lunes, 29 de octubre de 2012

Comentario


Encontrámonos na última etapa da subida de Xesús a Xerusalén. O evanxeo dos próximos domingos pertence xa á actividade desenvolvida no interior da cidade antes da paixón e morte. As narracións de milagres que encontramos nesta parte do evanxeo de Marcos son moi escasas, e a de hoxe ofrécenos un conxunto de características peculiares;

-En primeiro lugar, queda situada xeograficamente: á saída de Xericó, lugar de paso e unha das últimas etapas dos que ían a Xerusalén procedentes do Xordán. Ademais, Xesús vai acompañado de "bastante xente", posiblemente hai entre eles peregrinos que van á festa de Pascua e que son os que lle aclaman ao entrar en Xerusalén (cf. Mc 11).

-Tamén o cego ten nome propio: Bartimeo (e especifícase, ademais, que era o fillo de Timeo). Este home, privado da vista e condenado a vivir das esmolas da xente, é -como eran todos os cegos- un representante da miseria e da desesperanza humanas. Pero ao oír que pasa Xesús non quere de ningún modo deixar escapar a súa oportunidade. A súa actuación está chea de detalles significativos:

-En primeiro lugar, chama a Xesús co título de "Fillo de David", título mesiánico popular que inclúe as esperanzas políticas e nacionalistas centradas no restablecemento da monarquía davídica. Xesús, no momento en que emprendeu decididamente o camiño que vai conducilo á morte, non rexeita xa o título de Mesías. A xente si que pretende facer calar a Bartimeo (quizais porque non comparte a súa opinión sobre o mesianismo de Xesús?).

-Cando sabe que Xesús lle chama, o cego non dubida nin un momento en deixar o manto e en dirixirse cara el; o manto debía telo estendido no chan para recoller nel a esmola: despréndese, polo tanto, daquilo que lle permitía sobrevivir porque cre que rematou a súa situación de cegueira.

-Non facía falta que dixesen a Xesús que é o que quería o cego, pero quere que sexa el mesmo quen exprese o seu desexo: "Mestre, que poida ver,".

-A curación prodúcese só pola palabra de Xesús, non vai acompañada por ningún xesto. É a confianza do cego en Deus e no poder curativo de Xesús -unha confianza que quedou expresada no conxunto das palabras e accións do cego- o que a fixo posible.

-Pero as palabras finais falan de salvación. A fe non conduciu a Bartimeo só a recobrar a vista, senón á adhesión persoal e ao seguimento de Xesús "polo camiño".

Segue a Xesús polo camiño que leva a Xerusalén e á morte: esta é a verdadeira salvación.