sábado, 27 de julio de 2013

Lecturas


XVII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C

Primeira Lectura     Xén 18, 20-32
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Que non se me enfade o meu Señor se me atrevo a falar
 
            Naqueles días, dixo o Señor:
            "O clamor contra Sodoma e Gomorra é moi grande; o seu pecado é grave.
            Vou baixar e ver se este clamor que chega onda min corresponde cos feitos; e se non, sabereino".
            Os homes dirixíronse desde alí cara a Sodoma, pero Abrahán quedou diante do Señor.
            Abrahán adiantouse cara  ao Señor e preguntoulle:
            "Por caso aniquilarías os inocentes cos culpables? Se houbese cincuenta xustos na cidade, aniquilaríalos tamén, e non perdoarías o lugar por mor dos cincuenta xustos que houber nel?
            Lonxe de ti facer tal cousa! Matar o inocente co culpado, e que teñan os dous a mesma sorte. Lonxe de ti! O que xulga a terra enteira, non vai facer xustiza?"
            O Señor respondeu:
            "Se houbese cincuenta xustos en Sodoma, perdoaría a toda a cidade por mor deles".
            Abrahán insistiu:
            "Perdoa o atrevemento de lle falar  ao meu Señor, sendo eu po e cinsa. Se para cincuenta xustos faltan cinco, aniquilarías por culpa dos cinco toda a cidade?"
            Respondeu o Señor:
            "Non a destruirei, se atopo corenta e cinco".
            Abrahán insinuou:
            "Se cadra, hai corenta".
            El respondeu:
            "Non o farei, en vista dos corenta".
            Abrahán dixo:
            "Que non se enfade o meu Señor, se volvo falar aínda. E se houbese trinta?"
            El respondeu:
            "Non o farei, se atopo trinta".
            Abrahán teimou aínda:
            "Voume atrever a lle falar outra vez  ao meu Señor. Podería ser que houbese vinte".
            Respondeu o Señor:
            "Non a destruirei en graza aos vinte".
            Abrahán dixo:
            "Que non se alporice o meu Señor, e falarei aínda unha vez. E se houbese dez?"
            El respondeu:
            "Non a destruirei por mor dos dez".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 137, 1-2a. 2bc-3. 6-7ab. 7c-8
R/.  (3a):  Cando te chamo, Señor, respóndesme.

Douche grazas, Señor, de todo corazón,
hei cantar para ti diante dos anxos.
Hei prostrarme cara  ao teu santo templo.

Dou grazas  ao teu nome,
pola túa misericordia e a túa fidelidade,
Cando te chamo, respóndesme
e acrecentas as miñas forzas.

O Señor é excelso, e pon os seus ollos no humilde,
e coñece de lonxe o soberbio.
Cando me vexo en apuro,
ti consérvasme a vida.
Contra o furor dos meus inimigos
estendes a túa man.

E libérame a túa dereita.
O Señor completará os seus favores comigo.
A túa misericordia, Señor, é para sempre,
non abandones a obra das túas mans.


Segunda Lectura     Col 2, 12-14
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Deuvos a vida con el, perdoándovos todos os pecados
 
            Irmáns:
            Sepultáronvos con Cristo no bautismo e tamén resucitades nel pola fe na forza de Deus, que o resucitou de entre os mortos.
            E a vós que estabades mortos polos vosos pecados e por non ter circuncidado os vosos instintos, deuvos a vida con el.
            El perdoounos todos os pecados, anulando a cédula dos preceptos legais que ía contra nós: quitouna de diante e espetouna na cruz.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

  
ALELUIA     Rm 8, 15bc
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Recibistes o espírito de adopción de fillos;
nel clamamos: Abba, Pai.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 11, 1-13
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Pedide e recibiredes
 
            Unha vez, despois de estar Xesús orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle:
            Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán aos seus discípulos.
            Respondeulles:
            ‑ Cando recedes, dicide:
Pai, sexa santificado o teu Nome!
Pai, veña o teu Reino!
Dános cada día o noso pan.
E perdoa os nosos pecados,
como tamén perdoamos nós
a todo o que nos debe;
e non nos sometas á tentación.
            Logo continuou:
            Botade de conta que un de vós ten un amigo, que vos presentades na casa del pola noite, fóra, e que lle dicides: "Amigo, déixame tres bolos de pan, que me veu un amigo de viaxe, e non teño nada que lle poñer diante". E que aquel, desde dentro, responde: "Non me amoles, está a porta pechada, eu e mailos nenos estamos na cama: non me podo erguer agora para chos dar". Desde logo que, se non se levanta para llos dar por se tratar dun amigo, polo menos por ser teimudo, erguerase e hallos dar.
            Por iso dígovos: "Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade a abrirásevos. Que todo o que pide, recibe; o que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle".
            Ou logo, que pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra? Ou se lle pide un ovo, dálle un alacrán? Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousas boas aos vosos fillos, canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo aos que llo pidan!


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

A nosa voz ten que ser a voz de Deus. Mellor, debera ser a voz de Deus. Si, porque a través do que nós imos dicindo, se verdadeiramente tomamos en serio o ser crentes, tería que ir aparecendo no xeito de dicir, facer e desenvolver as nosas relacións duns cos outros, o que son os valores e as actitudes que van emanando da historia de amor que Deus, desde o comezo, quixo vivir connosco: a historia da salvación. Unha salvación que non se xoga nin nas nubes nin no ceo, senón no día a día no que nos imos atopando coas nosas ilusións, as esperanzas, os fracasos ou as tristuras. No día a día no que nos imos atopando con outras persoas –irmás– que viven situacións parellas ás nosas, e que tamén agradecen que nos paremos, as escoitemos, ou lles botemos unha man. Porque a través desta relación de reciprocidade é como podemos ir escoitando a voz do Deus que nos fala, nos urxe ao amor, e nos chama a desenvolver no noso andar cotián actitudes e comportamentos que alenten e fagan agromar e medrar a esperanza. Non unha esperanza palabra, recurso ou tópico, senón unha esperanza que fai que diante dos problemas e dificultades non nos veñamos abaixo; que nas situacións difíciles saibamos buscar axuda e afrontalas; que ante momentos nos que parece que non hai máis saída que o fracaso e a desesperación lle prestemos atención á voz de Deus que nos segue a falar desde a confianza e o realismo de que ás situacións hai que facerlle fronte sen medo, e non escapar delas. Coma o pobo de Israel, tamén nós necesitamos abrirnos a El e dicirlle con convicción profunda: “cando te invoquei, escoitáchesme”. Pero non podemos escoitalo se pechamos ollos e oídos ao que pasa ao noso redor. Descubramos a Deus no medio de problemas e dificultades, e unámonos na tarefa de loitar por superalos.

En Cristo é onde atopamos con toda a súa claridade esta confianza a modo de reciprocidade: de Deus para connosco, e de nós para con Deus. Nel reconstruímos canto a nosa preguiza, o noso egoísmo, o desencanto que tantas veces aflora na vida foi levándonos á tristura, o aburrimento, o desinterese por todo o que supoña esforzo e loita. Cristo non é un personaxe mitolóxico, tampouco un heroe de conto. Non. É un dos nosos, é coma nós. Asumiu a nosa condición humana e sufriu os problemas, as dores, -tamén as alegrías- dos que estaban ao seu redor. Pero non quedou aí, senón que nos tendeu unha ponte, pola que nos invita a pasar, para que a reconciliación, a misericordia, o perdón e o encontro sexan actitudes que poñamos en práctica e nos reencontren con quen nos tiñamos afastado. O seu amor aprémanos, a súa liberdade é a nosa, desde a súa luz vánsenos abrindo tamén a nós camiños de luz. Por iso non é o noso quedar na tristura, nin na dor nin tampouco converter o engano, a corrupción, a inxustiza, o asoballo... en luz. Non, todo isto nunca pode ser luz nin saír de Cristo. E se nós queremos ser os seus seguidores, xa sabemos por onde temos que camiñar: non cara á tebra, senón cara á luz. E só nel a podemos atopar. Aprendamos a acollela.
  

E só a acolleremos se adoptamos o mesmo rumbo ca El. O pedide e recibiredes, fainos caer na conta de que a oración non é un sen sentido; tampouco unha perda de tempo, senón unha profunda experiencia de confianza, encontro e diálogo, sempre desde a vida, desde o que nos pasa, con aquel que é a razón da nosa esperanza. Non tentemos buscar a solución concreta aos nosos problemas, coma se Deus fose tan inxusto para amañar os meus e desatender os dos demais. Non. Busquemos atopar nel a forza desde a que abordar as situacións, non sempre doadas, que a vida vai pondo no noso camiño; e desde a nosa liberdade, sabendo que El é o caxato no que poder apoiarnos, avanzar para dar resposta, solución e tamén sentido á nosa realidade. Desde esta confianza temos que entender o pedide e darásevos ao que se refire Xesús.