sábado, 20 de septiembre de 2014

Reflexión

•        O texto do profeta Isaías fainos unha chamada a que rompamos cunha maneira de entender e vivir a fe como se esta fose un produto que se pode comprar no mercado capitalista; no que todos/as, segundo se di, ten un prezo. Diante desta idea, que polo que parece xa non é nova, Deus fala por boca do profeta para que se rebele contra esta visión mercantilista do ser humano, que esquece que principal e basicamente somos dignidade....non cousa. De aí que afirme que este xeito de entender e actuar non entra nos plans de Deus. É máis, é imposible que se poida falar de Deus se o que queremos é facer o que nos peta, pretendendo logo buscar razóns que xustifiquen e lle dean “status” de actuar nobre e coherente ao que non é máis que puro egoísmo narcisista. Por iso os plans de Deus non son os plans de quen actúa así. Pero logo podemos preguntarnos: eses plans que só buscan a comenencia son tamén os noso plans? Se é así, teremos que preguntarnos cal é a razón que nos leva a que nos chamemos seguidores Del, cando o que facemos é todo o contrario ao seguimento ao que El nos invita. Cales son os nosos plans sobre o sentido da vida, a capacidade para non deixarnos levar do abatemento, a loita pola xustiza e a defensa radical da vida de todo ser humano, sen que nada xustifique atentar contra dela?

•        Poñendo a nosa confianza nel, tamén, como lle ocorría ao salmista, seremos capaces de percibir a súa achega; sentir a súa calor, o bafo do seu alento cheo de misericordia e xenerosidade. Camiñamos nesta disposición, ou mais ben somos dos que lle damos as costas, inda que se nos encha a boca de frases que chamamos oracións e repetimos de xeito mecánico? O Salmo 144 di: “preto está o Señor dos que o invocan”. Estar preto -entendida esta achega como disposición a dar razón da xustiza e da busca do ben común-, supón ter descuberto que Cristo o é todo para nós; de xeito que, coma Paulo, tamén nós podemos dicir que Cristo é a nosa vida. El é quen a enche de sentido, quen a transforma en verdadeira humanidade, quen a pon a dispor dos irmáns que non son nin recoñecidos nin tratados coma persoas. A fe , o seguimento de Xesús, non é un moralismo, senón un camiño de salvación; pero na medida en que o imos facendo, descubrimos a necesidade de convertelo en esixencia ética e compromiso moral, e este só pode estar na misericordia. A misericordia da que Cristo é primeira testemuña, e que nos invita a nós a ir construíndo.


•        E neste proxecto non caben nin a envexa nin o odio, senón o amor e o recoñecemento dos dons, dos valores que Deus puxo nese outro que para un crente non pode ser máis ca un irmán. A fraternidade que estamos chamados a construír desde o sinxelo da vida de cada un de nós. Cos pequenos pasos cara adiante que imos dando, e as pequenas frustracións que moitas veces nos fan sentir estancados e sen capacidade de seguir avanzando. E neste ir descubrindo novas perspectivas, tamén desde o fracaso, descubrímonos con capacidade para facer da bondade unha actitude que nos achega aos demais, e nos axuda a descubrir a Deus naqueles cos que compartimos esa bondade para facer da vida, do mundo e a da sociedade, a casa común onde non hai exclusións. Unha casa que no sobrado nos leva a descubrir os ceos novos e a terra nova á que nos chama Xesús.

No hay comentarios:

Publicar un comentario