sábado, 13 de septiembre de 2014

LECTURAS

EXALTACIÓN DA SANTA CRUZ


LECTURA DO LIBROS DOS NÚMEROS Núm 21, 4b-9
Os mordidos sanaban cando a miraban

O pobo comezou a esmorecer polo camiño. E murmuraba o pobo contra Deus e contra Moisés: -¿Por que nos fixestes saír de Exipto para morrermos no deserto, pois falta o pan, non hai auga, e a nosa alma sente noxo deste alimento tan miserable? O Señor enviou contra o pobo serpes velenosas, que o morderon, e morreu moita xente de Israel. O pobo foi onda Moisés e dixéronlle: -¡Pecamos por falarmos contra o Señor e contra ti; rógalle ó Señor, para que afaste de nós as serpentes! Moisés rezou polo pobo, e o Señor díxolle a Moisés: -"Fai unha serpente velenosa, e pona no alto dun mastro: cada un dos mordidos que a mire, vivirá". Moisés fixo unha serpente de bronce e púxoa na punta dun pau ben alto; e cada un que fora mordido pola serpente, se miraba para a serpente de bronce, quedaba san.


SALMO RESPONSORIAL Sal 77, 1-2. 34-35. 36-37. 38
R/ (cf 7c) Non esquezáde-las obras do Señor

Escoita, meu pobo, a miña instrución,
atende as miñas palabras.
Vouche falar en parábolas,
exporche vellas adiviñas.

Cando os castigaba, eles buscábano,
voltábanse e corrían cara a Deus,
lembrando que Deus era a súa rocha,
o Deus Altísimo o seu redentor.

Coa boca tratábano de enganar;
coa lingua, de lle mentir.
Mais o seu corazón non era firme,
non eran fieis á súa alianza.

Por piedade perdoaba El as súas culpas
e non os destruía.
Moitas veces contivo a súa ira,
non deixou acende-lo seu noxo,



LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES Flp 2, 6-11
Humillouse a sí mesmo; por iso Deus exaltouno

Xesús Cristo, con ser de condición divina, non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus; senón que se espiu do seu rango, asumiu a condición de escravo; fíxose un home normal e presentouse como tal abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, ¡e a morte na cruz!
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo e lle concedeu un título que está por riba de calquera título para que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo no ceo, na terra e mais no abismo, e para que toda lingua proclame para gloria de Deus Pai que Xesús Cristo é o Señor.



ALELUIA

Adorámoste, Cristo e bendicímoste:
porque, pola túa cruz, redimíche-lo mundo



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN Xn 3, 13-17
É necesario que sea exaltado o Fillo do Home

Dille Xesús a Nicodemo:
ninguén subiu ó ceo, fóra do que baixou do ceo
, o Fillo do Home.

Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo de Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus ó mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.


Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario