A ASCENSIÓN DO SEÑOR
- A
Primeira Lectura
Feit 1, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Elevouse á vista deles
O primeiro
libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o
comezo, ata o día que foi levado ao ceo, logo de ter dado instrucións polo
Espírito Santo aos apóstolos que escollera.
Ós mesmos
que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón,
aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino
de Deus.
E comendo
con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen
a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais
a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
Os que
estaban reunidos preguntábanlle:
‑ Señor, é agora cando vas
restablecer o Reino de Israel?
El respondeulles:
‑ Non vos acae a vós coñecer o tempo
ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiredes a forza
do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en
Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
En dicindo
isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando
eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con
vestidos brancos, que dixeron:
‑ Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos
foi levado de entre vós ao ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 46, 2-3. 6-7. 8-9
R/. (6): Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de
trompetas.
Ou: Aleluia.
Aplaudide, pobos todos,
aclamade a Deus con cancións.
O Señor é excelso e terrible,
o gran rei de toda a terra.
Deus sobe entre aclamacións,
o Señor, ao son de trompetas.
Cantádelle a Deus, cantádelle,
cantádelle ao noso rei, cantádelle.
Deus é o rei de toda a terra:
cantádelle con xeito.
Deus reina sobre as nacións,
sentado no seu trono sagrado.
Segunda Lectura
Ef 1, 17-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Sentouno á súa dereita no ceo
Irmáns:
O Deus do
noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e
de revelación, para o coñecerdes ben; que manteña iluminados os ollos da vosa
alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da
gloria da súa herdanza nos crentes, e cal o extraordinario portento do seu
poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da
súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á
súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude
e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén
no vindeiro.
Someteullo todo baixo os seus pés e
púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude
daquel que o enche todo en todas as cousas.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mt 28,
19a. 20b
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Ide e ensinade a todas as xentes, di o Señor:
eu estou convosco todos os días ata a fin do mundo.
Evanxeo Mt 28, 16-20
LECTURA DO FINAL DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Déuseme todo poder no ceo e mais na terra
Naquel
tempo, os once discípulos foron a Galilea, ao monte onde Xesús os citara. Vendo
a Xesús, prostráronse perante el, aínda que algúns dubidaban.
Entón
acercouse Xesús e díxolles:
‑ Déuseme todo poder no ceo e mais
na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no
nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, ensinándolles a gardar canto vos
mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo