Cansados
como estabamos ata as doce da noite pasada co ano vello e cheo de días que
levabamos ó lombo, agora seguramente andaremos máis lixeiros co pequerrexo ano
que levamos no colo e que se chama 2016.
Si. Todos
temos, dunha forma ou doutra, esa experiencia do tempo que pasa e que vai
pasando con nós. Se non houbese anos que contar, noite vella e aninovo,
abrentes e solpores, noites e días, resultaríanos menos doado dármonos conta do
paso do tempo.
Moitos
filósofos, pensadores, físicos teóricos, etc. intentaron e intentan saber en
que consiste realmente o tempo. O malo é que nós estamos tan identificados con
el que nos resulta difícil velo, coma quen di, fóra ou diante de nós, a una
certa distancia, para podérmolo contemplar así en si mesmo se é que tal cousa
for posíbel.
Dicimos
que Deus vive na súa propia eternidade e que nós vivimos no tempo. O caso é que
este Deus que chamamos intemporal se meteu, no seu Fillo Xesús do Nadal, no
tempo. De maneira que, irmáns como somos de Xesús e participantes así da súa
divindade (como nos di a propia liturxia), temos todos algo de temporais e algo
de eternos. Somos persoas humanas e, coma tales, limitadas, mais tamén
entendemos dalgunha maneira iso de sermos eternos e, ademais, querémolo ser. A
quen non lle gustaría vivir cen, mil, un millón de anos, vivindo ademais, como
se adoita dicir, cunha boa “calidade de vida”, sen que parecese –por así
dicilo- que o tempo pasa por un?
Con isto o
que quero dicir é que, ó rematar un ano e dar comezo o novo, deberiamos darlle
grazas a Deus por permitirnos asomarnos ó balcón soleado deste Aninovo, podendo
así un ano máis ollar con esperanza cara ó futuro. Grazas e, tamén, pedirlle
perdón porque hai moita contaminación no mundo para podermos chegar limpos de
po e palla ata o final do ano. Se o xusto peca sete veces, cantas máis veces
non teremos pecado nós, que tampouco podemos fachendear de xustos, pois isto
mesmo sería xa un pecado máis a engadir ós que xa temos....
Á altura
deste comezo do Aninovo, é sempre bo tamén botarlle unha ollada ás tarefas, proxectos
ou angueiras que se nos presentan ou poden presentar nel. Para vermos se están
ou non en liña con aquilo que somos ou queremos ser. É moi posíbel que a todos
nos conveña medrar aínda máis no senso da nosa común fraternidade, derivada de
sermos e sentírmonos fillos dun mesmo Pai, do noso común Pai Deus. Polo menos
cara a isto parece apuntar a Segunda Lectura de hoxe, tomada da carta do
apóstolo Paulo ós Gálatas. Dinos nela Paulo que Deus Pai nos mandou o seu
Fillo, nado dunha muller, para deste xeito podérmonos converter en fillos
“adoptivos” de Deus; e que por iso todos
podemos invocar a Deus chamándoo “¡meu Pai!”; e que de aquí provén tamén o
feito de que sexamos de verdade “herdeiros” das grandezas e riquezas de Deus
Pai. “Por seres fillo –dinos a cada un de nós Paulo- es tamén, grazas a Deus,
herdeiro”.
A carta ós
Gálatas de Paulo é unha grandiosa e persistente loa da “liberdade”. É bo
lembralo a comezos de ano. Por moito que algúns pensen que os cristiáns estamos
sometidos a un Deus ameazador, a verdade é que temos dereito e razóns para
considerármonos ben libres. Libres no noso comportamento e na nosa relación con
Deus e con todos. Dínolo Paulo de maneira clara nesta súa carta de hoxe: “Ti xa
non es escravo, senón fillo”.
Por iso
este día primeiro de ano é tamén o “Día Mundial da Paz”. E está claro que non
pode haber “paz” onde hai asoballamento ou escravitude. Un cristián no debería
endexamais aturar ser “escravo” de ningún Deus nin de ningunha persoa humana,
sexa esta quen sexa. Deus fíxonos en Xesús libres e quérenos así.
Naturalmente, esta liberdade non é unha liberdade calquera. A liberdade
cristiá é, de maneira paradoxal, a liberdade de quen libremente se fai
“escravo” dos demais en servizo e amor a eles. Este tipo de “escravitude” si
que é boa. Exerceuna o noso irmán maior, Xesús, durante toda a súa vida e de
maneira simbólica lavándolles os pés ós seus discípulos na derradeira cea. É a
liberdade dunha Teresa de Calcuta, que se fixo voluntariamente escrava de
asoballados e desprezados, e a de tantas outras persoas (cristiáns ou non) que
intentaron e intentan crear liberdade por onde queira que van facéndose
libremente escravos dos demais.
No mundo
pertencemos todos a unha mesma familia en canto fillos dun mesmo Pai Deus. Se o
noso irmán maior Xesús non quixo nacer nunha casa normal, senón nunha corte, e
morrer nunha cruz en vez de nun leito de rosas sería seguramente para que
ningún desgraciado deste mundo despois del puidese dicir que Xesús non é seu
irmán.
Deus quixo
facerse en Xesús fillo dunha nai humana. Por iso celebramos hoxe tamén a
festividade de Santa María, “Nai de Deus”. Parece imposíbel que se poida falar
con verdade e case sen contradición dunha “Nai de Deus”. Pero é que para Deus,
unha vez máis, “non hai imposibles”. Parécenos imposíbel que Deus se faga un
ser humano coma nós en Xesús, e, a pesar de todo, ese é xustamente o “misterio”
central da fe que profesamos.
Renovando
coa graza de Deus a nosa fe nel, comecemos este Aninovo coa alegría do Espírito
de Deus e a beizón do Pai e do Fillo. E, deste xeito, que a Santísima Trindade
de Deus presida tódolos días deste novo ano 2016, que desde hai só doce horas
nos acompaña. E moitas felicidades tamén ós que celebrades hoxe o voso
onomástico: ós que se chaman Xesús ou Xesusa, Manuela ou Manuel, Salvador,
María, etc. etc.! Que Deus nos bendiga a todos!