saúde que a súa situación persoal, familiar, laboral ou social lles foi quitando. Que tamén nós, coma Cristo, traballemos por asumir a nosa condición humana sen pretender ser nin mellores nin máis importantes ca os demais, só servindo.


Porque a cruz, no noso mundo é esa realidade, ese paradoxo da falsa ilusión na que moitas veces caemos cando afirmamos que somos moi bos porque non matamos nin roubamos. A cruz dinos hoxe que si, que hai moitas cousas que somos capaces de facer, e de facer mal. De que hai moitas das accións que facemos desde a nosa liberdade que destrúen, feren ou matan. De que non é necesario botarlle a culpa aos demais, aos que mandan, aos que dirixen, aos que dominan. Non, miremos para dentro de nós, e nun exercicio de sinceridade asumamos que nós tamén somos partícipes na construción de moitas das cruces no mundo de hoxe: calamos, miramos para outro lado, non dicimos a verdade, enganamos ou mentimos para obter beneficio, non nos comprometemos, pensamos só en nós mesmos, rexeitamos a quen non é dos nosos... E así son moitas as cruces que nós construímos para nós e para os demais. E Deus non queda na comodidade de deixarnos á nosa propia sorte, senón que enviou ao seu Fillo para que poidamos gozar da experiencia da salvación. Ese é o sentido da festa de hoxe: espirnos diante desta cruz na que Xesús se entrega para reconducir o noso camiño, para deixar atrás o antigo, para comezar a vivir no novo. Porque a cruz foi vencida, a morte non é o final de todo para un crente. A esperanza é posible. Cristo abriunos o camiño.

LECTIO


http://iglesiadesopelana3a.blogspot.com.es/


OLLAR CON FE AO CRUCIFICADO

A festa que hoxe celebramos os cristiáns é incomprensíbel e ata disparatada para quen descoñece o significado da fe cristiá no Crucificado. Que sentido pode ter celebrarmos unha festa que se chama “Exaltación da Cruz” nunha sociedade que busca apaixonadamente o “confort” a comodidade e o máximo benestar?

Máis dun preguntarase como é posíbel seguir aínda hoxe exaltando a cruz? Non ficou xa superado para sempre ese xeito morboso de vivirmos exaltando a dor e buscando o sufrimento? Temos de seguir alimentando un cristianismo centrado na agonía do Calvario e nas chagas do Crucificado?

Son sen dúbida preguntas moi razoábeis que necesitan unha resposta clarificadora. Cando os cristiáns ollamos para o Crucificado non enxalzamos a dor, a tortura e a morte, senón o amor, a proximidade e a solidariedade de Deus que quixo compartir a nosa vida e a nosa morte ata o extremo.

Non é o sufrimento o que salva senón o amor de Deus quen se solidariza coa historia dolorosa do ser humano. Non é o sangue o que, en realidade, limpa o noso pecado senón o amor insondábel de Deus que nos acolle como fillos. A crucifixión é o acontecemento no que mellor se nos revela o seu amor.

Descubrirmos a grandeza da Cruz non é atribuírlle un non sei que misterioso poder ou virtude á dor, senón confesarmos a forza salvadora do amor de Deus cando, encarnado en Xesús, sae a reconciliar o mundo consigo.

Neses brazos estendidos que xa non poden abrazar aos nenos e nesas mans que xa non poden acariñar aos leprosos nin bendicir aos enfermos, os cristiáns “contemplamos” a Deus cos seus brazos abertos para acoller, abrazar e soster as nosas pobres vidas, rotas por tantos sufrimentos.

Nese rostro apagado pola morte, neses ollos que xa non poden mirar con tenrura ás prostitutas, nesa boca que xa non pode berrar a súa indignación polas vítimas de tantos abusos e inxustizas, neses beizos que non poden pronunciar o seu perdón aos pecadores, Deus estanos revelando como en ningún outro xesto o seu amor insondábel á Humanidade.

Por iso, ser fiel ao Crucificado non é buscarmos cruces e sufrimentos, senón vivirmos coma el nunha actitude de entrega e solidariedade aceptando se é necesario a crucifixión e os males que nos poden chegar como consecuencia. Esta fidelidade ao Crucificado non é dolorista senón esperanzada. A unha vida “crucificada”, vivida co mesmo espírito de amor con que viviu Xesús, só lle espera resurrección.



José Antonio Pagola

Traduciu: Xaquín Campo Freire