sábado, 19 de octubre de 2013

LECTURAS

XXIX DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -  CICLO C

  
Primeira Lectura     Ex 17, 8-13
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Mentres Moisés levantaba a man, vencía Israel

            Naqueles días, viñeron os amalecitas e atacaron Israel en Refidim. Moisés díxolle a Xosué:
            "Escolle uns poucos homes e sae a loitar con Amalec. De mañá eu estarei no cume do outeiro, coa vara de Deus na man".
Xosué fixo o que lle mandaba Moisés, e foi loitar con Amalec mentres Moisés, Aharón e Hur subían  ao cume do outeiro.
            Cando Moisés erguía as mans, vencía Israel; cando as baixaba, vencía Amalec. As mans de Moisés estaban cansas, e eles colleron unha pedra e puxéronlla de asento,  ao tempo que Aharón e Hur, un por cada lado, lle sostiñan as mans ergueitas.
            As mans de Moisés estiveron ergueitas ata a posta do sol.
Xosué venceu a Amalec e á súa xente, a fío de espada.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 120, 1-2. 3-4. 5-6. 7-8
R/. (cf. 2): O noso socorro vén do Señor, que fixo o ceo e mais a terra.

Alzo os meus ollos cara aos montes:
de onde virá  o meu socorro?
O meu socorro vén do Señor,
que fixo o ceo e mais a terra.

El non deixa que esvare o teu pé,
o teu gardián non dorme;
non dorme, non adormece,
o gardián de Israel.

O Señor é o teu gardián,
O Señor é o teu arrimo, está á túa dereita.
Polo día o sol non che fará dano
nin a lúa pola noite.

O Señor gárdate do mal,
El garda a túa vida.
O Señor garda a túa chegada e a túa saída,
agora e por sempre.



Segunda Lectura     2 Tim 3, 14 -- 4, 2
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Perfecto sexa o home de Deus, idóneo para calquera obra boa

            Benquerido irmán:
            Mantente no que aprendiches e no que criches, e que non che esqueza quen cho aprendeu. Porque xa desde neno coñeces as letras santas, que son podentes para che ensinar o  camiño da salvación pola fe en Cristo Xesús.
            Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil para ensinar, para corrixir, para emendar, para educar na xustiza. Dese xeito, o home de Deus tórnase idóneo para calquera obra boa.
            Pídoche diante de Deus e de Cristo Xesús, que ha vir xulgar a vivos e mortos, pola súa vinda gloriosa e polo seu reinado: pregoa a palabra, insiste teimudamente, corrixe, reprende, aconsella con moita paciencia e doutrina.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA     Heb 4, 12
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
A palabra de Deus é viva e dinámica,
xulga os proxectos e os pensamentos do corazón.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 18, 1-8
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Deus faralles xustiza aos seus elixidos que claman a El
 
            Naquel tempo, Xesús propúxolles aos seus discípulos unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen cansar:
            Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba o home. Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: "Faime xustiza fronte  ao meu contrario". El, durante moito tempo, non lle fixo caso ningún; pero despois cavilou: "Aínda que non temo a Deus nin respecto o home, como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida".
            E o Señor continuou:
            Escoitade o que di un xuíz inxusto. E logo Deus non lles vai facer xustiza aos seus elixidos, que claman día e noite, e non vai ter paciencia con eles? Asegúrovos que lles fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do Home, el atopará fe sobre a terra?


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Comentario

    Moisés é consciente da realidade na que el e mais o pobo están a vivir, por iso insiste unha e outra vez na necesidade de orar xuntos, de orar con confianza, de orar crendo na forza e no valor da oración. Non se está a referir a unha oración rutineira que leva os beizos para un lado e a mente para outro. El non deixa de dicirlle ao pobo que canto se expresa cos beizos ha saír do profundo do corazón, pois só así a credibilidade de quen reza e do que se reza poderá asentar realmente no cotián da vida de cada persoa. Cando nós rezamos, facémolo tamén así, ou máis ben deixámonos ir polo vieiro da costume, a rutina e as palabras sen sentido nin forza que saen da nosa boca?... Unha vez máis, e respondendo á invitación que desde esta palabra que busca alimentar e dar sentido á nosa vida, esforcémonos por non caer na tentación de cansar e abandonar. Porque só quen insiste e non se deixa vencer polo desánimo, é capaz de entender e albiscar por que os cristiáns falamos de esperanza e non só de ilusión nin de ideas irrealizables. Non terá algo que ver coa aclamación que faciamos no salmo de que o noso auxilio nos vén do Señor?
     Se somos capaces de ir acompasando todo canto imos vivindo e facendo co que rezamos, estaremos acadando o obxectivo ao que nos invita Xesús: non deixarnos levar nin das présas nin da tentación de deixar pasar o tempo sen facer nada; á vez que iremos construíndo o edificio da nosa existencia con bos cimentos; os cimentos que se son capaces de aguantar os envites que a todos nos vai dando a vida, e non perder deste xeito a esperanza que asenta e orienta o sentido e opcións que cada un de nós imos tomando, e que nos axudan a crecer e madurar como persoas e como cristiáns. Deste xeito, iremos respondendo ás diferentes situacións nas que se vai concretando en nós a obra de Deus. Unha obra que deberá ir aprendendo a beber da fonte da realidade –os sinais dos tempos– para dar os mellores froitos de actitudes cristiás vividas sen medo e con gozo, no medio do mundo, e en unión con outras persoas, sexan ou non dos que pensan e fan coma nós. A obra de Deus non é un conxunto de ritos ou prácticas; tampouco un elenco de normas ou imposicións, senón a maneira de facer e vivir de xeito ledo que Deus nos quere, nos acompaña e nos invita a facer o mesmo coas persoas do noso redor e desde as estruturas xustas, solidarias e sempre orientadas ao ben común que nós imos dando na nosa sociedade.
      E todo o desenvolvemento deste proxecto que Deus pon ao noso dispor para que o realicemos non pode quedar nin reducirse a un activismo continuo de facer cousas e desesperarse porque non saen como as tiñamos pensado, senón que ha ser un proxecto construído paseniñamente, sen présas e ben orientado.Un proxecto que necesita non do simple arrouto da acción, senón da forza da oración perseverante, confiada e asentada sobre canto se vai facendo. Porque é aí onde temos que ir descubrindo a forza e a presenza de Deus. Só deste xeito poderemos entender por que cando falamos da oración, falamos do gran puntal que sostén a forza das nosas accións, as debilidades das nosos proxectos e a ilusión desde a que a perseveranza vai facendo que non desesperemos nas dificultades, senón que saibamos agradecer con realismo as nosas limitacións, e a necesidade da forza de Deus e da axuda dos demais. Solos non imos moi lonxe. Xuntos e en comunidade, acadamos metas e superamos atrancos. Perseveremos, sen medo, neste camiño.