DOMINGO III DE ADVENTO (GAUDETE)
(Ano A: 11 Nadal
2016)
O tempo de
Advento ten, como ben sabedes, unha certa ambigüidade en canto que por un lado
podemos dicir que principalmente se refire á espera da festa de Nadal, do
nacemento do Señor, mais por outro banda faise tamén alusión á derradeira vinda
do Señor á fin dos tempos, cando o Cristo glorioso restaure definitivamente
tódalas cousas.
Por iso, é
dicir, por esta que chamo “ambigüidade” do tempo de Advento, a actitude de
espera e de esperanza na vinda de Xesús en Nadal vén sendo tamén unha especie
de aprendizaxe da actitude que debemos ter sempre, durante todo o ano, durante
toda a nosa vida, ata o noso definitivo encontro co Señor.
Temos que
ter, polo tanto, actitudes de espera, de esperanza, de alegría e de paciencia
sempre, durante toda a nosa vida. Trátase dunha especie de cóctel de actitudes
aparentemente difíciles de harmonizar, pero que constitúen de feito a sustancia
mesma da nosa vida. Proclámao para todos, tamén para nós, o profeta Isaías
cando nos di cousas como as que acabamos de escoitar na primeira Lectura:
“Ponde firmes os xeonllos que tremen”. “Collede ánimo, non temades”. “Velaí
chega o voso Deus, El mesmo, e
salvaravos”. “Os rescatados do Señor ... conseguirán ledicia e felicidade, pois
o sufrimento e o pranto fuxirán”.
Para un
cristián que cre na mensaxe de Xesús coa forza que nos dá a súa graza, a vida
enteira é coma un día no que hai de todo, chuvia, nubes brancas e negras, sol
que nos amosa ás veces claramente a súa face, quenturas e friaxes. Días que
teñen tamén as súas noites, mais noites que esperan a chegada do rei sol, que
indefectiblemente chegará para que alume o novo día. Esta comparanza reflicte
algo do que nos quere ensinar o tempo de Advento.
Algo
semellante nos vén anunciar a carta de Santiago da segunda Lectura. Estamos
todos envoltos nun proceso que non remata e ó que deberiamos a cotío estar
abertos. É un proceso semellante ó que se ten que someter toda semente que
queira frutificar e sobrevivir máis alá de si mesma, mais manténdose ela mesma
dunha forma nova, superior, como planta vizosa e produtora de novas sementes.
Este é o misterio da vida, de toda vida, que leva consigo procesos difíciles e
complicados como o mesmo morrer, aínda que o proceso real non remate aí. Proceso
que require paciencia, esforzo, confianza, esperanza. Santiago dínolo na súa
carta desta fermosa maneira: “Tede paciencia, irmáns, deica a volta do Señor.
Reparade en como o labrego, coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra,
agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia
e collede folgos, porque o Señor axiña chegará”.
O tempo de
Advento convídanos, pois, a sermos “sementes”. Pero sementes conscientes do que
nos pasa en canto sementes que somos, conscientes dos cambios e procesos que
ocorren en nós e que nos han levar a unha vida máis plena, máis verdadeira. Un
gran de millo ou de trigo non sabe o que lle pasa cando se converte en semente,
cando cae na terra, na escuridade, na humidade, nas chuvias, neves ou fríos da
invernía que lle veñen enriba. Un gran de trigo ou de millo non pode saber nin
crer, non pode sufrir, nin esperar. Nós, en cambio, podemos saber e sentir todo
iso. Esa é a nosa diferenza e a nosa grandeza. Ese é o noso misterio, que nos asemella
a Xesús na súa vida, nos seus padecementos, morte e resurrección.
Este
Xesús, guieiro e modelo noso, é o que nos pon hoxe diante dos ollos o evanxeo
de Mateo. Dísenos nel que Xoán Bautista é loado por Xesús en canto “preparador”
da súa Boa Nova. Pero só, e nada máis, en canto “preparador” ou iniciador do
novo camiño de Xesús. Sabemos ben que o Bautista se centrou no labor de
achanzar en certo modo o terreo para poderen os seu oíntes escoitar con
proveito a mensaxe de Xesús. A linguaxe do Bautista era unha linguaxe de
penitencia, de conversión, de temor ó xuízo de Deus. Un Deus concibido aínda
sobre todo como castigador ou vingador. Xesús amósase, polo contrario, como
“alegre anunciador” da Boa Nova, da alegre noticia. Como aquel que se presenta
a si mesmo como “liberador” de todo mal, de toda limitación, como destrutor da
morte, pois a resposta de Xesús ós discípulos do Bautista é esta: contádelle a
Xoán que “os mortos resucitan”. Mais tamén teñen que lle informar a Xoán
Bautista -segundo lles encarga Xesús- que el, Xesús, toma partido polos pobres,
polos necesitados e marxinados da sociedade. Contádelle que “ós pobres se lles
está a anunciar a Boa Nova”. É dicir, Xesús preséntase a si mesmo ante os
discípulos de Xoán para que llo comuniquen a el, como o que, a diferenza de
Xoán, vén amosarnos un Deus que nel, en Xesús, está aí non para condenar, senón
para salvar, para amar e dar a súa vida por todos, para proclamar e construír
esperanza, para sufrir cos que sofren e aledarse cos que se aledan.
Comprenderedes ben así por que o papa Francisco, na súa primeira
encíclica ou Exhortación de hai só tres anos, nos falaba tanto da “alegría”, da
alegría que todo cristián ha de ter. O
mesmo título dela o anunciaba: “Evangelii Gaudium”, é dicir, a alegría do
Evanxeo. Este escrito do papa comeza así: “A alegría do Evanxeo enche o corazón
e a vida enteira dos que se atopan con Xesús. Os que se deixan salvar por El
son liberados do pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento. Con
Xesús Cristo sempre nace e renace a alegría. Nesta Exhortación quero dirixirme
ós fieis cristiáns para convidalos a unha nova etapa evanxelizadora marcada por
esa alegría”.
O papa
dinos que se trata dunha “nova” etapa de evanxelización, aínda que estea de
feito, polo que antes comentei, en perfecta continuidade coa presentación de si
mesmo que lles fai Xesús ós discípulos de Xoán Bautista para que lle leven a el
a resposta de Xesús. Aquí está tamén a razón pola que Xesús, aínda que fai unha
gran loanza do Bautista ó dicir del que é “moito máis ca un profeta” e que
“ningún nado de muller fora meirande ca el”, engada a continuación que, malia
dicir iso do Bautista, “o máis pequeno no reino dos ceos é meirande ca el”, co
Bautista.
Convertámonos,
pois, a esta “alegre” e liberadora esperanza da “nova” Boa Nova de Xesús.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Na nosa
oración comunitaria de hoxe dicimos: Ven, Señor Xesús.
Todos: Ven, Señor Xesús.
- Ven á túa
Igrexa, Señor, para que nos enchamos
do teu Espírito, da túa Boa Nova, e
sexamos así xeradores de esperanza e alegría para os demais:
Todos: Ven, Señor Xesús.
- Ven, Señor,
ó noso mundo dividido, no que se asoballa a persoas e pobos, para que o teu
Reino lle dea esperanza á humanidade:
Todos: Ven, Señor Xesús.
- Ven, Señor,
á nosa vida para que, iluminados pola luz do próximo Nadal, sexamos tamén luz e
abeiro de paz e consolo para os que sofren.
Todos: Ven, Señor Xesús.
Manuel Cabada Castro